Mostrar mensagens com a etiqueta entrevistas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta entrevistas. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 21 de fevereiro de 2018

E XOEL APRENDEU A VOAR


Hai uns días contabamos da tertulia ao redor do libro de Marica Campo, E Xoel aprendeu a voar. Pois ben, como eran varias as interrogantes que xurdiron, decidímonos a llas trasladar á autora, quen nos respondeu moi amabelmente.



Aquí vos deixamos esta entrevista epistolar con Marica Campo, a quen moito lle agradecemos o seu tempo e atención.




1. En que te inspiraches para escribir o libro?
Sempre digo que a inspiración é un misto ou chisqueiro para acender o lume, mais para facer a fogueira hai que xuntar leña. Que é a leña? Todas as experiencias vividas ou contempladas, deformadas polo prisma da imaxinación.

2. Canto tempo che levou escribilo?
Un mes exactamente.

3. Por que escolleches ese título?
Pensara en titulalo Xoel e o merlo branco; mais buscando que non houbese outro parecido, atopeime con que gardaba un paralelismo total con Xenaro e a mochila verde, así que entre outros moitos que se me ocorrían, escollín o que coñecedes.

4. Xoel representa algún familiar ou coñecido teu ou é un personaxe completamente inventado?
A actitude pasiva, abúlica, vina en máis dun rapaz, sempre desinteresado do que non fosen as novas tecnoloxías. Aínda hai dous ou tres días que lin como estas cousas, ademais do tipo de alimentación, tiñan a ver coa obesidade. Niso pensei tamén cando imaxinei o personaxe. Os nenos Daniel e Sara McNamee si que se chaman coma dous sobriños netos meus.

5. E o Merlo Branco?
Está inspirado nun señor a quen non coñezo en persoa (si á súa muller, que foi profesora de inglés nun instituto) que construía moto veleiros. El foi quen me explicou (por teléfono) como os facía. Doutra banda, gústame moito a relación cos avós. Tiven un que morreu cando eu tiña 14 anos e co que estaba moi compenetrada. Mesmo nalgún relato que falo dunha avoa, en realidade falo del. Só coñecín ao meu avó paterno e á miña avoa materna. Esta, aínda que era boa e cariñosa,  parecíame distante porque era moi refinada.

6. O final pareceunos moi precipitado, despois de toda a intriga da historia. Por que o fixeches así?

Para min era o momento do THE END, se cadra tivestes que lelo dúas veces para entender o que significaba porque nunca se di expresamente que o Merlo Branco era o avó. Quizais vos gustaría que se soubese máis do encontro da nai de Xoel e a súa nai norteamericana, mais hai que deixar espazo á imaxinación de quen le. Dicir, dise que se encontran e que “falou o sangue”, ou sexa, houbo un recoñecemento, o que os gregos chamaban unha anagnórise. Quen escribe, aínda que lles colla cariño, non debe quedar indefinidamente cos personaxes e alongar de máis a historia. Había un conflito e un enigma e, unha vez resoltos, a novela tiña que  acabar. De calquera maneira, se cadra tedes razón. Escribir é dubidar continuamente.

7. Poderemos ler pronto algún outro libro teu pensado para nós?
Estou rematando outra novela que, en principio, sería para xente máis nova. Porén, a medida que escribo, dubido da franxa de idade á que se debe destinar.

Unha aperta para todas e todos. Lede moito para medrar máis como persoas. Grazas por lle prestar atención a Xoel.



terça-feira, 23 de maio de 2017

PECHE TEMPADA RADIOFÓNICA


Hoxe o noso equipo de radio pechou a tempada nas ondas emitindo o derradeiro programa. Derradeiro? Si, o derradeiro, porque tanto María como Lucía e Patricia abandónannos neste curso para seguir o seu tempo de formación noutro centro.

Moito as imos estrañar, mais a tarde de hoxe foi moi especial. E se non nos credes... será porque non as escoitastes ao vivo, así que atención, atención ao programa que xa chega desde aquí ás súas pantallas!!!

Impresionantes entrevistas ás grandes descubertas literarias deste último trimestre: o escritor Carlos Negro e a escritora María Solar.

De vós non as deixariamos perder!!!



Parabéns, locutoras superlectoras!

domingo, 8 de maio de 2016

NOVO PROGRAMA RADIOFÓNICO XA NA ONDA!

O pasado martes 5 de maio emitimos ao vivo o que xa foi o noso último programa en Radio Cuac FM. Unha mágoa, mais xa sabemos que todo o bo sempre acaba ben cedo!!!

Miriam, María e Nuria, da sección do club de lectura de 3º ESO, prepararon un completísimo guión que nos lembrou o ben que o pasaran na celebración do Correlingua, esa mesma mañá, polas rúas da Coruña, algunhas das súas propostas para un completo menú lector e a lembranza de dúas efeméredes que estamos a celebrar neste 2016: o centenario das Irmandades da Fala e mais a homenaxe a Manuel María como autor destacado neste vindeiro Día das Letras Galegas.



Non faltaron as entrevistas, non. Desta volta, por partida dobre: unha a Ledicia Costas e outra a Mercedes Queixas. De que andarían a falar?

Non podemos descubrir nada, nin sequera a oferta degustación musical tan variada, así que mergullade por estas ondas virtuais e volvede cantas veces queirades escoitar o estupendo programa deste gran equipo radiofónico.


Un aplauso grande para María, Nuria e Miriam!

domingo, 11 de outubro de 2015

MÁIS ACTUALIDADE SOBRE LEDICIA COSTAS



Durante toda a semana os nomes de Esmeraldina e Ledicia Costas non deixaron de soar coa ilusión do seu último premio.

Imos resumir algunha desas entrevistas televisivas achegándonos a esta realizada no programa A Revista da TVG e mais nestoutra do programa Diario Cultural da Radio Galega.

sexta-feira, 30 de maio de 2014

ENTREVISTAMOS A ESCRITORA LEDICIA COSTAS



Ao longo deste curso seguimos coas nosas lecturas a evolución no exercicio da escrita de Ledicia Costas.


Primeiro descubrimos con emoción a súa novela Unha estrela no vento...


Prendados da súa sensibilidade, deixámonos sorprender por outros escenarios, personaxes e temáticas actuais ben diferentes en O corazón de Xúpiter... 


E continuamos coa última novela que recibimos da autora, a desasosegante Recinto Gris...

Foron moitos os interrogantes e reflexións que xurdiron a raíz destas lecturas. Algunhas delas transmitímosllas á propia autora por correo electrónico e amabelmente non dubidou en respondernos ben axiña.

O noso agradecemento pola súa atención mentres estamos á espera da súa próxima visita ao noso centro.




ENTREVISTA
    1. De onde naceu a idea de traballar a temática que desenvolves en Recinto Gris?
A idea naceu nunha época na que eu estaba a documentarme para a escrita dun libro de relatos arredor da Segunda Guerra Mundial. Afondei no tema dos totalitarismos e, máis en concreto, do ascenso do nacionalsocialismo en Alemaña e nas súas repercusións. Decateime entón de que nos plans de estudos non se abordaba prActicamente este tema. Fun máis alá e percibín que existía un enorme baleiro académico no que se refire aos holocaustos. Entón díxenme: se nos centros de ensino non se estudan os xenocidios, temos un problema. E decidín abordar o tema nunha obra, para que puidese ser tratado nas aulas, aínda que sexa de xeito transversal. 

        2. Entendemos que a protagonista Nube representa o perfil dunha nena autista. É así? Por que esta escolla? 

O que padece Nube exactamente é Síndrome de Asperger. Escollín este trastorno porque na sociedade existen moitas persoas que conviven con este problema, tanto nenos e nenas coma persoas adultas. Quixen poñer de manifesto algunhas das dificultades coas que se atopan os Asperger na súa vida diaria  (dificultade á hora de interaccionar socialmente, problemas de comunicación…), así como a súa excelencia intelectual. Quixen desmitificar a imaxe que se ten das persoas que padecen este tipo de trastornos incidindo nas problemáticas do día a día.
 
           3. O avó de Nube é inventor e o teu avó tamén. Quixeches facerlle unha homenaxe?

Si, de algún xeito o avó de Nube é o meu avó. Aínda que o carácter de ambos é ben distinto, os dous teñen moitísimas cousas en común: a chaqueta de la coas pegatinas dos kiwis, a máquina para frixir gatos, a obsesión polo coche e a manía de poñerlle unha estufa no inverno para que non pasase frío, a habilidade para fabricar aparellos de radio… todas esas características do avó de Nube están sacadas do meu avó, que era un home ben singular.

       4. Con que personaxe de Recinto Gris te identificas máis? 

Coido que con Mun. É o meu personaxe favorito. Del valoro a súa honestidade, a súa valentía, a súa capacidade para amar sen concesións… ten todas aquelas virtudes que eu máis valoro nas persoas.

       5. Que personaxe che gustou menos ou custou máis traballo crear? 

Se son sincera, saíron todos de xeito espontáneo. Moitos deles, como Carraña ou o Home do Transistor están sacados da vida real. En concreto, eles están inspirados en dous pobres de pedir aos que é habitual velos nas rúas céntricas de Vigo. Tan só tiven que observalos e inventarlles unha historia. Resúltame bastante sinxelo crear o tipo de personaxes que aparecen en Recinto Gris, saen case case de xeito natural.

       6. Por que o exército son persoas con cabeza de lobo e non doutro animal? 

Porque os lobos son depredadores, o seu aspecto é moi fero e infunden medo. Valorei a posibilidade de que fose outro animal, pero non producía o efecto tan contundente que producen os lobos. A imaxe dun home con cabeza de lobo é rotunda. Ou, polo menos, a min pareceumo mentres escribía a novela.

       7. Como te sentiches unha vez rematada a escrita desta novela? 

Sentín que escribira exactamente o que quería: unha distopía que integra elementos do realismo máxico, na que se achega ao lectorado un tema para min imprescindible, como é o holocausto e o funcionamento dos sistemas totalitaristas. E máis aínda, nestes momentos en que a ultradereita ascendeu en Europa de xeito tan preocupante. A única posibilidade de non cometer os mesmos erros no futuro, é coñecer os erros que se cometeron no pasado. Necesitamos rapazas e rapaces con capacidade crítica e con vontade de cambio.








 




segunda-feira, 12 de maio de 2014

EN COMPOSTELA CON ROSA ANEIROS E LEO A.

Resulta difícil pensar nun mellor xeito de pechar a lectura do primeiro volume da triloxía Ámote Leo A.

Aconteceu o pasado luns 5 de maio, mes das letras. Unha mañá ben diferente en que descubrimos, sorprendidas, unha gran biblioteca como é a Ánxel Casal.



Mais a sorpresa final fíxose agardar até as 14 horas cando recibimos nesta imponente casa dos libros compostelá a escritora que teceu os fíos da viaxe de Leo A.: Rosa Aneiros.




Preguntas e respostas conviviron neste tempo de conversa que nos axudou a completar a nosa lectura primeira con descubertas inesperadas. Quen nos diría que xa visitaramos previamente esta biblioteca nalgunha páxina!!!




segunda-feira, 31 de março de 2014

CUESTIONARIO PROUST: BERTA DÁVILA


Hoxe o Cuestionario Proust preséntanos a escritora que axudou a nacer a nosa actual lectura no club de 4º ESO.

Velaquí algunhas das claves coas que se autodefine Berta Dávila, autora d´O derradeiro libro de Emma Olsen.

terça-feira, 18 de março de 2014

PARLAMENTO DAS LETRAS CON ROSA ANEIROS


O blog do crítico literario Armando Requeixo ofrécenos unha nova entrevista coa autora de Ámote Leo A., recente lectura da nosa sección do club de 4º.

Escoitemos as palabras da escritora Rosa Aneiros reflexionando sobre a súa propia escrita nesta nova entrega do apartado "Parlamento das letras" que nos ofrece o blog Criticalia.

quinta-feira, 6 de fevereiro de 2014

OUTRA BOA NOVA LITERARIA DA MAN DO ESCRITOR MARCOS CALVEIRO

Un novo recoñecemento vén sumarse á traxectoria literario de Marcos Calveiro

A súa novela Palabras de auga acaba de ser incluída na Lista de Honra do IBBY, onde se referencian as grandes obras da literatura infantil e xuvenil.

Saibamos máis desta nova tan importante e escoitemos o propio autor a ver que nos conta...

segunda-feira, 3 de fevereiro de 2014

O CLUB DE LECTURA ENTREVISTA A ...


... FRANCISCO CASTRO!!!
Velaquí a entrevista dixital que mantivo a sección do club de lectura de 2º co autor da nosa última lectura, O corazón de Branca de Neve.

Grazas, Francisco, pola túa atenta dispoñibilidade para iniciar este primeiro encontro virtual que se concretará noutro presencial no mes de marzo. Agardámoste!!!


ENTREVISTA

1. Por que escolleches o título d´O corazón de Branca de Neve?
Pois esa é unha pregunta que non debo responder aquí....porque a resposta está no derradeiro capítulo da novela. De feito é algo que lle pasa a todas e todos os que len o libro, que pasan os capítulos e pregúntanse por que se titulará así. No derradeiro dise algo que o xustifica...así que non podo contestar ou cárgome a intriga da novela...

2. En que te inspiraches para construír a historia?
Eu xa tiña bastante desenvolvido o personaxe do Inspector Hermida na miña cabeza. Un policía vigués, no final da súa carreira, con algún trauma persoal importante (cóntase na novela) que lle fai infeliz. Pero sobre todo, un tipo honrado, un señor serio que quere facer o mellor que pode o seu traballo e atrapar aos delincuentes. Sobre o que preguntades, debo dicir que a clave deuma unha nova da prensa que falaba dunha rapaza, embarazada, e que estaba sendo explotada sexualmente por un grupo de proxenetas. Cando foi liberada pola policía, declarou que lle dixeran que así como dese a luz ían vender o seu bebé. De aí naceu o inicio da historia.

3. Con que personaxe te quedarías?
Sen dúbida co Inspector Hermida. Un home íntegro, eficaz, aínda que afastado do típico poli de novela de detectives, super espabilado e todo iso. Gústame Hermida porque é moi consciente das súas limitacións, do importante da sorte á hora de investigar, e porque é quen de recoñecer que ás veces non ten nin idea do que está pasando. Se ao final triunfa é porque é unha persoa seria e consciente de que hai que loitar para atrapar aos delincuentes. É un home tenro que me gustaría ter como amigo para tomar algo por aí nalgún bar, comentando as noticias do xornal e todo iso...

4. Que personaxe che custou máis elaborar?
O personaxe máis difícil foi o toxicómano. É un ser extremo, dominado pola súa adicción, afeito a facer barbaridades por esa dependencia pero que, ao tempo, está farto e quere, aínda que lle custa, cambiar de vida. Facelo que parecese "real" foi o máis difícil de todo.

5. Tiñas claro desde os comezos ese final ou mudáchelo durante a escrita?
Tíñao máis ou menos claro. Cando escribes novela policial, na que a arquitectura interna da historia é tan importante, adoitas telo todo case que claro antes de poñerte a escribir. Logo hai sorpresas, claro. E personaxes que cobran un protagonismo que ti non pensabas darlle. Pero, en liñas xerais, estaba todo moi medido antes de me sentar a escribir.



6. Como te sentiches cando lle concederon a este libro o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia?
Pois imaxinade. Moi contento. Cando te presentas a un premio é coa esperanza de gañar. Así que, se gañas, a felicidade é grande.

7. Cal vai ser o teu próximo libro?
Pois durante este ano 2014 sairá unha novela dirixida ao público xuvenil. Será despois do verán. Tiña que ter saído o ano pasado, pero, como gañei o premio, decidín adiala un ano.

quinta-feira, 30 de janeiro de 2014

O CLUB DE LECTURA NAS ONDAS RADIOFÓNICAS

Nas nosas lecturas e mais nas tertulias ceibamos multitude de palabras ao ar. 

Agora espallámolas tamén a través das ondas radiofónicas que nos brindou Radio CUAC FM o pasado martes 28 de xaneiro.



A gravación do programa "A fume de carozo" foi unha experiencia novidosa, a primeira, mais aseguramos que non ha ser a última, porque, confesamos, caemos na trampa da radio!!!

Moitas grazas a quen nos estivo a escoitar ao vivo. Agardamos que vos guste tamén agora en diferido desde este enlace.

Grazas ás lecturas Corredores de sombras e Futuro imperfecto que nos guiaron como fíos condutores. 

Grazas a Agustín Fernández Paz, pola magnífica entrevista telefónica ao vivo. Canto nos descubriu sobre o proceso creativo e a súa experiencia persoal!!!

Grazas a Roberto Catoira, atento técnico de son, que moito nos axudou a converter en realidade este proxecto de soño lector.


CUESTIONARIO PROUST: MALORES VILLANUEVA


Hoxe o Cuestionario Proust vainos descubrir a personalidade máis íntima de Malores Villanueva, escritora e lectora de lingua galega na Universidade de Barcelona.

quinta-feira, 23 de janeiro de 2014

CUESTIONARIO PROUST: LEDICIA COSTAS

Hoxe o Cuestionario Proust interroga unha escritora ben coñecida para moitos membros do club de lectura: Ledicia Costas.



Velaquí o cuestionario que nos axuda a coñecela moito máis do que xa puidemos facelo no encontro que con ela mantivemos en Vigo, na Casa Galega da Cultura, o curso pasado.

segunda-feira, 13 de janeiro de 2014

CUESTIONARIO PROUST: MARTA DACOSTA

Un novo cuestionario resolto pola poeta Marta Dacosta

Nesta ocasión, acompañámolo dun poema seu para descubrírmola tamén como poeta:



A PRINCESA NA TORRE

I

Sempre hai unha princesa,
un dragón e unha torre,
e un cabaleiro que a vén rescatar.
Sempre
o conto é o mesmo.
Pero xamais nos explican a que tanta insistencia,
o nome do dragón, o lugar da torre.
Nunca nos descobren
que o cabaleiro non vén,
que non existe,
que só é unha mentira profiláctica
para que o dragón non nos devore
e a torre non se revele como o camiño do inferno.


II

A torre é o camiño do inferno,
sen guía,
sen man, nin cabaleiro que acompañe
á mediocre princesa
que arde nas lapas do dragón.
O lume é o destino,
a aniquilación e o silenzo da cinza,
meigas ou princesas,
o camiño é o mesmo.

sexta-feira, 10 de janeiro de 2014

CUESTIONARIO PROUST: MARÍA LÓPEZ SÁNDEZ


Retomamos o achegamento aos nosos autores e autoras contemporáneas da man do Cuestionario Proust que segue a ofrecer o blog do crítico Ramón Nicolás, o Caderno da crítica.

Nesta ocasión imos coñecer a narradora e ensaísta María López Sández.

quinta-feira, 12 de dezembro de 2013

sábado, 7 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: ANTONIO G. TEIJEIRO

Hoxe o Cuestionario Proust leva as súas preguntas ás respostas do escritor Antonio García Teijeiro, recoñecido escritor, nomeadamente poeta, que pensa a súa obra literaria para os nenos e as nenas.


quarta-feira, 4 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: Mª DO CARME KRUCKENBERG


A poeta diante do monólito da homenaxe "A Escritora na súa Terra" en Vigo
A poeta viguesa Mª do Carme Kruckenberg Sanjurjo ten acumulada unha experiencia literaria moi ampla desde o ano 1956 en que publicou o seu primeiro libro de poemas titulado Cantigas do vento.

Hoxe o Cuestionario Proust tráenola como protagonista para coñecérmola nas súas respostas en primeira persoa. 

Escoitémola tamén recitar os seus versos.

terça-feira, 3 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: XABIER P. DOCAMPO



Quen non lembra a lectura d´O misterio das badaladas? ou de Cando petan na porta pola noite?

Quen puido esquecer a visita que nos fixo ao centro a finais do curso pasado, aló polo mes de maio, o escritor Xabier P. Docampo, autor da lectura O país adormentado?

Pois velaquí o Cuestionario Proust a nolo presentar dun xeito ben persoal.

domingo, 1 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



Xa temos descuberto a Agustín Fernández Paz a través de múltiples lecturas, así que andamos expectantes ante estoutra achega tan persoal que nos ofrece o Cuestionario Proust

Seguimos tomando referencias que nos axuden a resolver o noso propio cuestionario individual.