Mostrar mensagens com a etiqueta Club dos EX-. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Club dos EX-. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 26 de abril de 2018

MEDRANDO CO CLUB D@S EX!

Antía Varela volve connosco para compartir coa súa palabra a súa última lectura, Chamando ás portas do ceo de Jordi Sierra i Fabra.

Reparade na súa opinión porque seguro que non vos resistiredes a esta proposta lectora!

Se tivese que definir a Silvia con unha palabra, sería: Especial, porque é unha desas persoas que te namoran simplemente coa súa presenza e o xeito de pensar.

Grazas a ela coñecemos a beleza e a pobreza que rodea á India, con ela vives o día a día no hospital e coñeces a moitos pacientes que te marcan, non só polo agradecemento e a ilusión que mostran cando ela os axuda, senón tamén pola forza que ainda lles queda.

Nesta novela mestúrase a aventura coa desgana, o amor coa desilusión, a fermosura coa pobreza, pero o máis importante é que o medo se converte en superación.

Convídovos a coñecer a India a través dunha historia que vos vai deixar cautivados.

segunda-feira, 12 de março de 2018

E VEÑAN MÁIS PALABRAS AO CLUB D@S EX!

Recibimos unha nova compañeira de viaxe virtual agora que xa non a temos connosco no centro: Nerea Fernández. Benvida!!!

Para esta primeira colaboración, Nerea preséntanos unha obra ben coñecida, escrita por Xabier P. Docampo, O misterio das badaladas.

Ollade para as súas impresións lectoras que son porta para abrir á descuberta dunha historia ben misteriosa e curiosa...



Gustoume moito a idea de que as ex-alumnas seguisen participando no Club. Como eu tamén son unha delas, aquí vos deixo un libro magnífico de Xabier P. Docampo titulado O misterio das badaladas

Como o propio título di, esta historia trata dun reloxo que se acaba de poñer en marcha e as súas badaladas son exactas, doce badaladas, pero ás doce da noite dá trece! 

Como pode ser posible? 

Se queredes axudar aos rapaces a descubrir o misterio, tédelo que ler. 

Dende logo é un libro que te mete de cheo na historia que conta, xa que te fai pensar como é posible que dea unha badalada de máis e sobre todo ás doce da noite.

terça-feira, 13 de fevereiro de 2018

NOVO CAPÍTULO DO CLUB D@S EX-

A nosa ex- María Rodríguez volve connosco a través da lectura do libro Palabras envelenadas de Maite Carranza.

Comezade coa lectura da súa reseña e con certeza non resistiredes achegarvos á novela.


Durante o mes de xaneiro lin un libro que, tristemente, está moi relacionado coa actualidade. 

Palabras envelenadas trata sobre a desaparición dunha rapaza, Bárbara Molina. 

Esta rapaza é agredida física, sexual e psicoloxicamente por unha persoa da súa familia durante, máis ou menos, a metade da súa vida pero, aínda así, ela mantén a esperanza de que algún día poderá gozar da liberdade que merece.

Nesta historia tamén hai que destacar o papel da nai de Bárbara, Nuria Solís, quen sofre como o tempo pasa sen saber o paradoiro da súa filla, sen saber se algún día a volverá a ver…

O libro consta de tres partes e cada parte ten diferentes capítulos que están narrados en primeira ou en terceira persoa. A historia avanza rápido ata a metade da segunda parte, que se volve máis lenta pero á vez moito máis intrigante; tan intrigante que a persoa que está lendo chega a meterse no papel da protagonista e sentir o perigo que corre.

Recoméndovos esta lectura porque, nestes momentos e por desgraza para nós, as mulleres, é moi importante ter todos os sentidos alerta para que ningunha de nós sexa a seguinte en ser noticia no telexornal. 

Ninguén ten o dereito de arrebatarnos a liberdade, a felicidade e moito menos, a vida.

quarta-feira, 3 de janeiro de 2018

A VOZ DAS EX-

Continuamos coñecendo os gustos e experiencias literarias do noso Club d@s Ex-. Nesta ocasión, toma de novo a palabra Antía Varela para compartir a lectura dun gran libro de Agustín Fernández Paz, un autor que nunca defrauda!!!

Leamos as súas propias palabras. Con certeza caeremos no engado da lectura do libro de relatos O único que queda é o amor.


Como ben di o título, neste libro conviven unha serie de relatos que teñen en común o amor.
Coincido con Agustín en que, a fin de contas, o único verdadeiramente importante nas nosas vidas é o amor, tanto o compartido coa túa parella, coa familia, os amigos ou mascotas; mais o desamor tamén ten un papel moi destacado en moitos dos relatos.

O amor consegue estar presente na vida dos protagonistas apesar do paso dos anos e ata despois da morte.

Cada un dos relatos contén unha historia diferente, con narradores que non teñen nada en común, agás o privilexio de sentir todo o que o amor pode provocar: ledicia, tenrura, tristeza..



Gustoume moito que ata os animais teñan o poder de contar bonitas vivencias compartidas cos seus amos.

Este libro está ateigado de pequenos fragmentos doutros libros importantes na vida do autor, que incorpora ás historias para facelas máis especiais; isto leva a que pouses o libro un momento e busques información sobre esas citas que te atopas, poden ser tanto parágrafos de novelas como poemas.

O principio de cada relato vai tamén acompañado de frases e debuxos en branco e negro que resumen as diferentes historias.

RECOMÉNDOO con maiúsculas porque cada relato que les supera ao anterior, fai sentir moito en moi poucas páxinas.

Estou segura de que o remataredes, coma min, nunha sentada.

sexta-feira, 15 de dezembro de 2017

A VOZ DAS EX-

Continúa o Club d@s Ex- a traernos propostas lectoras ben suxestivas e complementarias das anteriores.

Neste caso chega a quenda de Ana Seoane, que pasou de ser exalumna a se converter xa en profesora!!!!

Benvida sempre ao noso planeta lector, Ana!!!

E que nos propón ler? Pois, olliño que velaquí chega...




Todo OK, de Diego Ameixeiras


A través deste libro Diego Ameixeiras expón a vida da protagonista, Inés Landeira. Esta muller estaba a piques de ser xulgada por un delito de narcotráfico que a levou a un tráxico final, tanto a ela como á súa amiga da infancia María. 
Inés buscaba a absolución por un delito que, segundo ela, non cometeu e que impregnou a moita xente; o submarino cargado de droga procedente de Colombia revolucionou tanto a policía como aos que estaban implicados no delito.

Durante o transcurso da novela, Inés vive diferentes situacións, a doenza dunha perna que case non a deixa camiñar, a morte de súa nai, o encarceramento de Jairo, o noivo da súa mellor amiga, e a traizón do tenente Gutiérrez que xoga a varias bandas durante toda a novela.  

É unha novela moi cortiña, de fácil lectura pero con moito contido e moita información que hai que ir asimilando mentres se le para poder comprender a historia completa. 

Recomendada 100%

quarta-feira, 22 de novembro de 2017

MÁIS NOVAS DESDE O CLUB D@S EX-


Seguimos a recibir propostas lectoras do Club d@s Ex- con esta nova reseña de María Rodríguez sobre unha novela que nunca nos deixa sen o necesario pouso reflexivo, sempre e cada día do ano, máis aínda nestas vésperas dun novo 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

Grazas, María, por partillares a túa lectura e valoración crítica sobre A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.

A Cabeza de Medusa é un libro incrible, que todo o mundo debería ler, pero sobre todo, os adolescentes.
Nestes momentos, como todos sabemos, as rapazas estamos máis expostas que os rapaces a que nos suceda calquera cousa se camiñamos soas pola rúa un día pola noite; pode ser que nos rouben, que nos violen, e incluso que nos maten, e como non, a culpa sempre recaerá sobre nós. Cuestionarase como iamos vestidas, que faciamos a esa hora SOAS pola rúa, por que non nos acompaña un amigo... e neste libro sucede algo así.
Unha noite na que dúas amigas saen de festa e que podía ser estupenda, remata con dúas violacións. As rapazas violadas, Sofía e Lupe, atrévense a denunciar o sucedido, pero a presión social, o mal compañeirismo e a preocupación polo 'que dirán' provocan que se sintan culpables e unha delas acabe retirando a denuncia.
Nesta lectura atopámonos con todo tipo de persoas, pero, como case sempre, aparecerá alguén que evite que non penses no sucedido e que, pouco a pouco, volvas á túa vida normal sen que ninguén te xulgue e que, se o fan, non che afecte o máis mínimo.

Agardo que desfrutedes da lectura igual, ou incluso máis, ca min e que sigades lendo moito tempo máis, porque os libros son vida.
 


sábado, 18 de novembro de 2017

E QUE CONTAN POLO CLUB D@S EX-?


Desta volta é a nosa excompañeira do club Patricia Bardanca quen volve onda nós para compartir o seu novo percorrido lector.

Lourenço Xograr é o título da novela de Manuel Portas que ela nos recomenda con esta ben suxestiva reseña.

Moitas grazas, Patri!!!


A última lectura que fixen foi a de Lourenço Xograr, unha historia ambientada no século XIII, na Idade Media, que nos transporta a outra sociedade, a  outros pensamentos e á nosa lírica medieval. Poderemos contemplar esta época vista dende diferentes perspectivas.

 Lourenço é o gran protagonista desta novela, na que haberá múltiples aportacións históricas e políticas reais desa mesma época. 

A novela divídese en dúas partes, a primeira cun narrador omnisciente que narra a vida de Lourenço e a segunda con diferentes narradores, todos personaxes da novela, que nos irán contando a historia dende a súa perspectiva. Nalgún caso mesmo farán denuncias sociais, como consecuencia de numerosos comportamentos que se daban. 

Recomendo esta lectura porque nos traslada a unha historia ficticia dunha época pasada da nosa Galicia, pero con intervención de personaxes que si existiron, como María a Balteira, e con acontecementos históricos e políticos que tamén foron reais. Unha historia na que comprenderemos moitos pensamentos e situacións que se viviron anteriormente e que a miúdo nos custa crer.

domingo, 12 de novembro de 2017

VOLVE O CLUB D@S EX-


Xa nos tardaban as colaboracións do noso ilustrísimo Club d@s Ex, mais comezan a petar na porta e abrímoslla inmediatamente para saber que andan a ler e que pistas nos deixan por aquí.

Este curso inaugura a rolda de intercambio literario Antía Varela que por primeira vez en varios cursos xa non nos acompaña nas aulas, nin nas tertulias nin nas actividades extra... E canto a estrañamos!!!!

Menos mal que  non perde ocasión de compartir connosco a súa última lectura, O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas. A ver quen é a próxima en lelo?


Teño que dicir que me pareceu unha lectura bastante difícil, tiven que volver atrás moitas veces porque me perdía continuamente, xa que consta de varios enfoques diferentes que se producen de forma brusca.

Son consciente de que se me escaparon moitos detalles importantes e de que, por suposto, precisa unha segunda lectura que pronto será realizada.

Esta novela trata sobre a estancia do doutor Daniel Da Barca no cárcere de Santiago de Compostela. A historia é contada maioritariamente por Herbal, un dos gardas, a sombra do doutor durante o tempo que estivo encadeado, mesmo foi con el a todos os sitios aos que o trasladaron.

Estes dous personaxes, tan diferentes entre eles, estaban unidos polo amor que sentian cara Marisa Mallo, a parella do médico. A historia entre Da Barca e Marisa deixa claro que o amor non entende de fronteiras, mantiveron a súa relación a pesar de todas as dificultades que se lles presentaron.

Non vou destacar moito máis desta primeira lectura pero preciso rematar esta reseña nomeando a frase que máis me marcou do libro; o momento no que a un inspector lle cae a pistola da funda e o doutor di: "Caeulle o corazón ao chan, colega."

domingo, 16 de outubro de 2016

CLUB D@S EX-

Álvaro Antelo achéganos como proposta literaria para gozar dun bo tempo lector a obra poética de Lois Pereiro e cóntanos o seu proceso de descuberta deste poeta tan senlleiro, voz lírica única.

Grazas, Álvaro, por partillares connosco a túa emoción lectora e a complicidade que sentes na túa propia escrita poética con Lois Pereiro!






Escribir sobre Lois Pereiro sempre é un reto, ademais unha honra. Tiven a sorte de saber del cando cursaba estudos secundarios, mais a miña ignorancia naquel entón impediume achegarme a el. Anos despois, xa en bacharelato, din con el na biblioteca e (re)descubrín ao poeta que supuxo un punto de inflexión. 

Hai estrelas que logo de mortas seguen presentes, así é a poesía de Lois. Un raio no medio da treboada, ou máis ben un amencer literario. A intensidade da súa obra é tal que a día de hoxe segue a ser un dos referentes para as novas xeracións de escritores; entre os cales, humilde pero satisfeito me atopo eu.

O primeiro que sentín ao ler os seus poemas foi frío. Esa é unha das primeiras impresións que causa Lois, as súas verbas rachan no silencio. Abonda abrir Poemas 1981/1991 e ler o primeiro poema para darse conta de que non estás ante outro poeta calquera. Esa é unha das grandes virtudes da súa voz poética: a personalidade, a potencia coa que falaba. Dicían que Lois era o poeta anarquista; eu sempre penso que era pola valentía coa que escollía as palabras. Cando el escribía, a poesía asentía e calaba. 

Outra faceta da súa literatura é o intimismo tan potente dende o que escribe. Tal vez o seu primeiro poemario sexa unha obra máis metálica e punzante, como as agullas irónicas das que falaba; mais en Poesía última de amor e enfermidade a voz de Lois vólvese moito máis interna. Os poemas amósanse baixo unha atmosfera moi poderosa. É aí onde o poeta se fai humano.

Manuel Rivas dixo nunha ocasión que as palabras de Lois eran tan verdadeiras que semellaban pecado. Eu vou máis aló: as palabras de Lois son pecado, vida e morte; son a furia necesaria, o futuro alleo, a enfermidade, a irreverencia; son modestas proposicións para facer que deixen de xirar as portas; luces e sombras de amor... Especialmente amor. As palabras de Lois eran amor que resucitou ilimitado. "Contra a morte o amor que vai comigo" dicía nun dos seus poemas. Se teño que recomendar un poeta, sempre será Lois. Contra a morte os versos de Lois que van comigo.
                                                     
Admiro moitas cousas de Lois Pereiro. A súa valentía para afrontar a morte e plantarlle cara. A súa breve pero intensa literatura e a poderosa voz coa que a creou. Mais se hai algo que admiro de Lois é o seu espírito inconformista e rebelde, o seu anarquismo atroz e a súa negación a renderse. Desfruto do poeta, mais admiro a persoa.
"Permitirías ti, amor deserto, que nesta febre penitente abrise a derradeira porta e a pechase detrás miña, sonámbulo e impasible, ou porías o pé entre ela e o destino?". Eu si o poñería.

CLUB D@S EX-


Continuamos este curso enriquecendo a nosa sección de encontro literario co Club d@s Ex-.

A primeira en voltar a este recuncho para o reencontro é Ana Seoane, que nos ofrece unha ben suxestiva lectura: As voces baixas de Manuel Rivas.

Todo un convite á lectura! 

Grazas, Ana!!!

María, a irmá do  narrador, é o fío condutor dos diferentes capítulos que constitúen As voces baixas, de Manuel Rivas. 

O autor, con esta obra, achéganos aos recordos da súa infancia e ás persoas que formaron parte dela, ademais de recrear os distintos puntos da cidade da Coruña da época. Nas diferentes pasaxes do libro pódense apreciar os recordos e a melancolía do protagonista, pero sobre todo resalta a retranca galega do escritor.    


Desde logo trátase dun exemplar  distinto, que non engancha desde o primeiro capítulo pero que esperta grande curiosidade no lector/a, o/a cal desexa saber máis. 

Chegando ao final dos relatos é máis doado comprender a historia completa. Polo tanto, recomendo que se faga unha lectura calmada e gozar da mesma.

Convídovos a que investiguedes quen son as voces baixas ás que se refire o autor na obra.  

segunda-feira, 16 de novembro de 2015

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...

Toma a palabra desta volta quen foi compañeiro e profesor inesquecíbel de lingua e literatura galega no noso centro, Xan Fernández Carrera.

A novela A xeira das árbores, de Teresa Moure, é a escollida por el para esta presentación que sen dúbida nos atrapará no seu convite de lectura.

Grazas, Xan!



Antes de nada quero felicitar ao club de lectura e ao seu blogue “Coristranca” do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco polo traballo que está a realizar en prol da animación á lectura, unha das actividades máis nobres do ser humano. Onde hai un lector ou unha lectora, hai unha persoa culta, reflexiva, tolerante, sensible, receptiva e amante da liberdade.
Para seguir fortalecendo estes valores convídovos á lectura do libro A XEIRA DAS ÁRBORES da escritora compostelá Teresa Moure.
Trátase dunha novela curta que discorre ao longo dun día, que se distribúe por horas, segundo as tarefas que a protagonista, Clara, vai desenvolvendo durante a mañá, a tarde e a noite. Con esta división tan detallada do tempo quere transmitirnos a sensación do ritmo estresante da vida actual.
Unhas veces é o narrador o que nos vai relatando o que acontece, pero outras será a propia protagonista a que conte a súa  vida. Hai pouco diálogo e nel temos que imaxinar nunhas ocasións as preguntas e noutras, as respostas. Mais tamén hai reflexións e monólogos.
A autora a través da protagonista preséntanos unha muller que loita por ser libre e independente, e fuxir do papel que a sociedade lle atribúe. Quere ser ela por enriba de todo,   a pesar de terse que enfrontar  cunha vida dura, sen axuda da familia, nin das parellas coas que tivo os tres fillos desexados. Isto suponlle unha intensa actividade  ao longo da xornada: levar os cativos ao colexio, axudarlles a facer os deberes, prestarlles atención nas súas necesidades domésticas e mesmo participar dos seus xogos. Pero ademais ten que atender ao seu traballo de tradutora e enfrontarse ao machismo do xefe e tamén ao da propia rúa.  Son moitas as dificultades que ten que superar e poucos os momentos que dispón para poder gozar da súa vida persoal, pero Clara intenta ser forte e resistir como unha árbore ben enraizada.
En fin, un libro que nos fala da vida cotiá, do amor, da liberdade,  do machismo...,  no que a problemática da muller está presente ao longo de todas as súas páxinas e tamén o ritmo frenético da vida actual que nos absorbe e a penas nos queda tempo para desenvolvernos como persoas.
Anímovos a ler esta noveliña para que coñezades a vida dunha muller loitadora, que se podería corresponder con calquera que vive ao voso redor.

terça-feira, 10 de novembro de 2015

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...

O noso club externo de amizades lectoras continúa a medrar grazas á proposta e convite literario que nos fai chegar Alba Varela Pose desta gran novela de Antón Riveiro Coello, As rulas de Bakunin.

Quen será a primeira persoa que caia na tentación?


“Camilo está sentado na sala de estar, alí onde noutrora estivera a corte, e mesmo reinventa o fedor estrumento de entón, cando se procuraba a temperatura natural para os fiandeiros. Está triste porque o seu pensamento viaxa pola parte máis negra da súa vida enchéndoo todo de sombras antigas: o frío homicida do monte, a melancolía cerval da ausencia, o cárcere, a dor…
Lázaro entra, rexistra os obxectos co seu tacto audaz e recoñece axiña a presenza pola respiración entrecortada:


-          ¿Qué fas, avó?


-          Loitar cos recordos.”


 “Esa loita comigo mesmo, ese illamento solitario, marcoume de vez. O frío nos pés aterecidos, a humidade pegañenta na que nadaban os meus ósos asomadores entre miñocas coma serpes, o sangue no cuspe, a fame implacable, o cansazo moral, a perda dos caídos que ían deixando indelebles feridas de ausencia -todos perduran no meu cerebro coma un tumor-, a criba da chuvia no patio, o renxer da sirena, o medo físico á morte…, todo se metía por entre as liñas e desconcentrábame. Por veces, alarmado por unha derrota provisional, víame camiñando pola galería, esquivando as olladas larvadas dos compañeiros presos que me miraban con esa misericordia circunspecta que se lles dispersa aos condenados no seu último paseo; algúns mesmo me reprochaban con voces defraudadas o fracaso da miña retentiva”.



Este libro relátanos a vida de Camilo Sabio Roldán, un home que viviu en diferentes épocas (república, ditadura e democracia), as cales lle afectaron na súa vida, no camiño que esta tomou e na súa forma de ser. 

As rulas de Bakunin é un libro entretido no que imos coñecendo pequenos intres da historia, grazas a Camilo e a súa familia, e no que vemos exemplos de superación e de valentía ante as trabas que nos van aparecendo ao longo do noso percorrido vital. 

Este libro agocha máis dunha sorpresa nas súas páxinas, o que o fai moi recomendable.