Mostrar mensagens com a etiqueta reunión club de lectura. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta reunión club de lectura. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 21 de outubro de 2014

O EQUIPO CORISTRANCA 14-15


Velaquí está reunido todo o equipo lector do planeta Coristranca inaugurando a tempada 2014-2015.

Menuda gran familia!!!!



Benvida a profesorado e alumnado!!!



Arrancamos coas primeiras lecturas. En breve, toda a nosa actualidade literaria visibilizada nesta xaneliña da nosa casa virtual.

Tres, dous, un...

segunda-feira, 7 de julho de 2014

UNHA FESTA DE DESPEDIDA

O  curso rematou e as nosas tertulias literarias deben tomar un respiro. Andamos un precioso camiño de lecturas en común que retomaremos no próximo curso.





Despedida moi moi especial para o noso club de 4º ESO que nos abandonan. Canto as imos estrañar!!!! Menos mal que xa todas elas pasan a formar parte do Club das Ex-!!!




Bo verán tamén entre libros para todo o equipazo de Coristranca!!! Vémonos prontiño!!!


quinta-feira, 7 de novembro de 2013

INAUGURAMOS AS NOSAS TERTULIAS LITERARIAS

Despois destas primeiras semanas de comezo de curso tamén dedicado á lectura, imos estrear a nova tempada tertuliana.

Nesta primeira ocasión será a novela Futuro imperfecto quen nos convoque na tarde do vindeiro MARTES 12 DE NOVEMBRO na nosa biblioteca.


 Neste momento a autora non nos poderá acompañar, mais seguro que nos visitará un pouquiño máis adiante. Mentres, ímola ir coñecendo destoutro xeito...


As sensacións lectoras foron moi boas, mais gardade algo para contar ese día...

terça-feira, 28 de maio de 2013

PREPARANDO A NOVA TERTULIA


Mañá mércores 29 de maio reunirémonos novamente o club de lectura para intercambiarmos as nosas opinións ao redor da novela Asústate, Merche de Fina Casalderrey.

Ímonos achegar á autora para coñecela un pouco mellor nesta entrevista.


terça-feira, 23 de abril de 2013

NOVA TERTULIA LITERARIA




A sección de 2º ESO do noso club de lectura volveu reunirse o pasado xoves 18 de abril para intercambiar opinións e sensacións provocadas pola lectura da novela O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas, unha autora que máis unha vez nos abraiou coa súa narrativa atrapadora e cos seus finais dramáticos.

Tamén houbo tempo para reflexionarmos, a partir desta lectura, sobre os inconvenientes das redes sociais se non sabemos manexalas con responsabilidade e un pouquiño de desconfianza protectora.

E o mellor de todo: o ambiente comunicativo co que a literatura e os libros nos agasallan sempre. Que ben o pasamos!!!



segunda-feira, 18 de março de 2013

LENDO FEBRE


Chegou a tertulia literaria sobre a novela Febre. Xa vos podemos adiantar que nos gustou moito, que nos sentimos moi atraídos por ese personaxe feminino adolescente caracterizado con tanta personalidade, capaz de se enfrontar á dureza agresiva da vida.

Preguntarédesvos cal era a sorpresa que anunciaramos hai uns días? 

Pois nin máis nin menos que a un dos personaxes da novela, o médico da mina, don Teo, o coñeceu e tratou Concha, a nosa profe de xeografía e historia e compañeira de lecturas. Grande sorpresa que levamos ao escoitala falar deste dato real e da súa Noia natal que tan ben ambienta espacialmente esta febre do volframio.



Deica a próxima tertulia!

LENDO UNHA ESTRELA NO VENTO

Despedimos unha nova tertulia do primeiro ciclo en que recibimos máis visitas que nunca. Foi unha experiencia magnífica grazas á colaboración de tanta e tan boa xente lectora.

Benvid@s tod@s!

Escoitando moi atentamente a Ledicia Costas nunha entrevista dixital


Vémonos na próxima para debullar todo o que acontecen´O corazón de Xúpiter. Que sorpresa nos deparará esta obra de Ledicia Costas recentemente premiada esta fin de semana?

sábado, 16 de março de 2013

IMOS DE TERTULIA CON FEBRE

Non entendades mal! Non imos ir agripados nin febrís á tertulia do vindeiro LUNS 18 de MARZO!

Imos debullar polo miúdo esta historia tan intrigante ao redor da febre do volframio, vivida nos anos 40 nas minas dunha fermosísima vila da provincia da Coruña chamada Noia. 

Imos falar da ousada Carmucha e do seu temeroso pai Matías, do estraperlo dese mineral tan cobizado que a todos enlouquecía, da segunda guerra mundial...

E, grazas a unha compañeira tertuliana, imos descubrir algo co que non contamos sobre o médico da mina D. Teo. Que será?


Para írmonos situando en Noia, velaí vos deixamos un vídeo que recolle espazos identificativos desta vila de longa historia e é berce de escritores referenciais da literatura de noso como Avilés de Taramancos.





quarta-feira, 13 de março de 2013

NOVA TERTULIA LITERARIA


A familia "Coristranca" non para de medrar, así que a tertulia de mañá XOVES 14 DE MARZO vai dar aínda moito máis que falar...

Fomos sabendo polas aulas e polos corredores o moito que gustou no club de 2º ESO a novela Unha estrela no vento de Ledicia Costas. Incluso xa hai quen pide que o próximo libro sexa como este. Mais, como vai ser iso posíbel? Cada libro abre un mundo novo diferente, non si?

Mañá será un gran día para esta agardada tertulia. Vémonos!

terça-feira, 18 de dezembro de 2012

TERTULIANAS EN MARCHA...

Aquí estivemos de faladoiro literario o pasado luns.

Bonita, (im)previsíbel, sorprendente, realista, áxil, fresca... foron algúns dos adxectivos cos que foi cualificada a lectura da novela Unha estrela no vento de Ledicia Costas.

Tamén houbo quen opinou que o seu final era inxusto e quen soubo ver nesta narración unha magnífica oportunidade para crear lectores.

E como non, chegou a discrepancia na interpretación do comportamento do personaxe principal, Miguel, en relación á súa profe de literatura ... :)

Coma sempre, escoitámonos atentamente o moito que cada unha de nós gardaba no seu interior e pasamos un anaquiño de tarde de auténtica sobremesa!





quarta-feira, 21 de novembro de 2012

LEMBRANZAS TERTULIANAS

Lembranza fotográfica da nosa primeira tertulia do curso. Magnífica experiencia grazas á colaboración activa de todas as asistentes.

Ás profas Concha e Begoña dámoslles un SOBRESALIENTE porque traían os deberes moi ben feitiños, va que si?

Para a próxima temos que ter conta de Begoña, sempre pronta para actuar de reporteira gráfica, mais logo... ela onde está? Graciñas, Begoña!

Primeiro capítulo: presentación




Segundo capítulo: Acción

Terceiro capítulo: Explica, explica...

Cuarto capítulo: E Concha dixo...

Quinto capítulo: Momento suspense!

Desenlace feliz: Devoramos a lectura e os pasteis, agasallo de Jenni polo seu aniversario!

sexta-feira, 16 de novembro de 2012

SAUDAMOS A NOSA PRIMEIRA TERTULIA


O vindeiro luns 19 de novembro encontrarémonos na biblioteca na que será a primeira tertulia literaria desta tempada.

Nesta ocasión, unha parte do profesorado participante no club xunto ao alumnado de 3º e 4º intercambiaremos medos a partir da lectura d´As fronteiras do medo.

Iremos deixando impresións e pegadas por aquí... non vos descoidedes!!!

quinta-feira, 26 de janeiro de 2012

NOVA TERTULIA LITERARIA

Continuamos vogando entre libros e agora andamos rodeados de mandas de lobos e de grandes LOBAS. Sen dúbida, Pel de lobo é unha caixa de sorpresas onde non sempre é doado identificar a realidade e a maxia das nosas lendas nin onde está a fronteira entre o lobo e o ser humano. 

Incerteza até o final para sabermos quen é quen. Mais habémolo ir resolvendo o vindeiro MARTES, 31 de XANEIRO na nosa tertulia literaria.

Vémonos!

sexta-feira, 21 de janeiro de 2011

MAGNÍFICA TERTULIA GRAZAS A XOEL!



Falamos moito hoxe, contrastamos opinións, coincidimos con Xoel nalgúns gustos, rimos, aprendemos vocabulario (unha palabra que se repite moito no texto, "abúlico", desconcertounos durante a lectura...), emocionámonos con versos que veñen no libro e case chegamos a visualizar a casa dunha compañeira do club de lectura que vive entre a recta de Santa Comba e Carballo, un lugar por onde transita Xoel mentres está aprendendo, sen sabelo, a voar.

E sorprendémonos, porque, quen ía pensar que o Merlo Branco é quen ao final resulta ser?

Que queredes que volo digamos? Diso nada! O segredo está no libro agardando por ti!

Graciñas a Marica Campo por escribir e agasallarnos esta fermosa historia!