Mostrar mensagens com a etiqueta narrativa. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta narrativa. Mostrar todas as mensagens

domingo, 2 de junho de 2019

PECHANDO TERTULIAS



Desta volta chegou a quenda tertuliana do club de lectura de 1º e 2º de ESO que compartiron impresións sobre A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, e Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz, respectivamente.



Absolutamente encantadas con estas dúas propostas lectoras que moito vos recomendamos, pechamos a nosa xeira de palabras en convivio para este curso.

Até a próxima parada lectora!

TERTULIA DX


Abrimos mes de abril convocándonos o encontro e a tertulia coa autora da nosa distópica lectura: DX, de Eli Ríos.

Con certeza unha lectura ben diferente para o equipo do club de 3º e 4º ESO e unha conversa absolutamente novidosa e, por veces, mesmo desconcertante, onde as respostas se converteron en novas preguntas.

Moitas grazas por vires, Eli!

segunda-feira, 25 de março de 2019

NOVA TERTULIA LITERARIA


O pasado luns 18 de marzo o club de lectura de 2º ESO volvemos encontrarnos nunha nova tertulia para pór en común as impresións viaxeiras en clave de suspense que nos transmitiu a obra Europa Express de Andrea Maceiras.




quinta-feira, 28 de fevereiro de 2019

CORISTRANCA VOLVE Á RADIO CUAC FM

Retomamos a nosa xeira radiofónica!


Se non nos puidestes escoitar ao vivo ou queredes volver compartir os bos momentos que pasamos este martes 26 de febreiro, mesmo malia algunha sorpresa!!!, velaquí vos deixamos o enlace de novo ao programa número 266 de "A fume de carozo".
Reiteramos a nosa gratitude ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e a Roberto Catoira, o técnico, que sempre nos facilitan
Parabéns  ás locutoras Victoria Porteiro Bértoa, Rebeca Martínez Pena, Sara Álvarez Vilanova e Laura Gómez Velo!

domingo, 17 de fevereiro de 2019

TERTULIAS DE INVERNO


Transitamos o frío do inverno cunha lectura que nos achegou caloriña e conversa.

Mais nesta ocasión as páxinas do libro O neno inverno tamén nos abriron a páxina da sorpresa e do encontro coa autora que soñou e escribiu esta historia da que tanto gustamos.




Graciñas pola túa visita, María Canosa. Foi un luxo terte entre nós!

quarta-feira, 30 de janeiro de 2019

DE PASADO A FUTURO IMPERFECTO

Hoxe na tertulia as palabras custaron máis en saír porque as emocións asumiron todo o protagonismo. 

Cadaquén fica xa coa súa lectura impresa na pel, mais a opinión común é que foi unha lectura necesaria, das que marcan a fondo, como as vidas...

Grazas a Xulia Alonso, pola súa loita!





quarta-feira, 19 de dezembro de 2018

DE TERTULIA EN TERTULIA

Hoxe concluímos esta primeira rolda de lecturas trimestras con cadanseu encontro.

Nesta ocasión, o club de lectura de 2º ESO conversou arreo sobre as impresións e emocións múltiples que naceron a partir da lectura d´O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas.

E como non hai tempo que perder, comezamos xa nova viaxe a través das páxinas de Europa Expréss, da autoría de Andrea Maceiras.

Vémonos á volta do aninovo!


TERTULIANEANDO


Despedimos este primeiro trimestre lector coa tertulia de 3º e 4º ESO ao redor da lectura d´A dúbida de María Reimóndez que cede paso agora ao encontro con Futuro imperfecto de Xulia Alonso.

Bo Ano Lector 2019!

terça-feira, 18 de dezembro de 2018

RESEÑEANDO

Lucía Bermúdez (3º ESO) achéganos a súa proposta lectora para este tempo de descanso de nadal.

A ver que vos parece? Para ler sen medo...


CANDO CAE A LUZ, MARÍA CANOSA


Cando cae a luz é un libro de historias de medo. Foi escrito por María Canosa e recolle trece pequenos relatos de terror. Son contos con moita intriga propios para o Samaín ou para contalos xunto á lareira coa familia. Recoméndolle este libro a todas esas persoas ás que lles gusten as historias de medo e de intriga.

quinta-feira, 1 de novembro de 2018

ANAGNÓRISE

O recoñecemento foi o fío condutor desta primeira tertulia do club de lectura de 3º e 4º ESO.


Recoñecemento de nós propias a partir de Xulia e Nicolau, os protagonistas cuxa relación en tránsito vai debullando María Victoria Moreno na novela que nos reencontrou literariamente por primeira vez este curso: Anagnórise.




  Unha tertulia fecunda en palabras, impresións e sorrisos compartidos, non si?

PRESENTÁNDONOS ( E II)

Continuamos coas presentacións das seccións do club e esta semana tocoulle a quenda ao lectorado de 2º de ESO.



Sempre é difícil comezar a escoller lectura, mais desta volta tivémolo claro moi axiña, así que decidimos irnos polas nubes con...

 O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas



Vémonos axiña na nosa primeria tertulia deste ano, aínda que agora con toda a experiencia lectora, pois xa non somos os novatos do insti como o curso pasado...

Iremos contando...

terça-feira, 16 de outubro de 2018

PRESENTÁNDONOS...

Feitas as presentacións no noso espazo favorito do instituto, o supersofá laranxa da biblioteca, facémolas agora públicas.

Con todas vós, velaquí o magnífico club de lectura de 3º e 4º ESO!!!

Comezamos a compartir a primeira lectura, unha gran novela dunha grande escritora que este ano 2018 deu moito que falar... e aínda dará!!!

De que e de quen estamos a falar???????


domingo, 1 de julho de 2018

DESPEDIDA DE XABIER P. DOCAMPO

Pechamos este curso coa triste nova da despedida física do escritor Xabier P. Docampo. 

Facemos nosas as súas palabras: 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.

Procurarémolo en cada nova lectura e relectura da súa importante obra porque os escritores e as escritoras sempre permanecen para sempre na súa escrita.


quinta-feira, 7 de junho de 2018

DESPEDIMOS AS TERTULIAS

Imos pechando os encontros lectores e conversadores. Hoxe tocoulle o turno ao club de 1º ESO que este ano estrearon experiencia e ameazan con continuar o curso próximo!!!!!

A súa lectura escollida foi O neno inverno de María Canosa. A ver se se animan a deixarnos por aquí algunha pista ...


quinta-feira, 26 de abril de 2018

MEDRANDO CO CLUB D@S EX!

Antía Varela volve connosco para compartir coa súa palabra a súa última lectura, Chamando ás portas do ceo de Jordi Sierra i Fabra.

Reparade na súa opinión porque seguro que non vos resistiredes a esta proposta lectora!

Se tivese que definir a Silvia con unha palabra, sería: Especial, porque é unha desas persoas que te namoran simplemente coa súa presenza e o xeito de pensar.

Grazas a ela coñecemos a beleza e a pobreza que rodea á India, con ela vives o día a día no hospital e coñeces a moitos pacientes que te marcan, non só polo agradecemento e a ilusión que mostran cando ela os axuda, senón tamén pola forza que ainda lles queda.

Nesta novela mestúrase a aventura coa desgana, o amor coa desilusión, a fermosura coa pobreza, pero o máis importante é que o medo se converte en superación.

Convídovos a coñecer a India a través dunha historia que vos vai deixar cautivados.

segunda-feira, 23 de abril de 2018

TOMAMOS A PALABRA


Todos os días son óptimos para as nosas tertulias, mais hoxe coincidiu con unha desas datas sinaladas no calendario: o Día Internacional do Libro.

O noso punto de encontro recibiunos para a tertulia do club de 2º ESO ao redor dunha obra que gustou e, sobre todo, sorprendeu: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.



Precisades algunhas razóns para a ler? Pois velaquí algunhas pistas orientadoras...

1. Axúdache a abrir os ollos cara ás redes sociais (Rosa)
2. Axúdache a non confiar naquelas persoas que só coñeces a través das redes sociais e poden non ser como din (Lucía)
3. Axúdache a abrir os ollos ante o que che di unha amiga, aínda que sexa contrario á túa opinión (Naihara)
4. É moi entretido e axúdache a non confiar nas redes sociais e ter coidado co que publicamos (Yovanna)
5. É moi bonito e axúdache a aprender (Ivanna)
6. Axúdache a non confiar en quen non debes (Valentina)
7. Aprendes que non todo é o que parece (María Pazos)
8. Hai que facerlle caso aos consellos dos amigos e non confiar tanto nas persoas que non coñeces (María Varela)

segunda-feira, 12 de março de 2018

E VEÑAN MÁIS PALABRAS AO CLUB D@S EX!

Recibimos unha nova compañeira de viaxe virtual agora que xa non a temos connosco no centro: Nerea Fernández. Benvida!!!

Para esta primeira colaboración, Nerea preséntanos unha obra ben coñecida, escrita por Xabier P. Docampo, O misterio das badaladas.

Ollade para as súas impresións lectoras que son porta para abrir á descuberta dunha historia ben misteriosa e curiosa...



Gustoume moito a idea de que as ex-alumnas seguisen participando no Club. Como eu tamén son unha delas, aquí vos deixo un libro magnífico de Xabier P. Docampo titulado O misterio das badaladas

Como o propio título di, esta historia trata dun reloxo que se acaba de poñer en marcha e as súas badaladas son exactas, doce badaladas, pero ás doce da noite dá trece! 

Como pode ser posible? 

Se queredes axudar aos rapaces a descubrir o misterio, tédelo que ler. 

Dende logo é un libro que te mete de cheo na historia que conta, xa que te fai pensar como é posible que dea unha badalada de máis e sobre todo ás doce da noite.

quinta-feira, 1 de março de 2018

CORISTRANCA DE NOVO NA ONDA


O pasado martes 20 de febreiro visitamos na Coruña novamente o estudo "José Couso" de Radio CUAC FM para emitir un novo programa " A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Nesta ocasión o equipo de guionización e locutación correu a cargo de membros do club de lectura de 4º ESO e por se non chegastes a tempo de os escoitar ao vivo ou queredes recuncar- agora é o momento estupendo desde este enlace que vos ofrecemos. 








Neste programa quixemos prestar atención especial á inmediata celebración do Día de Rosalía e descubir a María Victoria Moreno, autora destacada este ano na celebración do Día das Letras galegas ou a Eli Ríos, a autora que se esconde tras a intensa novela que acabamos de ler, Luns, publicada pola editorial Xerais.

Ogallá vos preste tanto escoitarnos como nós aprendemos preparándoo!

Até o próximo programa!

quarta-feira, 21 de fevereiro de 2018

E XOEL APRENDEU A VOAR


Hai uns días contabamos da tertulia ao redor do libro de Marica Campo, E Xoel aprendeu a voar. Pois ben, como eran varias as interrogantes que xurdiron, decidímonos a llas trasladar á autora, quen nos respondeu moi amabelmente.



Aquí vos deixamos esta entrevista epistolar con Marica Campo, a quen moito lle agradecemos o seu tempo e atención.




1. En que te inspiraches para escribir o libro?
Sempre digo que a inspiración é un misto ou chisqueiro para acender o lume, mais para facer a fogueira hai que xuntar leña. Que é a leña? Todas as experiencias vividas ou contempladas, deformadas polo prisma da imaxinación.

2. Canto tempo che levou escribilo?
Un mes exactamente.

3. Por que escolleches ese título?
Pensara en titulalo Xoel e o merlo branco; mais buscando que non houbese outro parecido, atopeime con que gardaba un paralelismo total con Xenaro e a mochila verde, así que entre outros moitos que se me ocorrían, escollín o que coñecedes.

4. Xoel representa algún familiar ou coñecido teu ou é un personaxe completamente inventado?
A actitude pasiva, abúlica, vina en máis dun rapaz, sempre desinteresado do que non fosen as novas tecnoloxías. Aínda hai dous ou tres días que lin como estas cousas, ademais do tipo de alimentación, tiñan a ver coa obesidade. Niso pensei tamén cando imaxinei o personaxe. Os nenos Daniel e Sara McNamee si que se chaman coma dous sobriños netos meus.

5. E o Merlo Branco?
Está inspirado nun señor a quen non coñezo en persoa (si á súa muller, que foi profesora de inglés nun instituto) que construía moto veleiros. El foi quen me explicou (por teléfono) como os facía. Doutra banda, gústame moito a relación cos avós. Tiven un que morreu cando eu tiña 14 anos e co que estaba moi compenetrada. Mesmo nalgún relato que falo dunha avoa, en realidade falo del. Só coñecín ao meu avó paterno e á miña avoa materna. Esta, aínda que era boa e cariñosa,  parecíame distante porque era moi refinada.

6. O final pareceunos moi precipitado, despois de toda a intriga da historia. Por que o fixeches así?

Para min era o momento do THE END, se cadra tivestes que lelo dúas veces para entender o que significaba porque nunca se di expresamente que o Merlo Branco era o avó. Quizais vos gustaría que se soubese máis do encontro da nai de Xoel e a súa nai norteamericana, mais hai que deixar espazo á imaxinación de quen le. Dicir, dise que se encontran e que “falou o sangue”, ou sexa, houbo un recoñecemento, o que os gregos chamaban unha anagnórise. Quen escribe, aínda que lles colla cariño, non debe quedar indefinidamente cos personaxes e alongar de máis a historia. Había un conflito e un enigma e, unha vez resoltos, a novela tiña que  acabar. De calquera maneira, se cadra tedes razón. Escribir é dubidar continuamente.

7. Poderemos ler pronto algún outro libro teu pensado para nós?
Estou rematando outra novela que, en principio, sería para xente máis nova. Porén, a medida que escribo, dubido da franxa de idade á que se debe destinar.

Unha aperta para todas e todos. Lede moito para medrar máis como persoas. Grazas por lle prestar atención a Xoel.