Mostrar mensagens com a etiqueta poesía. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta poesía. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 28 de fevereiro de 2019

CORISTRANCA VOLVE Á RADIO CUAC FM

Retomamos a nosa xeira radiofónica!


Se non nos puidestes escoitar ao vivo ou queredes volver compartir os bos momentos que pasamos este martes 26 de febreiro, mesmo malia algunha sorpresa!!!, velaquí vos deixamos o enlace de novo ao programa número 266 de "A fume de carozo".
Reiteramos a nosa gratitude ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e a Roberto Catoira, o técnico, que sempre nos facilitan
Parabéns  ás locutoras Victoria Porteiro Bértoa, Rebeca Martínez Pena, Sara Álvarez Vilanova e Laura Gómez Velo!

quinta-feira, 1 de março de 2018

CORISTRANCA DE NOVO NA ONDA


O pasado martes 20 de febreiro visitamos na Coruña novamente o estudo "José Couso" de Radio CUAC FM para emitir un novo programa " A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Nesta ocasión o equipo de guionización e locutación correu a cargo de membros do club de lectura de 4º ESO e por se non chegastes a tempo de os escoitar ao vivo ou queredes recuncar- agora é o momento estupendo desde este enlace que vos ofrecemos. 








Neste programa quixemos prestar atención especial á inmediata celebración do Día de Rosalía e descubir a María Victoria Moreno, autora destacada este ano na celebración do Día das Letras galegas ou a Eli Ríos, a autora que se esconde tras a intensa novela que acabamos de ler, Luns, publicada pola editorial Xerais.

Ogallá vos preste tanto escoitarnos como nós aprendemos preparándoo!

Até o próximo programa!

quarta-feira, 22 de novembro de 2017

CORISTRANCA NAS ONDAS


Este martes 21 de novembro inauguramos unha nova tempada radiofónica en Radio CUAC FM para falar de libros e lectura, dentro do programa "A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Moitas páxinas de contidos e seccións literarias. Non imos desvelar moito para quen non nos puido escoitar ao vivo e está a agardar polo enlace on line, así que só vos adiantamos algúns nomes que no programa soaron: María Reimóndez, Antonio García Teijeiro, María Solar, Jordi Sierra i Fabra...

Atención, atención, radiooíntes... se non nos escoitastes ao vivo, deixámosvos por aquí o enlace ao programa para que recunquedes na escoita deste fabuloso programa guionizado e locutado por María, Carla e Uxía!!!

terça-feira, 23 de maio de 2017

PECHE TEMPADA RADIOFÓNICA


Hoxe o noso equipo de radio pechou a tempada nas ondas emitindo o derradeiro programa. Derradeiro? Si, o derradeiro, porque tanto María como Lucía e Patricia abandónannos neste curso para seguir o seu tempo de formación noutro centro.

Moito as imos estrañar, mais a tarde de hoxe foi moi especial. E se non nos credes... será porque non as escoitastes ao vivo, así que atención, atención ao programa que xa chega desde aquí ás súas pantallas!!!

Impresionantes entrevistas ás grandes descubertas literarias deste último trimestre: o escritor Carlos Negro e a escritora María Solar.

De vós non as deixariamos perder!!!



Parabéns, locutoras superlectoras!

terça-feira, 25 de abril de 2017

PALABRAS EN VERSO


Que é a poesía? É iso que contan por aí? Só fala a poesía diso que se di? E se por acaso non rima?



Tópicos, preguntas, diálogo, sensacións, sorpresas doces, respostas e sobre todo versos e poemas foi o que hoxe nos trouxo ao noso club de 4º ESO o poeta Carlos Negro.




Sen dúbida, todos os interrogantes xurdidos coa lectura de Penúltimas tendencias e Masculino singular ficaron resoltos... ou levaron a novos interrogantes? Que vos parece: Lucía (s), Bianca, Patricia(s), Iago, Cristina, Antía, Esperanza e Maria?


segunda-feira, 27 de março de 2017

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (IX)

Patricia Pose preséntanos, unha semana máis, o seu fotohaiku de primavera...

 A filla do Mar
só na mente pervive
quixo ser libre


sexta-feira, 24 de março de 2017

DE QUEDADA EN QUEDADA

Continuamos coas nosas quedadas literarias tamén na sección do club de 4º ESO para un novo intercambio literario.

Despedimos a lectura dunha novela para nós moi diferente e novidosa na nosa traxectoria lectora como é Negruña, de Xosé Duncan e saudamos a chegada da poesía da man de Carlos Negro, autor de Penúltimas tendencias e Masculino singular.

Manterémosvos ben informados, non vos despistedes!!!


quinta-feira, 23 de março de 2017

FOTOHAIHUS DE PRIMAVERA (VIII)

Iago Caamaño achéganos unha outra perspectiva en palabras e imaxe poética...

Chuvias de maio,
unha noite, furtiva,
lúa nos pinos.


terça-feira, 21 de março de 2017

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (VII)

Toma a palabra Carmen Antelo... que vos parece?


A primavera
Os paxaros felices 
A Luz do día 


FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (VI)

Ylenia Calvo recibe deste xeito o Día Internacional da Poesía...

As margaridas
comezan a florecer
a primavera!!
 
 
 
 

segunda-feira, 20 de março de 2017

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (V)

E Cristina Pallas pensou a primavera en equipo...


É primavera
e todos disfrutamos
do cálido sol. 


domingo, 19 de março de 2017

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (IV)


Lucía Vázquez achéganos a súa ollada primaveral a través deste fotohaiku persoal...

 
Xa aquí de novo
comeza a primavera,
o tempo voa.
 
 

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (III)

Bianca García tamén quere deixar por aquí o seu testemuño poético-fotográfico...



Podes escoitar
os paxariños cantar,
as flores nacer. 



segunda-feira, 13 de março de 2017

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (II)

Patricia Villar continúa a plasmar esta proposta fotopoética primaveral...


Doce flor de abril
mala benvida será
se non asoma.


domingo, 12 de março de 2017

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (I)

Esperanza Muñiz abre a porta aos vosos fotohaikus de primavera. Marabillosa inauguración!!!

Estomballada
na mol alfombra verde,
doce sospiro.


sábado, 7 de janeiro de 2017

VERSOS PARA MANUEL MARÍA

Descubrir os fíos da vida e da obra de Manuel María a través da maxia de Martín Camiña e do músico Álvaro Muras abriu a clausura dun ano dedicado ao poeta o luns 19 de decembro.

Unha visita á Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei, unha ofrenda poético-floral no cemiterio que acolle o poeta e unha visita a algúns espazos naturais admirados polo noso autor nos seus versos, como o Castro de Viladonga ou as Penas de Rodas, serviron para lle pór o ramo a este intenso Ano Manuel María o martes 20 de decembro.

A inmensa obra literaria de Manuel María é o mellor legado para nos achegar a el en calquera momento. A súa obra será sempre a nosa próxima parada!




domingo, 16 de outubro de 2016

CLUB D@S EX-

Álvaro Antelo achéganos como proposta literaria para gozar dun bo tempo lector a obra poética de Lois Pereiro e cóntanos o seu proceso de descuberta deste poeta tan senlleiro, voz lírica única.

Grazas, Álvaro, por partillares connosco a túa emoción lectora e a complicidade que sentes na túa propia escrita poética con Lois Pereiro!






Escribir sobre Lois Pereiro sempre é un reto, ademais unha honra. Tiven a sorte de saber del cando cursaba estudos secundarios, mais a miña ignorancia naquel entón impediume achegarme a el. Anos despois, xa en bacharelato, din con el na biblioteca e (re)descubrín ao poeta que supuxo un punto de inflexión. 

Hai estrelas que logo de mortas seguen presentes, así é a poesía de Lois. Un raio no medio da treboada, ou máis ben un amencer literario. A intensidade da súa obra é tal que a día de hoxe segue a ser un dos referentes para as novas xeracións de escritores; entre os cales, humilde pero satisfeito me atopo eu.

O primeiro que sentín ao ler os seus poemas foi frío. Esa é unha das primeiras impresións que causa Lois, as súas verbas rachan no silencio. Abonda abrir Poemas 1981/1991 e ler o primeiro poema para darse conta de que non estás ante outro poeta calquera. Esa é unha das grandes virtudes da súa voz poética: a personalidade, a potencia coa que falaba. Dicían que Lois era o poeta anarquista; eu sempre penso que era pola valentía coa que escollía as palabras. Cando el escribía, a poesía asentía e calaba. 

Outra faceta da súa literatura é o intimismo tan potente dende o que escribe. Tal vez o seu primeiro poemario sexa unha obra máis metálica e punzante, como as agullas irónicas das que falaba; mais en Poesía última de amor e enfermidade a voz de Lois vólvese moito máis interna. Os poemas amósanse baixo unha atmosfera moi poderosa. É aí onde o poeta se fai humano.

Manuel Rivas dixo nunha ocasión que as palabras de Lois eran tan verdadeiras que semellaban pecado. Eu vou máis aló: as palabras de Lois son pecado, vida e morte; son a furia necesaria, o futuro alleo, a enfermidade, a irreverencia; son modestas proposicións para facer que deixen de xirar as portas; luces e sombras de amor... Especialmente amor. As palabras de Lois eran amor que resucitou ilimitado. "Contra a morte o amor que vai comigo" dicía nun dos seus poemas. Se teño que recomendar un poeta, sempre será Lois. Contra a morte os versos de Lois que van comigo.
                                                     
Admiro moitas cousas de Lois Pereiro. A súa valentía para afrontar a morte e plantarlle cara. A súa breve pero intensa literatura e a poderosa voz coa que a creou. Mais se hai algo que admiro de Lois é o seu espírito inconformista e rebelde, o seu anarquismo atroz e a súa negación a renderse. Desfruto do poeta, mais admiro a persoa.
"Permitirías ti, amor deserto, que nesta febre penitente abrise a derradeira porta e a pechase detrás miña, sonámbulo e impasible, ou porías o pé entre ela e o destino?". Eu si o poñería.

terça-feira, 11 de outubro de 2016

CON MANUEL MARÍA

Continuamos lendo a Manuel María máis aló da celebración do Día das Letras Galegas e partillando as escollas poéticas do noso club nos corredores do centro.

Grazas, Adriana e Alba, por atraernos ás vosas lecturas!




segunda-feira, 2 de maio de 2016

MANUEL MARÍA NO DÍA DO LIBRO

Este pasado 23 de abril celebramos o Día do Libro cunha lectura colectiva da obra de Manuel María, o poeta que estamos a descubrir neste curso co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas na súa honra.

Vivimos un acto que nos transmitiu a riqueza e a diversidade da obra poética do autor, grazas ás voces de alumnas do club de lectura e colaboradoras do EDLG.

Grazas a todas pola vosa participación na lectura, a través da vosa voz e da vosa escoita!