Mostrar mensagens com a etiqueta primeiro ciclo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta primeiro ciclo. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 25 de março de 2019

NOVA TERTULIA LITERARIA


O pasado luns 18 de marzo o club de lectura de 2º ESO volvemos encontrarnos nunha nova tertulia para pór en común as impresións viaxeiras en clave de suspense que nos transmitiu a obra Europa Express de Andrea Maceiras.




domingo, 17 de fevereiro de 2019

TERTULIAS DE INVERNO


Transitamos o frío do inverno cunha lectura que nos achegou caloriña e conversa.

Mais nesta ocasión as páxinas do libro O neno inverno tamén nos abriron a páxina da sorpresa e do encontro coa autora que soñou e escribiu esta historia da que tanto gustamos.




Graciñas pola túa visita, María Canosa. Foi un luxo terte entre nós!

quarta-feira, 19 de dezembro de 2018

DE TERTULIA EN TERTULIA

Hoxe concluímos esta primeira rolda de lecturas trimestras con cadanseu encontro.

Nesta ocasión, o club de lectura de 2º ESO conversou arreo sobre as impresións e emocións múltiples que naceron a partir da lectura d´O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas.

E como non hai tempo que perder, comezamos xa nova viaxe a través das páxinas de Europa Expréss, da autoría de Andrea Maceiras.

Vémonos á volta do aninovo!


segunda-feira, 3 de dezembro de 2018

ESTREANDO TERTULIA

Non puido comezar os encontros tertulianos con máis forza e ilusión este equipazo de 1º de ESO que moitas e boas lecturas prometen.

Con emoción e sentimentos encontrados partillaron impresións ao redor da lectura de Engurras.

Agora xa están devorando as liñas doutra historia ben intrigante: O neno inverno de María Canosa.

Seguide en antena porque seguiremos informando!!!


sábado, 10 de novembro de 2018

MÁIS PRESENTACIÓNS


E por fin chegamos á última presentación deste curso para lle dar a benvida por primeira vez ao club de lectura aos compañeiros e compañeiras de 1º ESO.

Con toda a forza ilusionante da estrea, comezamos coa lectura de Engurras, de Paco Roca!

Xa vos contaremos...

quinta-feira, 1 de novembro de 2018

PRESENTÁNDONOS ( E II)

Continuamos coas presentacións das seccións do club e esta semana tocoulle a quenda ao lectorado de 2º de ESO.



Sempre é difícil comezar a escoller lectura, mais desta volta tivémolo claro moi axiña, así que decidimos irnos polas nubes con...

 O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas



Vémonos axiña na nosa primeria tertulia deste ano, aínda que agora con toda a experiencia lectora, pois xa non somos os novatos do insti como o curso pasado...

Iremos contando...

TEMPO DE SAMAÍN EN PALABRAS


Chega o tempo de Samaín e recuperamos a nosa tradición de contar historias de medo aos máis peques do centro, desde 1º até 6º de educación primaria.



É sempre un pracer compartir lecturas convosco. 

Encantaríanos reencontrarnos entre liñas. Volvede axiña!!!






domingo, 10 de junho de 2018

PROSEGUIMOS COA FIN DE CURSO TERTULIANA

Desta volta co equipazo de 2º ESO despedimos o curso cunha lectura pioneira, con protagonistas fundamentais da historia que descoñeciamos e coas que non contabamos.

Queredes saber cal destas mulleres pioneiras se foi convertendo no modelo e referente escollido por cada membro do equipo lector?

Atentas ás súas pantallas...


quinta-feira, 7 de junho de 2018

DESPEDIMOS AS TERTULIAS

Imos pechando os encontros lectores e conversadores. Hoxe tocoulle o turno ao club de 1º ESO que este ano estrearon experiencia e ameazan con continuar o curso próximo!!!!!

A súa lectura escollida foi O neno inverno de María Canosa. A ver se se animan a deixarnos por aquí algunha pista ...


segunda-feira, 4 de junho de 2018

LENDO LENDAS

Despois da lectura dalgunhas das lendas da nosa comarca bergantiñá, cumpría percorrer in situ os espazos reais mencionados na recompilación lendaria da autoría do especialista e exprofesor do noso centro Xan Fernández Carrera.

Fantástica xornada para gozar e saber do noso. Iso si, sempre coa pregunta no aire: "E sería verdade ou non...?

segunda-feira, 23 de abril de 2018

TOMAMOS A PALABRA


Todos os días son óptimos para as nosas tertulias, mais hoxe coincidiu con unha desas datas sinaladas no calendario: o Día Internacional do Libro.

O noso punto de encontro recibiunos para a tertulia do club de 2º ESO ao redor dunha obra que gustou e, sobre todo, sorprendeu: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.



Precisades algunhas razóns para a ler? Pois velaquí algunhas pistas orientadoras...

1. Axúdache a abrir os ollos cara ás redes sociais (Rosa)
2. Axúdache a non confiar naquelas persoas que só coñeces a través das redes sociais e poden non ser como din (Lucía)
3. Axúdache a abrir os ollos ante o que che di unha amiga, aínda que sexa contrario á túa opinión (Naihara)
4. É moi entretido e axúdache a non confiar nas redes sociais e ter coidado co que publicamos (Yovanna)
5. É moi bonito e axúdache a aprender (Ivanna)
6. Axúdache a non confiar en quen non debes (Valentina)
7. Aprendes que non todo é o que parece (María Pazos)
8. Hai que facerlle caso aos consellos dos amigos e non confiar tanto nas persoas que non coñeces (María Varela)

terça-feira, 27 de março de 2018

RESEÑEANDO... ENGURRAS

Esperanza Muñiz non nos puido acompañar na última tertulia, mais envíanos a súa impresión lectora sobre Engurras para compartir connosco desde as súas experiencias vitais coa avoa Martisa. Que sorpresa!!!!



Como me gustaría estar con vós na xuntanza do club para falar deste libro!

Queríavos contar que coñecín unha señora á que lle chamabamos "avoa Martisa". Vivía soa con 90 anos, sempre foi unha muller con forte carácter e nunca quixo axuda de ninguén, nin sequera dos servizos sociais.

A avoa Martisa esqueceu como se cociñaba, pero sabía que o mellor aceite era o "Carbonell" e o mellor viño o "Campo Viejo".



A avoa Martisa esqueceu que para ouriñar de noite había que ir ao baño e facíao directamente na alfombra e, pola mañá, ao poñer os pés nela e atopala fría coma a lama, choraba porque algún mal cristián lla fora mollar.

A avoa Martisa esqueceu que para ver precisaba lentes, pero ela recitaba sen tatexar:

Se me dás o que che pido
non che hei de pedir a vida, 
da cintura para abaixo,
da rodilla para arriba.

Unha noite a avoa Martisa escoitou voces e subiu buscar quen lle falaba... co risco de perderse ou morrer de frío. 

Tamén acabou nunha residencia coma Emilio. Soa.

quarta-feira, 21 de março de 2018

PALABRAS NADA ENRUGADAS

O club de lectura de 1º ESO renovou o tempo de xuntanzas de comezo da primavera. Nesta ocasión foi protagonista a lectura de Engurras, unha historia en banda deseñada que non nos deixou indiferentes.


quarta-feira, 21 de fevereiro de 2018

E XOEL APRENDEU A VOAR


Hai uns días contabamos da tertulia ao redor do libro de Marica Campo, E Xoel aprendeu a voar. Pois ben, como eran varias as interrogantes que xurdiron, decidímonos a llas trasladar á autora, quen nos respondeu moi amabelmente.



Aquí vos deixamos esta entrevista epistolar con Marica Campo, a quen moito lle agradecemos o seu tempo e atención.




1. En que te inspiraches para escribir o libro?
Sempre digo que a inspiración é un misto ou chisqueiro para acender o lume, mais para facer a fogueira hai que xuntar leña. Que é a leña? Todas as experiencias vividas ou contempladas, deformadas polo prisma da imaxinación.

2. Canto tempo che levou escribilo?
Un mes exactamente.

3. Por que escolleches ese título?
Pensara en titulalo Xoel e o merlo branco; mais buscando que non houbese outro parecido, atopeime con que gardaba un paralelismo total con Xenaro e a mochila verde, así que entre outros moitos que se me ocorrían, escollín o que coñecedes.

4. Xoel representa algún familiar ou coñecido teu ou é un personaxe completamente inventado?
A actitude pasiva, abúlica, vina en máis dun rapaz, sempre desinteresado do que non fosen as novas tecnoloxías. Aínda hai dous ou tres días que lin como estas cousas, ademais do tipo de alimentación, tiñan a ver coa obesidade. Niso pensei tamén cando imaxinei o personaxe. Os nenos Daniel e Sara McNamee si que se chaman coma dous sobriños netos meus.

5. E o Merlo Branco?
Está inspirado nun señor a quen non coñezo en persoa (si á súa muller, que foi profesora de inglés nun instituto) que construía moto veleiros. El foi quen me explicou (por teléfono) como os facía. Doutra banda, gústame moito a relación cos avós. Tiven un que morreu cando eu tiña 14 anos e co que estaba moi compenetrada. Mesmo nalgún relato que falo dunha avoa, en realidade falo del. Só coñecín ao meu avó paterno e á miña avoa materna. Esta, aínda que era boa e cariñosa,  parecíame distante porque era moi refinada.

6. O final pareceunos moi precipitado, despois de toda a intriga da historia. Por que o fixeches así?

Para min era o momento do THE END, se cadra tivestes que lelo dúas veces para entender o que significaba porque nunca se di expresamente que o Merlo Branco era o avó. Quizais vos gustaría que se soubese máis do encontro da nai de Xoel e a súa nai norteamericana, mais hai que deixar espazo á imaxinación de quen le. Dicir, dise que se encontran e que “falou o sangue”, ou sexa, houbo un recoñecemento, o que os gregos chamaban unha anagnórise. Quen escribe, aínda que lles colla cariño, non debe quedar indefinidamente cos personaxes e alongar de máis a historia. Había un conflito e un enigma e, unha vez resoltos, a novela tiña que  acabar. De calquera maneira, se cadra tedes razón. Escribir é dubidar continuamente.

7. Poderemos ler pronto algún outro libro teu pensado para nós?
Estou rematando outra novela que, en principio, sería para xente máis nova. Porén, a medida que escribo, dubido da franxa de idade á que se debe destinar.

Unha aperta para todas e todos. Lede moito para medrar máis como persoas. Grazas por lle prestar atención a Xoel.



AS DE 2º TAMÉN QUEDAMOS!

Esta semana non podía comezar mellor!




O equipo lector de 2º ESO descubriu un grande historia e unha magnífica escritora que desde xa vos recomendan non perder: Ledicia Costas e Unha estrela no vento.

E tanto gustamos que foi irresistíbel a tentación de continuar a saber da súa escrita, así que xa andamos entre as liñas interespaciais d´O corazón de Xúpiter.

Contaremos!!!!


quinta-feira, 1 de fevereiro de 2018

ESTREANDO TERTULIA

O club de lectura de 1º ESO estreou onte a súa primeira tertulia literaria. E non parecían nada novatos á vista das brillantes intervencións e interpretacións do libro de Marica Campo, De cando Xoel aprendeu a voar.

Con todo, é de xustiza salientar que contabamos cunha voz lectora moi experimentada, a de Esperanza, unha mamá que sempre nos sorprende. Desta vez, ademais da súa lectura e do seu acompañamento presencial, agasallounos con esta ben fermosa e orixinal reseña da nosa lectura máis recente.

Que vos parece?


Non sexas abúlico

Vou dar a miña opinión
dunha maneira sinxela,
a lectura moito presta,
sempre que gostamos dela.

Sentinme identificada
con don Santiago e Xoel,
as obrigas do traballo
minguan horas de lecer.

As novas tecnoloxías
substitúen as persoas,
xigantes escaparates
para cando estades a soas.

Sae fóra tomar o aire,
deixa o móbil e o portátil,
fala! corre cos amigos!
e sentiraste máis áxil!

Busca o teu merliño branco,
deixa durmir a preguiza,
sube ao motoveleiro!
enche os petos de ledicia!


segunda-feira, 15 de janeiro de 2018

TERTULIAS DE ANO NOVO

Ano novo, tertulia nova!

Aquí estamos co club de lectura de 2º ESO para poñer en común o misterio e tensión que nos envolveu na lectura d´A neve interminable, de Agustín Fernández Paz.

Lucía achéganos unha breve reseña para deixarvos pistas lectoras a quen andades a procurar suxestións e María sorprenderavos moi axiña cun novo booktuber.

Si, si, lestes ben. Atención ás súas pantallas!!!





Este libro trata sobre tres mulleres e dous homes que eran guionistas de profesión e son os encargados de realizar unha nova serie para a televisión.

Para concentrarse deciden ir a un hostal en Lugo. Cada un deles crea unha historia e vana contando ao longo da semana. 

Mais a neve comeza a caer sen fin e empezan a notar algo raro nos donos do hostal…

terça-feira, 28 de novembro de 2017

UN CLUB A MEDRAR...

Xa estamos funcionando a pleno rendemento, mais tiñamos unha débeda pendente: presentar o noso club de lectura ao alumnado que se acaba de estrear no centro en 1º ESO.

Por fin chegou ese día de facermos as presentacións e podemos verificar que a recepción foi do máis positiva.

Estamos seguras de que en breve un novo equipo lector dará moito que falar en Coristranca e que ler...

De quen será o mérito principal? Pois de Carla, Uxía, María e Aarón, expertos lectores de 4º ESO.


segunda-feira, 18 de setembro de 2017

COMEZA UNHA NOVA VIAXE LECTORA



Así rematamos o curso pasado o mural da nosa viaxe literaria ao longo dos meses. 

De volta do verán chegou a hora de reiniciarmos unha nova viaxe aventureira a través de novas páxinas.

Quen se apunta? Hai alguén aí?


quinta-feira, 22 de junho de 2017

VIDEOBOOK

Xa se coñece a proposta videoliteraria gañadora do concurso RETO LECTOR! que a Editorial Galaxia puxo en marcha hai uns meses.

Mirade que fermosura de convite lector para esta obra que moito nos sorprendeu entre as nosas lecturas este curso: O neno inverno, de María Canosa, autora coa que tivemos a fortuna de conversar na nosa biblioteca.


E sempre que hai gañadora, tamén hai finalistas, así que ollade por aquí estoutras propostas que nos poden dar pistas para as lecturas deste verán.