Mostrar mensagens com a etiqueta Día de Rosalía de Castro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Día de Rosalía de Castro. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 1 de março de 2018

CORISTRANCA DE NOVO NA ONDA


O pasado martes 20 de febreiro visitamos na Coruña novamente o estudo "José Couso" de Radio CUAC FM para emitir un novo programa " A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Nesta ocasión o equipo de guionización e locutación correu a cargo de membros do club de lectura de 4º ESO e por se non chegastes a tempo de os escoitar ao vivo ou queredes recuncar- agora é o momento estupendo desde este enlace que vos ofrecemos. 








Neste programa quixemos prestar atención especial á inmediata celebración do Día de Rosalía e descubir a María Victoria Moreno, autora destacada este ano na celebración do Día das Letras galegas ou a Eli Ríos, a autora que se esconde tras a intensa novela que acabamos de ler, Luns, publicada pola editorial Xerais.

Ogallá vos preste tanto escoitarnos como nós aprendemos preparándoo!

Até o próximo programa!

sexta-feira, 24 de fevereiro de 2017

CORISTRANCA VOLVE A RADIO CUAC FM

Este martes 21 de febreiro o equipo de radio da sección do club de lectura de 3º ESO volveu vibrar nas ondas na emisora de Radio CUAC FM.



Moit@s de vós escoitastes o resultado do seu traballo de guionización ao vivo, entre as 17 e as 18 horas, mais imos deixarvos aquí o enlace para a súa escoita on line para que non perdades ningún dos interesantes contidos que neste programa descubrimos.



Que queredes algunha pista? Pois... por exemplo unha magnífica e completa entrevista ao escritor Francisco Castro, un saúdo de presentación á nova académica, a escritora Marilar Aleixandre, unha lembranza da xornada do venres 24 de febreiro, identificado como Día de Rosalía, neste seu 180 aniversario e unha sorpresa musical inesperada a cargo das propias locutoras, Carla e María...

A vosa curiosidade xa non agarda máis, non si?

Entrade xa no enlace aquí agochado!!!

segunda-feira, 4 de abril de 2016

LEMBRANZA GRÁFICA DO DÍA DE ROSALÍA

Aínda que estes últimos cursos xa viñamos celebrando o Día de Rosalía -24 de febreiro- este curso foi especial e ben diferente.



Comezamos a mañá agasallando a comunidade educativa con versos de Rosalía de Castro e mais da nosa poeta máis próxima, nada na parroquia de Seavia, Asunción Antelo.



Deseguido desprazámonos á Casa da Cultura para facer unha homenaxe maior ás dúas poetas grazas á colaboración da Concellaría de Cultura.



















O club de lectura deu vida a unha escolma de textos de Rosalía de Castro e mais da súa discípula, Asunción Antelo, que moito nos gustaron.














Finalmente, para que ninguén na redonda ficase sen saber da importancia da data, visitamos o comercio local para continuar a partillar a poesía de Rosalía e Asunción entre a nosa veciñanza.


Que día tan intenso e fermoso!!!

quinta-feira, 25 de fevereiro de 2016

MISTERIO DESVELADO

Averiguamos que era o que andaban a argallar as tres compañeiras do club de lectura, Miriam, Nuria e María.



Escoitámolas en directo na súa estrea radiofónica no programa "A Fume de Carozo", emitido o pasado martes 23 de febreiro e promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. 

Para atender as vosas peticións, xa que non todos puidestes estar pendentes da emisión ao vivo, partillamos agora convosco o enlace para que aprendades e gocedes tanto coma nós coa elaboración deste guión radiofónico.



Reiteramos o noso agradecemento ao escritor cormelán Suso Lista pola atentísima entrevista que nos concedeu.

E a todos os nosos radiooíntes, grazas polos ánimos e por seguirnos!!!!






terça-feira, 23 de fevereiro de 2016

ARGALLANDO...

Hoxe pillamos in fraganti a Nuria, Miriam e María moi concentradas entre papeis... Que andarán a argallar?



Só sabemos que quedaron de verse para unha cita que teñen entre as 17 e as 18 horas no ar ou nas ondas... irán dar unha volta polas ondas gravitacionais esas que están tan á moda?

Tirámoslle da lingua e só puidemos averiguar que o misterio se desvela hoxe no 103.4 FM.

Non perderemos o fío até descubrir que traen entre mans máis aló dos papeis...