Mostrar mensagens com a etiqueta Francisco Castro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Francisco Castro. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 23 de março de 2017

NOVA TERTULIA LITERARIA

A sección do club de lectura de 3º ESO puxo fin, cunha nova quedada literaria, ao tempo de lectura da novela de Francisco Castro, Tes ata as dez

Lembrade que tedes ao voso dispor o enlace á gravación do noso último programa de radio "A fume de carozo", onde compartimos co autor unha estupenda e ben completa entrevista.


sexta-feira, 24 de fevereiro de 2017

CORISTRANCA VOLVE A RADIO CUAC FM

Este martes 21 de febreiro o equipo de radio da sección do club de lectura de 3º ESO volveu vibrar nas ondas na emisora de Radio CUAC FM.



Moit@s de vós escoitastes o resultado do seu traballo de guionización ao vivo, entre as 17 e as 18 horas, mais imos deixarvos aquí o enlace para a súa escoita on line para que non perdades ningún dos interesantes contidos que neste programa descubrimos.



Que queredes algunha pista? Pois... por exemplo unha magnífica e completa entrevista ao escritor Francisco Castro, un saúdo de presentación á nova académica, a escritora Marilar Aleixandre, unha lembranza da xornada do venres 24 de febreiro, identificado como Día de Rosalía, neste seu 180 aniversario e unha sorpresa musical inesperada a cargo das propias locutoras, Carla e María...

A vosa curiosidade xa non agarda máis, non si?

Entrade xa no enlace aquí agochado!!!

segunda-feira, 11 de abril de 2016

RESEÑEANDO

TES ATA AS DEZ, FRANCISCO CASTRO - EDITORIAL GALAXIA



A penúltima novela de Francisco Castro, Tes ata as dez, narra a historia de Toni, un home de 40 anos, procedente dunha familia acomodada, que tras a recente morte do seu pai, recibe un email cuxo remitente parece ser este mesmo.

A partir deste correo, Toni deberá seguir as pistas e pescudar todo o que o pai lle vai indicando ao longo de sucesivos misteriosos correos electrónicos.

E para facelo deberá basearse nos xogos da súa infancia e na lembranza dunha lectura determinante.

Tes ata as dez é unha entretida novela que non deixa a ninguén indiferente, cunha manchea de sorpresas.

Francisco Castro logra que o lector investigue ao mesmo tempo que o debe facer Toni e participe na novela como un personaxe máis.

Soraya Mato, 4º A

terça-feira, 29 de março de 2016

DE FALADOIRO EN FALADOIRO

Non podiamos pechar o trimestre e marchar de vacacións sen un novo faladoiro, así que nesta ocasión decidimos intercambiar as lecturas diferentes do grupos de 3º e de 4º de ESO, Tes ata as dez, de Francisco Castro e A praia dos afogados, de Domingo Villar.

Dúas novelas diferentes aínda que con certo suspense en común que o noso club moito vos recomenda.






quarta-feira, 13 de maio de 2015

TERTULIANDO!!!



A sección máis buligueira do club de lectura, as lectoras e lectores máis grandes de 1º de ESO, reuníronse este mes de maio para celebraren conxuntamente a lectura d´O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro.

Deixamos por aquí un enlace para que vos poidades achegar ao curioso proceso de escrita a catro mans deste libro de relatos de que tanto gustamos, malia a tristeza que deixou en nós a súa lectura. Porque, quen quere ao seu redor un mundo inxusto e desigual para os nenos e as nenas do mundo?



segunda-feira, 15 de dezembro de 2014

A NOSA PRIMEIRA TARDE TERTULIANA

O xoves 4 de decembro a sección do club de lectura de 2º de ESO estreamos a nosa xeira tertuliana co acompañamento literario da novela de Francisco Castro, O corazón da Branca de Neve.



Ás veces escoitamos que a realidade supera a ficción e a verdade é que con esta lectura puidemos comprobalo cun caso ben coñecido polos medidos de comunicación e acontecido ben perto de nós.


terça-feira, 20 de maio de 2014

CHEGAMOS A UN NOVO FALADOIRO



O luns 19 de maio encontrámonos nun novo faladoiro para reflexionar sobre unha problemática infantil universal que nos achegan os relatos escritos por Fina Casalderrey e Francisco Castro en O neno can.


Os dereitos máis básicos da infancia vulnerados en sociedades e culturas máis ou menos perto de nós ás que a escrita a catro mans deste libro nos achega con extraordinaria sensibilidade, porque, como di Mahatma Ghandi:

O máis terrible das cousas malas da xente mala é o silencio da xente boa.

terça-feira, 25 de março de 2014

FRANCISCO CASTRO VISITOU O NOSO CLUB DE LECTURA

Non podía haber mellor maneira de comezar esta semana...

Leticia, Julia, Vanesa, Óscar, Iria e Os Beatles reciben a Francisco Castro na biblioteca

O autor d´O corazón da Branca de Neve visitou a nosa sección do club de 2º e 3º de ESO para coñecermos aínda máis do proceso de creación desta novela policíaca da que tanto gustamos. 

Tanto, tanto gustamos que xa estamos a agardar pola prometida nova historia que o inspector Hermida terá que descubrir! 




Moitas grazas, Francisco, por vires até Coristranca para explicarnos como concibes a túa escrita desde a necesidade de comunicar para transformar o mundo.

domingo, 9 de março de 2014

NOVA RESEÑA LITERARIA

Logo da tertulia literaria do pasado xoves, Iria Castiñeiras entréganos o seu comentario sobre a lectura O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro.

Seguro que a partir de aquí xa ninguén resistirá a tentación de ler esta novela...



O Corazón da Branca de Neve é unha novela policial e de suspense que narra a historia de Leila, unha moza inmigrante ilegal á que lle rouban o seu bebé, despois de ser enganada por unha mafia que se dedica a traficar mulleres embarazadas para despois roubarlles os seus fillos. 

O inspector Hermida deberá facerse cargo deste estraño caso, o cal lle traerá máis problemas dos que el pensa.
 
Recomendo este libro porque é moi entretido e realista. Trata temas que podes ver na prensa ou na televisión calquera día, e os seus personaxes parecen sacados da vida real. 
Ademais, non se fai pesado en ningún momento.

segunda-feira, 3 de fevereiro de 2014

O CLUB DE LECTURA ENTREVISTA A ...


... FRANCISCO CASTRO!!!
Velaquí a entrevista dixital que mantivo a sección do club de lectura de 2º co autor da nosa última lectura, O corazón de Branca de Neve.

Grazas, Francisco, pola túa atenta dispoñibilidade para iniciar este primeiro encontro virtual que se concretará noutro presencial no mes de marzo. Agardámoste!!!


ENTREVISTA

1. Por que escolleches o título d´O corazón de Branca de Neve?
Pois esa é unha pregunta que non debo responder aquí....porque a resposta está no derradeiro capítulo da novela. De feito é algo que lle pasa a todas e todos os que len o libro, que pasan os capítulos e pregúntanse por que se titulará así. No derradeiro dise algo que o xustifica...así que non podo contestar ou cárgome a intriga da novela...

2. En que te inspiraches para construír a historia?
Eu xa tiña bastante desenvolvido o personaxe do Inspector Hermida na miña cabeza. Un policía vigués, no final da súa carreira, con algún trauma persoal importante (cóntase na novela) que lle fai infeliz. Pero sobre todo, un tipo honrado, un señor serio que quere facer o mellor que pode o seu traballo e atrapar aos delincuentes. Sobre o que preguntades, debo dicir que a clave deuma unha nova da prensa que falaba dunha rapaza, embarazada, e que estaba sendo explotada sexualmente por un grupo de proxenetas. Cando foi liberada pola policía, declarou que lle dixeran que así como dese a luz ían vender o seu bebé. De aí naceu o inicio da historia.

3. Con que personaxe te quedarías?
Sen dúbida co Inspector Hermida. Un home íntegro, eficaz, aínda que afastado do típico poli de novela de detectives, super espabilado e todo iso. Gústame Hermida porque é moi consciente das súas limitacións, do importante da sorte á hora de investigar, e porque é quen de recoñecer que ás veces non ten nin idea do que está pasando. Se ao final triunfa é porque é unha persoa seria e consciente de que hai que loitar para atrapar aos delincuentes. É un home tenro que me gustaría ter como amigo para tomar algo por aí nalgún bar, comentando as noticias do xornal e todo iso...

4. Que personaxe che custou máis elaborar?
O personaxe máis difícil foi o toxicómano. É un ser extremo, dominado pola súa adicción, afeito a facer barbaridades por esa dependencia pero que, ao tempo, está farto e quere, aínda que lle custa, cambiar de vida. Facelo que parecese "real" foi o máis difícil de todo.

5. Tiñas claro desde os comezos ese final ou mudáchelo durante a escrita?
Tíñao máis ou menos claro. Cando escribes novela policial, na que a arquitectura interna da historia é tan importante, adoitas telo todo case que claro antes de poñerte a escribir. Logo hai sorpresas, claro. E personaxes que cobran un protagonismo que ti non pensabas darlle. Pero, en liñas xerais, estaba todo moi medido antes de me sentar a escribir.



6. Como te sentiches cando lle concederon a este libro o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia?
Pois imaxinade. Moi contento. Cando te presentas a un premio é coa esperanza de gañar. Así que, se gañas, a felicidade é grande.

7. Cal vai ser o teu próximo libro?
Pois durante este ano 2014 sairá unha novela dirixida ao público xuvenil. Será despois do verán. Tiña que ter saído o ano pasado, pero, como gañei o premio, decidín adiala un ano.

quinta-feira, 30 de janeiro de 2014

DE TERTULIA EN TERTULIA

Este club de lectura non para nunca.

A sección do club de 1º de ESO, última en chegar mais que está collendo unha boa carreira, xa se reuniu a finais de decembro para intecambiar opinións sobre O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras.


Non pasou nadiña de tempo e o vindeiro LUNS 3 DE FEBREIRO farán o propio co seu novo libro escollido, ben diferente do anterior: Engurras, de Paco Roca. A ver como lles foi con esta novela gráfica! Prometemos dar conta!

O pasado luns a sección de 2º ESO tamén debullou as intimidades lectoras da novela de Francisco Castro O corazón de Branca de Neve. Alí falouse de tensión, suspense, intriga e morte mais tamén de anorexia, remorsos, inmigración ilegal, etc. Unha novela apaixoante e que moito recomendamos!







quinta-feira, 6 de junho de 2013

SORPRESA!

Hoxe, o blog da Editorial Galaxia fala de nós e das nosas tertulias literarias con Francisco Castro e mais con Ledicia Costas na Casa da Cultura de Vigo.

Fermosa lembranza que partillamos tamén desde aquí. Graciñas por unha xornada de encontro de escrita e lectura tan enriquecedor.


quinta-feira, 23 de maio de 2013

LEMBRANZA GRÁFICA DO ENCONTRO CON LEDICIA COSTAS E FRANCISCO CASTRO

Velaquí a testemuña gráfica que nos axudará a lembrar unha xornada de sorpresa e descuberta. Detrás da escrita dun libro que emociona sempre hai unha persoa observadora que ten moito que nos contar.

Grazas Ledicia e Francisco, polas vosas palabras!


terça-feira, 14 de maio de 2013

TERTULIAS LITERARIAS MOI NOVIDOSAS

Hoxe, no club de lectura de 2º, mantivemos unha dobre tertulia literaria ben novidosa.



Iniciamos a mañá desprazando as aulas rutineiras á Casa Galega da Cultura de Vigo para nos encontrarmos alí con Francisco Castro e Ledicia Costas, convertidos nos nosos escritores acompañantes dos últimos meses.



É hora da reflexión. Que palabras expresarían o que esta experiencia significou para vós?

quinta-feira, 2 de maio de 2013

LECTURA DEVORADORA!!!!



Un ou dous días foi o tempo que varios membros do club tardaron en falar nas aulas e nos corredores da lectura d´O neno can.


Por que será? A ver que ideas nos van deixando por aquí...


Advertencia: este libro garda consigo unha sorpresa que se desvelará o día 14 de maio en Vigo.

quarta-feira, 24 de abril de 2013

SABENDO ALGO MÁIS SOBRE A NOSA NOVA LECTURA

Xa estamos a ler un libro que, sen dúbida, é diferente aos anteriores: O neno can, escrito a catro mans por Francisco Castro e Fina Casalderrey.

Portada d´O neno can


Desde a páxina web de Francisco Castro podemos achegarnos a este proceso de escrita tan orixinal e saber máis das pretensións dos autores ao escribiren xuntos estes contos de denuncia do incumprimento dos dereitos dos nenos e das nenas.

segunda-feira, 14 de janeiro de 2013

O NENO CAN

Fina Casalderrey e Francisco Castro cun exemplar d´O neno can

Alguén imaxina que un libro poida escribirse a catro mans, dous corazóns e unha cabeza? Non? Pois Fina Casalderrey e Francisco Castro conseguírono no libro de relatos que titularon  

O neno can

Imos descubrir como foi este proceso tan innovador e cales foron os motivos tan especiais que os levaron a escribiren xuntos.

quinta-feira, 12 de abril de 2012

A NOSA PARTICULAR VIAXE CON SIMBAD

Primeira parada: tertulia literaria                                                                                                                               









Segunda parada: actualización blogueira








Terceira parada: lembranza fotográfica coas que non teñen vergoña!
Final do traxecto: encontro co escritor Francisco Castro

segunda-feira, 9 de abril de 2012

ENCONTRO-TERTULIA CON FRANCISCO CASTRO


Mañá, 10 de abril, ás 10:30, o club de lectura de 1º e 2º ESO será o gran privilexiado no centro. Aproveitando a visita que o escritor Francisco Castro realizará ao alumnado de 3º, o noso club descubrirá tamén a auténtica persoa que se agocha detrás da escrita desa fermosa historia que tanto nos impactou: Chamádeme Simbad

Sen dúbida será unha magnífica volta ás aulas, despois destas minivacacións!!!

segunda-feira, 27 de fevereiro de 2012

NOVA TERTULIA LITERARIA

Este club non para! Xa temos nova lectura devorada e o próximo mércores 29 de febreiro, para despedir este mes que converte o 2012 nun ano bisesto, reunirémonos nunha nova tertulia literaria.

Seguro que este Chamádeme Simbad acordou moitos pensamentos e sensacións!

Déixovos aquí o un vídeo que nos achega a Francisco Castro, o escritor que está detrás desta fermosa historia de amor familiar.