Mostrar mensagens com a etiqueta Usha. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Usha. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 10 de janeiro de 2017

REINICIAMOS LECTURA NAS ONDAS

Esta tarde fría de xaneiro reiniciamos unha das experiencias vinculadas á lectura que tanto nos presta: lanzar as nosas voces ao ar a través da maxia de Radio Cuac FM.

En breve ofreceremos o acceso dixital á gravación de Carla, Uxía, Laura e María para quen non nos puidestes escoitar en rigoroso directo.


Atención ás súas pantallas e emisora on line se queredes saber máis de Manuel María e Asunción Antelo ou se queredes escoitar a fantástica conversa que mantivemos coa escritora María Reimóndez, autora de tres novelas que nos últimos tempos foron moi do noso agrado: Usha, Volvo! O regreso de Usha e A dúbida.

domingo, 15 de março de 2015

ENTREVISTA A MARÍA REIMÓNDEZ


A autora de Usha! responde as nosas preguntas, unha vez rematada a lectura. 

Que magnífica sorpresa!!!

1. Que foi o que che inspirou o contido do libro?
Inspiroume a pouca sensibilidade que polo xeral temos cara ás persoas que viven noutras culturas, mesmo cando as temos ao noso arredor. É habitual que convivamos con nenas e nenos doutros lugares sen pararnos a pensar nas moitas cousas que poderiamos aprender das súas culturas e do importante que é esa aprendizaxe. Obviamente, tamén me inspirou o feito de levar convivindo co sur da India máis de 20 anos polo traballo que fago con Implicadas no Desenvolvemento (www.implicadas.com)
 
2. A personaxe de Usha nace dalgunha persoa real? E a nai? 
Non, a personaxe de Usha é unha personaxe de ficción, tamén a súa mai. Pero está baseada en todas as nenas que senten curiosidade polas outras e que queren buscar respostas ás cousas por si mesmas.

3. Por que nunca se fala do pai de Usha?
 
Para contestar esta pregunta debedes ler «Volvo! O regreso de Usha», de feito o libro naceu polas moitas veces que se me fixo esta pregunta a raíz de Usha. Non todas as nenas e nenos teñen un pai e unha mai, hai quen ten dúas mais, dous pais, vive só coa mai ou co pai, con avós e avoas. A literatura ten que dar cabida a todas esas nenas e nenos e deixar de fomentar unha sociedade na que só algúns/algunhas poidan verse reflectidas nos libros.


4. Á vista da túa biografía, pensamos que nesta lectura pode haber influencias das túas experiencias persoais na India. É así?
 
Creo que é importante non confundir a experiencia coa biografía. Por suposto que as miñas experiencias, non só na India, marcan o que escribo. Pero iso non quere dicir que eu necesariamente vivise exactamente as cousas que se narran nos libros. É certo que procuro escribir sempre de lugares que coñezo e nese sentido Devastana está directamente inspirada nunha aldea de Karnataka na que pasei bastante tempo e que se chama Jagalur. Cando eu visitei Jagalur por primeira vez hai máis de 20 anos non había nin un teléfono, hoxe ten páxina na Wikipedia (http://pt.wikipedia.org/wiki/Jagalur)! Loxicamente o libro reproduce a vida habitual na aldea pero as historias que se contan son o resultado da observación e logo a miña propia imaxinación.

5. É a vida na India tan difícil como se describe no libro?
 
Non era consciente de que a vida que se describa no libro sexa «difícil», creo que en todos os lugares as nenas e os nenos atopan diferentes atrancos e cousas que non lles gustan, pero eu confío na súa capacidade para forxar amizades e cambiar as cousas. A India é un país moi grande e as condicións de vida son moi diversas, non se pode tomar unha novela como a explicación dun país. Quero dicir con isto que cando lemos un libro protagonizada por unha nena ou un neno que vive en Galicia non pensamos que ese libro describa a totalidade do que acontece no noso país, non si? Pois o mesmo acontece con Usha.


6. Por que empeza o libro coa escena da picadura da serpe?
 
Porque no libro quería falar da confianza, da aprendizaxe e tamén enmarcar a Usha no seu contexto que nese tipo de cousas é moi diferente do noso.

7. Pensas voltar á India pronto? Que é o que te leva alí periodicamente?
 
Espero que no verán. O que me leva son as persoas e o traballo que fago con ellas, o que aprendo cada día.

8. Xa vimos que está publicada unha nova historia de Usha. Que podemos encontrar nesta lectura?
 
 Iso teredes que descubrilo vós mesmas/os pero creo que algo xa vos adiantei!


Moitas, moitas grazas, María, desde o Planeta Cristranca!!!

segunda-feira, 2 de março de 2015

VIAXE CARA Á INDIA CON USHA



Usha, Devastana, Karnata, Lakshmi e Deepak son palabras que aprendemos a pronunciar grazas ao club de 1º de ESO o pasado xoves 19 de febreiro na tertulia á que nos convocou Usha, a novela de María Reimóndez.

Palabras raras, parecían... ou simplemente diferentes ás nosas?

Rematado o noso entroido galego, viaxamos cara á India para descubrir outras formas de existencia, ordenadas con culturas e palabras diferentes, mais expresivas de formas de vida propias do oriente que para nós, desde o occidente, son grandes descoñecidas.


Mais a emoción, a amizade, o amor a solidariedade sabemos que son sentimentos comúns que non entenden de razas, cores, linguas, vestiarios, costumes...

Aínda así, algunhas preguntas quedaron no ar e quen mellor que María Reimóndez, a escritora que converteu Usha en personaxe con vida propia para nolo contar.

Atención!!! Porque xa sabemos que dentro duns días lanzaremos por esta xaneliña unha entrevista en exclusiva que a autora nos acaba de conceder!!!



quarta-feira, 28 de janeiro de 2015

ESTREA DO CLUB DE 1º ESO

Recibimos neste Planeta Coristranca con grande alegría a nova sección do club de 1º de ESO que a partir de agora xa realizará lecturas autonomamente e que comentaremos tal e como fan as seccións tertulianas maiores, isto é, unha tarde en horario extraescolar.



Cal foi a lectura común escollida? Xa o adiviñastes? Puxémolo doado, non si?

Se queredes descubrir canda nós quen é Usha, deberiades seguirnos por esta rede, xa que iremos dando pistas...