Mostrar mensagens com a etiqueta 4º ESO. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta 4º ESO. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 28 de fevereiro de 2019

CORISTRANCA VOLVE Á RADIO CUAC FM

Retomamos a nosa xeira radiofónica!


Se non nos puidestes escoitar ao vivo ou queredes volver compartir os bos momentos que pasamos este martes 26 de febreiro, mesmo malia algunha sorpresa!!!, velaquí vos deixamos o enlace de novo ao programa número 266 de "A fume de carozo".
Reiteramos a nosa gratitude ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e a Roberto Catoira, o técnico, que sempre nos facilitan
Parabéns  ás locutoras Victoria Porteiro Bértoa, Rebeca Martínez Pena, Sara Álvarez Vilanova e Laura Gómez Velo!

quarta-feira, 30 de janeiro de 2019

DE PASADO A FUTURO IMPERFECTO

Hoxe na tertulia as palabras custaron máis en saír porque as emocións asumiron todo o protagonismo. 

Cadaquén fica xa coa súa lectura impresa na pel, mais a opinión común é que foi unha lectura necesaria, das que marcan a fondo, como as vidas...

Grazas a Xulia Alonso, pola súa loita!





quarta-feira, 19 de dezembro de 2018

TERTULIANEANDO


Despedimos este primeiro trimestre lector coa tertulia de 3º e 4º ESO ao redor da lectura d´A dúbida de María Reimóndez que cede paso agora ao encontro con Futuro imperfecto de Xulia Alonso.

Bo Ano Lector 2019!

terça-feira, 18 de dezembro de 2018

RESEÑEANDO

Lucía Bermúdez (3º ESO) achéganos a súa proposta lectora para este tempo de descanso de nadal.

A ver que vos parece? Para ler sen medo...


CANDO CAE A LUZ, MARÍA CANOSA


Cando cae a luz é un libro de historias de medo. Foi escrito por María Canosa e recolle trece pequenos relatos de terror. Son contos con moita intriga propios para o Samaín ou para contalos xunto á lareira coa familia. Recoméndolle este libro a todas esas persoas ás que lles gusten as historias de medo e de intriga.

terça-feira, 16 de outubro de 2018

PRESENTÁNDONOS...

Feitas as presentacións no noso espazo favorito do instituto, o supersofá laranxa da biblioteca, facémolas agora públicas.

Con todas vós, velaquí o magnífico club de lectura de 3º e 4º ESO!!!

Comezamos a compartir a primeira lectura, unha gran novela dunha grande escritora que este ano 2018 deu moito que falar... e aínda dará!!!

De que e de quen estamos a falar???????


quinta-feira, 1 de março de 2018

CORISTRANCA DE NOVO NA ONDA


O pasado martes 20 de febreiro visitamos na Coruña novamente o estudo "José Couso" de Radio CUAC FM para emitir un novo programa " A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Nesta ocasión o equipo de guionización e locutación correu a cargo de membros do club de lectura de 4º ESO e por se non chegastes a tempo de os escoitar ao vivo ou queredes recuncar- agora é o momento estupendo desde este enlace que vos ofrecemos. 








Neste programa quixemos prestar atención especial á inmediata celebración do Día de Rosalía e descubir a María Victoria Moreno, autora destacada este ano na celebración do Día das Letras galegas ou a Eli Ríos, a autora que se esconde tras a intensa novela que acabamos de ler, Luns, publicada pola editorial Xerais.

Ogallá vos preste tanto escoitarnos como nós aprendemos preparándoo!

Até o próximo programa!

terça-feira, 13 de fevereiro de 2018

NOVO CAPÍTULO DO CLUB D@S EX-

A nosa ex- María Rodríguez volve connosco a través da lectura do libro Palabras envelenadas de Maite Carranza.

Comezade coa lectura da súa reseña e con certeza non resistiredes achegarvos á novela.


Durante o mes de xaneiro lin un libro que, tristemente, está moi relacionado coa actualidade. 

Palabras envelenadas trata sobre a desaparición dunha rapaza, Bárbara Molina. 

Esta rapaza é agredida física, sexual e psicoloxicamente por unha persoa da súa familia durante, máis ou menos, a metade da súa vida pero, aínda así, ela mantén a esperanza de que algún día poderá gozar da liberdade que merece.

Nesta historia tamén hai que destacar o papel da nai de Bárbara, Nuria Solís, quen sofre como o tempo pasa sen saber o paradoiro da súa filla, sen saber se algún día a volverá a ver…

O libro consta de tres partes e cada parte ten diferentes capítulos que están narrados en primeira ou en terceira persoa. A historia avanza rápido ata a metade da segunda parte, que se volve máis lenta pero á vez moito máis intrigante; tan intrigante que a persoa que está lendo chega a meterse no papel da protagonista e sentir o perigo que corre.

Recoméndovos esta lectura porque, nestes momentos e por desgraza para nós, as mulleres, é moi importante ter todos os sentidos alerta para que ningunha de nós sexa a seguinte en ser noticia no telexornal. 

Ninguén ten o dereito de arrebatarnos a liberdade, a felicidade e moito menos, a vida.

terça-feira, 28 de novembro de 2017

UN CLUB A MEDRAR...

Xa estamos funcionando a pleno rendemento, mais tiñamos unha débeda pendente: presentar o noso club de lectura ao alumnado que se acaba de estrear no centro en 1º ESO.

Por fin chegou ese día de facermos as presentacións e podemos verificar que a recepción foi do máis positiva.

Estamos seguras de que en breve un novo equipo lector dará moito que falar en Coristranca e que ler...

De quen será o mérito principal? Pois de Carla, Uxía, María e Aarón, expertos lectores de 4º ESO.


quarta-feira, 22 de novembro de 2017

CORISTRANCA NAS ONDAS


Este martes 21 de novembro inauguramos unha nova tempada radiofónica en Radio CUAC FM para falar de libros e lectura, dentro do programa "A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Moitas páxinas de contidos e seccións literarias. Non imos desvelar moito para quen non nos puido escoitar ao vivo e está a agardar polo enlace on line, así que só vos adiantamos algúns nomes que no programa soaron: María Reimóndez, Antonio García Teijeiro, María Solar, Jordi Sierra i Fabra...

Atención, atención, radiooíntes... se non nos escoitastes ao vivo, deixámosvos por aquí o enlace ao programa para que recunquedes na escoita deste fabuloso programa guionizado e locutado por María, Carla e Uxía!!!

sexta-feira, 17 de novembro de 2017

NOVA TEMPADA TERTULIANA


O tempo de outono semella que non quere chegar, mais o das tertulias non o deixamos escapar. Así que aquí estamos de novo a voltas coas nosas lecturas.

Nesta ocasión inauguramos o equipo de 3º e 4º de ESO con dúas novelas de María Reimóndez, A dúbida e Corredora.

Non sabemos cal das dúas vos recomendar en primeiro lugar porque non somos quen de escoller nin de prescindir de ningunha!!!



Se cadra imos deixándovos por aquí nos próximos días algunhas ideas e pistas para que vaiades creando opinión e vos lancedes ao mergullo destas páxinas que non vos deixarán indiferentes.

quinta-feira, 22 de junho de 2017

VIDEOBOOK

Xa se coñece a proposta videoliteraria gañadora do concurso RETO LECTOR! que a Editorial Galaxia puxo en marcha hai uns meses.

Mirade que fermosura de convite lector para esta obra que moito nos sorprendeu entre as nosas lecturas este curso: O neno inverno, de María Canosa, autora coa que tivemos a fortuna de conversar na nosa biblioteca.


E sempre que hai gañadora, tamén hai finalistas, así que ollade por aquí estoutras propostas que nos poden dar pistas para as lecturas deste verán.

sexta-feira, 2 de junho de 2017

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR


Pechamos o ciclo de encontros deste curso escolar as seccións de 3º e 4º ESO coa visita dunha autora que agardabamos con impaciencia: María Solar.


Os nenos da varíola e As horas roubadas ocuparon as nosas lecturas e os nosos faladoiros previos nas seccións de 3º e 4º ESO. 

Souberamos algo máis da intrahistoria da novela As horas roubadas grazas á recente entrevista radiofónica do noso último programa "A fume de carozo". 


Agora cumpría avanzar algo máis neste relato dun tempo difícil para a liberdade das mulleres e mergullarnos no pouso histórico e científico d´Os nenos da varíola, que nos trouxo unha inesperada descuberta da man da súa autora: un dos nenos protagonistas da expedición de Balmis era de Coristanco!!!! Quen o podería supoñer?


Grazas sempre, María, por vires encontrarte connosco da man da túa escrita compañeira!

terça-feira, 23 de maio de 2017

PECHE TEMPADA RADIOFÓNICA


Hoxe o noso equipo de radio pechou a tempada nas ondas emitindo o derradeiro programa. Derradeiro? Si, o derradeiro, porque tanto María como Lucía e Patricia abandónannos neste curso para seguir o seu tempo de formación noutro centro.

Moito as imos estrañar, mais a tarde de hoxe foi moi especial. E se non nos credes... será porque non as escoitastes ao vivo, así que atención, atención ao programa que xa chega desde aquí ás súas pantallas!!!

Impresionantes entrevistas ás grandes descubertas literarias deste último trimestre: o escritor Carlos Negro e a escritora María Solar.

De vós non as deixariamos perder!!!



Parabéns, locutoras superlectoras!

terça-feira, 2 de maio de 2017

INTERCAMBIO LECTOR CO IES OTERO PEDRAYO

Seguro que gardamos centos de imaxes para a lembranza do intercambio partillado co IES Otero Pedrayo da Coruña, mais faltaba a nosa síntese grazas ao traballo da compañeira Pilar Espido.

Está claro que o pasamos tan ben que nos veremos na obriga de repetir... ou non?

Grazas a todas e cada unha das persoas que o fixestes posíbel!!!




terça-feira, 25 de abril de 2017

PALABRAS EN VERSO


Que é a poesía? É iso que contan por aí? Só fala a poesía diso que se di? E se por acaso non rima?



Tópicos, preguntas, diálogo, sensacións, sorpresas doces, respostas e sobre todo versos e poemas foi o que hoxe nos trouxo ao noso club de 4º ESO o poeta Carlos Negro.




Sen dúbida, todos os interrogantes xurdidos coa lectura de Penúltimas tendencias e Masculino singular ficaron resoltos... ou levaron a novos interrogantes? Que vos parece: Lucía (s), Bianca, Patricia(s), Iago, Cristina, Antía, Esperanza e Maria?


segunda-feira, 27 de março de 2017

FOTOHAIKUS DE PRIMAVERA (IX)

Patricia Pose preséntanos, unha semana máis, o seu fotohaiku de primavera...

 A filla do Mar
só na mente pervive
quixo ser libre


sexta-feira, 24 de março de 2017

DE QUEDADA EN QUEDADA

Continuamos coas nosas quedadas literarias tamén na sección do club de 4º ESO para un novo intercambio literario.

Despedimos a lectura dunha novela para nós moi diferente e novidosa na nosa traxectoria lectora como é Negruña, de Xosé Duncan e saudamos a chegada da poesía da man de Carlos Negro, autor de Penúltimas tendencias e Masculino singular.

Manterémosvos ben informados, non vos despistedes!!!


quinta-feira, 23 de março de 2017

FOTOHAIHUS DE PRIMAVERA (VIII)

Iago Caamaño achéganos unha outra perspectiva en palabras e imaxe poética...

Chuvias de maio,
unha noite, furtiva,
lúa nos pinos.