Nesta ocasión é a ex-profesora Silvana María Castro García quen toma a palabra lectora suxerente neste mundo Coristranca que ela axudou a nacer. Grazas, Silvana!!!
Ola amig@s de
Coristranca!
Moito me presta
volver por este blogue de cando en vez, e moito máis agora no verán, con todo o
tempo de ocio para as lecturas que se amorean nos andeis.
Gustaríame
compartir con vós, en primeiro lugar, as lecturas que teño pendentes, das que
aínda non vos podo contar moito porque tratarei de lelas nas vindeiras semanas.
Trátase d’A viaxe de Gagarin de
Agustín Fernández Paz e A memoria da
choiva de Pedro Feijoo.
A viaxe de Gagarin
Deste libro, o que
podo dicir é que é de Agustín Fernández Paz, e con iso está todo dito, porque
nunca defrauda, e porque a historia promete. Basta con botar unha ollada ao
petisco que nos ofrece Xerais:
“Doce de abril de 1961: o
cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo
exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes
cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos
sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de
hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso...”
Os anos 1961 e 2011
unidos polo recordo de Miguel, alcumado Gagarin, que lembra os seus anos mozos
na Coruña nun contexto de segredos familiares, a descuberta do amor coa
ditadura franquista como permanente ameaza e represión social.
A memoria da choiva
E
se, como a min, che gusta a novela negra e os thriller policíacos onde pasar o
tempo na procura do que pasou, este pode ser o teu libro. Tres son os
personaxes principais: un psicanalista que colabora nun programa de televisión
que aparece morto, unha profesora e un xornalista que se afanarán por resolver
esta e outras estrañas mortes que lle seguen.
E
para rematar, gustaríame falarvos de tres das últimas lecturas que fixen que
máis me gustaron: Brooklyn Follies,
de Paul Auster e As rulas de Bakunin
e Laura no deserto de Antón Riveiro
Coello.
Brooklyn
Follies
Nesta
obra mestra de Paul Auster, o protagonista, Nathan decide cambiar de vida logo
de sufrir un cancro de pulmón e merca unha casa en Brooklyn, onde se reecontra
co seu sobriño Tom, e comeza un convivio de situacións onde se mesturan o amor,
a familia, a amizade, e, sobre todo, o humor como escapatoria dos problemas da
vida e como refuxio perante o medo á morte e á soidade. A pesar disto, Brooklyn Follies é un canto á vida e ao carpe diem, pero sobre todo, un canto á
cidade de Nova York.
Laura
no deserto
Que
relación pode haber entre un campo de concentración nazi na Segunda Guerra
Mundial, A Pobra do Caramiñal, Barcelona e Nova York? Pois para sabelo terás
que ler esta inmensa obra que fala de tres historias que conducen a unha mesma
persoa: Laura.
Trátase
dunha novela longa e dura, pero que nos adentra nas profundidades máis escuras
do ser humano e do seu instinto de supervivencia.
As
rulas de Bakunin
A
miña última proposta é a primeira novela de Riveiro Coello, As rulas de Bakunin, onde o propio
título nos conduce á ideoloxía anarquista de comezos de século. O protagonista,
Camilo, é un vello anarquista que viviu a Guerra Civil, o cárcere e o exilio e
que, anos máis tarde, xa viúvo, lembra xunto ao seu neto, invidente, todo o que
sufriu para recuperar a liberdade arrebatada. Unha emotiva novela que trata de
recuperar a memoria histórica de tantas persoas que loitaron por sobrevivir aos
terribles anos da Guerra Civil e da represión franquista.