Mostrar mensagens com a etiqueta premios. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta premios. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 22 de novembro de 2017

CORISTRANCA NAS ONDAS


Este martes 21 de novembro inauguramos unha nova tempada radiofónica en Radio CUAC FM para falar de libros e lectura, dentro do programa "A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Moitas páxinas de contidos e seccións literarias. Non imos desvelar moito para quen non nos puido escoitar ao vivo e está a agardar polo enlace on line, así que só vos adiantamos algúns nomes que no programa soaron: María Reimóndez, Antonio García Teijeiro, María Solar, Jordi Sierra i Fabra...

Atención, atención, radiooíntes... se non nos escoitastes ao vivo, deixámosvos por aquí o enlace ao programa para que recunquedes na escoita deste fabuloso programa guionizado e locutado por María, Carla e Uxía!!!

domingo, 23 de outubro de 2016

24 DE OUTUBRO. DÍA DA BIBLIOTECA


Por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, desde 1997, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de concienciar a sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos/as bilbiotecarios/as.

Este ano, as autoras seleccionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio Nacional 2015, a galega
 Ledicia Costas e a éuscara Elena Odriozola.

Celebraremos este día inaugurando a semana de lecturas de medo compartidas nos primeiros recreos de cada xornada, coincidindo co plan de actividades coordinado desde o ENDL e apoiado polos clubs de lectura do centro.

domingo, 29 de novembro de 2015

CORISTRANCA NA RADIO

O prometido é débeda, así que xa temos todo pronto para que o noso primeiro programa deste curso chegue en diferido a todas as nosas radiooíntes. 

Con todas vós, o programa número 177 de "A Fume de Carozo"!!!

Foi unha experiencia de guionización laboriosa en que Elena e Ana exerceron de guías para Diego, Anna e Enma, que estaban de estrea na peixeira de Radio CUAC FM.

Precisamos moooooooita concentración...







... pero todo saíu estupendamente... ou non é así? 

Que pensades vós? 

Para quen non puido escoitarnos ao vivo, velaquí vos deixamos o enlace. E para quen moito gustou e quere descargar o programa, tamén pode acceder desde aquí.

O noso agradecemento a Roberto Catoira, técnico de son, que sempre nolo fai todo moito máis fácil e engaiolante e tamén ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña, promotor do programa.

A aperta máis grande para a nosa escritora de referencia, Ledicia Costas, multipremiadísima nos últimos meses, amiga deste club, que sempre nos recibe con todo o afecto e con quen mantivemos unha ben interesante conversa telefónica ao vivo. 

Non a perdades!!!!

Escoitámonos no vindeiro programa do 23 de febreiro!!! Xa estamos mans á obra!!!


terça-feira, 17 de novembro de 2015

E SEGUIMOS DE CELEBRACIÓN CON LEDICIA COSTAS


Apenas un mes despois da noticia da concesión do Premio Nacional de LIX para a nosa amiga Escarlatina, a súa autora, Ledicia Costas, volve ocupar portadas informativas e mais a nosa fachenda orgullosa como lectorado amigo da súa obra, cun novo premio.

O xurado do Premio Lazarillo de Creación Literaria, que concede, a nivel estatal, a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (PEPLI), destacou a altísima cualidade da obra Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante que Ledicia Costas presentou a concurso.

Mentres agardamos a ler a obra na vindeira primavera, imos descubrindo algunhas ideas sobre o fondo desta nova novela.


quinta-feira, 12 de novembro de 2015

MÁIS PARABÉNS PARA LEDICIA COSTAS E ESCARLATINA


O club de lectura de 2º ESO lembra con agarimo a lectura de Escarlatina, a cociñeira defunta, realizada o curso pasado e aproveita para recoñecer a escritora Ledicia Costas publicamente, máis unha vez, polo importante premio que acaba de recibir, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Encontrarémonos neste novo curso coas túas lecturas, Ledicia! 

E quen sabe se volveremos pasar unha nova tarde estupenda na túa compaña!




domingo, 11 de outubro de 2015

MÁIS ACTUALIDADE SOBRE LEDICIA COSTAS



Durante toda a semana os nomes de Esmeraldina e Ledicia Costas non deixaron de soar coa ilusión do seu último premio.

Imos resumir algunha desas entrevistas televisivas achegándonos a esta realizada no programa A Revista da TVG e mais nestoutra do programa Diario Cultural da Radio Galega.

terça-feira, 6 de outubro de 2015

A MELLOR BOA NOVA PARA COMEZAR UN NOVO ANO LECTOR



Comezamos o novo curso lector coa mellor das novas posíbeis, a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil á obra Escarlatina, a cociñeira defunta, asinada por Ledicia Costas.

Felices polo respaldo que este premio significa para a autora. 

Orgullosas polo valor engadido que este premio que concede o Ministerio de Cultura español traslada para a literatura galega. 

Honradas por termos entre as nosas boas amigas deste patio rexoubeiro de palabras e amizades que é o noso Club de Lectura á escritora Ledicia Costas.


Que non acreditades na nosa amizade? Pensades que imos de farol? Pois non tedes máis que mergullarvos na etiqueta Ledicia Costas na marxe dereita deste blog e decatarédesvos da relación e vinculación da autora connosco.

Imos adiantarvos algunha secuencia gráfica para incrédulas maiores!!!



I
Imposíbel non lembrar os bos momentos vividos coa lectura das súas novelas durante os cursos pasados, a súa amabilidade ao nos responder á entrevista radiofónica e a súa visita do curso pasado.

Parabéns, Ledicia!

sexta-feira, 16 de janeiro de 2015

EXTRA! EXTRA!

Acabamos de coñecer o resultado dos primeiros premios literarios do ano 2014.

Trátase dos premios aos mellores libros, autores, editoriais, proxectos culturais, etc. do ano que convoca a plataforma de literatura galega na web




A gran sorpresa é que resultaron premiados dous libros que na actualidade temos entre mans:  

A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, na sección do club de 4º ESO, e Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, na de 1º ESO.








Dámoslle os parabéns a Agustín e a Ledicia ao tempo que nós voltamos a gozar das súas páxinas.

sexta-feira, 20 de junho de 2014

UN NOVO PREMIO PARA LEDICIA COSTAS


Escarlatina. A cociñeira defunta é o título da próxima novela de Ledicia Costas, a nosa autora preferida este curso pola sección do club de lectura de 2º ESO.

Nos vindeiros meses verá a luz esta novela que o xurado do Premio Merlín, recentemente fallado, decidiu como a gañadora desta convocatoria. 

Imos dar, mentres tanto, unha ollada a esta entrevista realizada polo crítico Ramón Nicolás no seu blog de actualidade literaria, onde descubriremos un adianto desta novela en palabras da propia autora.

Parabéns para Ledicia Costas que tan perto de nós sentimos este curso!!!!

segunda-feira, 2 de junho de 2014

NOVO POEMARIO DE DORES TEMBRÁS


Aínda podemos lembrar o obradoiro de expresión escrita que hai o curso pasado realizamos coa poeta coruñesa Dores Tembrás.

Hoxe traémola para este noso mundo creativo lector virtual a raíz da recente publicación do seu novo poemario Cronoloxía da urxencia, que foi Premio do Certame de  Poesía do Concello de Carral.

Antes de entrar na lectura de tan fermosos e suxerentes poemas, imos coñecelo en formato audiovisual con esta peza de imaxe silenciosa...


quinta-feira, 6 de fevereiro de 2014

OUTRA BOA NOVA LITERARIA DA MAN DO ESCRITOR MARCOS CALVEIRO

Un novo recoñecemento vén sumarse á traxectoria literario de Marcos Calveiro

A súa novela Palabras de auga acaba de ser incluída na Lista de Honra do IBBY, onde se referencian as grandes obras da literatura infantil e xuvenil.

Saibamos máis desta nova tan importante e escoitemos o propio autor a ver que nos conta...

segunda-feira, 3 de fevereiro de 2014

O CLUB DE LECTURA ENTREVISTA A ...


... FRANCISCO CASTRO!!!
Velaquí a entrevista dixital que mantivo a sección do club de lectura de 2º co autor da nosa última lectura, O corazón de Branca de Neve.

Grazas, Francisco, pola túa atenta dispoñibilidade para iniciar este primeiro encontro virtual que se concretará noutro presencial no mes de marzo. Agardámoste!!!


ENTREVISTA

1. Por que escolleches o título d´O corazón de Branca de Neve?
Pois esa é unha pregunta que non debo responder aquí....porque a resposta está no derradeiro capítulo da novela. De feito é algo que lle pasa a todas e todos os que len o libro, que pasan os capítulos e pregúntanse por que se titulará así. No derradeiro dise algo que o xustifica...así que non podo contestar ou cárgome a intriga da novela...

2. En que te inspiraches para construír a historia?
Eu xa tiña bastante desenvolvido o personaxe do Inspector Hermida na miña cabeza. Un policía vigués, no final da súa carreira, con algún trauma persoal importante (cóntase na novela) que lle fai infeliz. Pero sobre todo, un tipo honrado, un señor serio que quere facer o mellor que pode o seu traballo e atrapar aos delincuentes. Sobre o que preguntades, debo dicir que a clave deuma unha nova da prensa que falaba dunha rapaza, embarazada, e que estaba sendo explotada sexualmente por un grupo de proxenetas. Cando foi liberada pola policía, declarou que lle dixeran que así como dese a luz ían vender o seu bebé. De aí naceu o inicio da historia.

3. Con que personaxe te quedarías?
Sen dúbida co Inspector Hermida. Un home íntegro, eficaz, aínda que afastado do típico poli de novela de detectives, super espabilado e todo iso. Gústame Hermida porque é moi consciente das súas limitacións, do importante da sorte á hora de investigar, e porque é quen de recoñecer que ás veces non ten nin idea do que está pasando. Se ao final triunfa é porque é unha persoa seria e consciente de que hai que loitar para atrapar aos delincuentes. É un home tenro que me gustaría ter como amigo para tomar algo por aí nalgún bar, comentando as noticias do xornal e todo iso...

4. Que personaxe che custou máis elaborar?
O personaxe máis difícil foi o toxicómano. É un ser extremo, dominado pola súa adicción, afeito a facer barbaridades por esa dependencia pero que, ao tempo, está farto e quere, aínda que lle custa, cambiar de vida. Facelo que parecese "real" foi o máis difícil de todo.

5. Tiñas claro desde os comezos ese final ou mudáchelo durante a escrita?
Tíñao máis ou menos claro. Cando escribes novela policial, na que a arquitectura interna da historia é tan importante, adoitas telo todo case que claro antes de poñerte a escribir. Logo hai sorpresas, claro. E personaxes que cobran un protagonismo que ti non pensabas darlle. Pero, en liñas xerais, estaba todo moi medido antes de me sentar a escribir.



6. Como te sentiches cando lle concederon a este libro o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia?
Pois imaxinade. Moi contento. Cando te presentas a un premio é coa esperanza de gañar. Así que, se gañas, a felicidade é grande.

7. Cal vai ser o teu próximo libro?
Pois durante este ano 2014 sairá unha novela dirixida ao público xuvenil. Será despois do verán. Tiña que ter saído o ano pasado, pero, como gañei o premio, decidín adiala un ano.

sexta-feira, 24 de janeiro de 2014

OS MELLORES LIBROS DE 2013



A literatura galega tamén está na rede e son varias as páxinas e blogs que se centran na súa divulgación. Unha delas é Fervenzas Literarias (http://www.fervenzasliterarias.com), onde podemos achegarnos a toda a actualidade literaria de noso.

Nstes días, os lectores e lectoras participaron nunha enquisa que pretendía recoller o mellor da literatura galega en diferentes categorías: poesía, narrativa, teatro, ensaio, tradución, álbum ilustrado, lteratura infantil e xuvenil, etc.



Rematado o prazo de votación, velaquí o resultado do mellor da literatura galega durante o 2013, segundo @s votantes de Fervenzas Literarias.


sexta-feira, 22 de novembro de 2013

BOA NOVA!



 Hoxe, venres 22 de novembro, ás 19 horas, a escritora que tan ben coñecemos e temos sentido próxima coas súas lecturas e incluso con algunha visita ao centro en cursos anteriores, Fina Casalderrey, lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

Autora de moi prolífica obra literaria, especializada no difícil e esixente público infantil e xuvenil, ten no seu haber premios nacionais e internacionais, así como distincións de gran recoñecemento.

O alumnado de 2º lerá a súa obra A pomba e o degolado no vindeiro trimestre.

E vós que lecturas recomendariades de Fina Casalderrey?

Día feliz para ela e para todas as persoas que amamos a literatura. 


PARABÉNS, FINA!


quinta-feira, 10 de outubro de 2013

PARABÉNS AO POETA MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO



O poeta Manuel Álvarez Torneiro acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á mellor obra poética do Estado español, polo seu poemario Os ángulos da brasa.

Queredes saber como se sentía pouco despois de coñecer este importantísimo recoñecemento para el que tamén facemos noso todos os galegos e galegas? 

Pois mergulládevos nesta entrevista e descubrirédelo!!!!

segunda-feira, 6 de maio de 2013

NOVO PREMIO PARA LEDICIA COSTAS




Esta fin de semana a escritora Ledicia Costas acaba de recibir un novo premio pola súa obra O corazón de Xúpiter, esa novela que tanto nos gustou no club de lectura.

Nesta ocasión, o recoñecemento, en forma de premio, chegou desde a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) no marco da celebración na Coruña da Gala das Letras.

Dámoslle os parabéns á escritora desde Coristranca!!!

sábado, 16 de março de 2013

PREMIO PARA LEDICIA COSTAS

Onte, venres 15 de marzo, a autora d´Unha estrela no vento, Ledicia Costas, recibiu o premio ao mellor libro infantil e xuvenil que anualmente concede a Asociación Galega de Editores polo seu novo libro O corazón de Xúpiter.

Ledicia Costas xunto aos demais gañadores


Desde Coristranca enviámoslle un saúdo inzadiño de parabéns e agradecémoslle novamente os momentos que nos fixo pasar coa lectura d´Unha estrela no vento e coa magnífica tertulia que nos proporcionou recentemente.

Agora estabamos a piques de comezar O corazón de Xúpiter, así que nos alegramos moito desta nova.

Parabéns, Ledicia!