Mostrar mensagens com a etiqueta Pel de lobo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Pel de lobo. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

PRÓXIMA TERTULIA LITERARIA

O vindeiro mércores 8 de febreiro reunirase novamente a tertulia literaria de 1º e 2º de ESO.

Vémonos na biblioteca! E preparádevos porque imos coñecer de primeira man algunhas historias verdadeiras protagonizadas polos lobos!!!


Polo de agora, ímoslle botar un conto que se titula: 

O gaiteiro e os lobos
Era unha vez un gaiteiro que viña xa de tarde pola fraga dispois dunha parranda, e como tiña  moito sono deitouse nunha pila de folla. Durmiuse, e estando durmido veu o lobo, oliscouno, e tapouno un pouco cas follas pensando quizais en voltar deica logo cos compañeiros.

O noso homiño, que se despertara ao sentir vir os lobos, subiuse a un carballo.
Viñeron os lobos e empezaron a fozar na folla, pero como non no atoparon, empezaron a pelexar co que os chamara.
Nesto que o noso gaiteiriño vendo a pelexa que tiña os seus pes, empezou a acerretar pra que lle seguiran zoupando o lobo que o descobriu, pero velaí que cando se dan de conta que o carallo da cea estaba no carballo, deixaron a pelexa e empezaron a roelo carballo. Mais cando o carballo xa ía a cair, o gaiteiriño pasou polas gallas a outro carballo.

Empezaron os lobos con mais fame aínda a roelo tamén. Pero agora xa non había outro pra facer o mesmo de antes. Ao darse conta, o homiño disto dixo.

- Me cago no mundo, si hei de morrer... que sexa tocando.

E empezou a tocar na gaita. Non se sabe como, pero en canto a gaita empezou a berrar, fuxiron os lobos coma se oisen as galochas do demo. O noso gaiteiro baixouse do carballo sen deixar de tocar a gaita, e tocando sen parar nin un momento chegou á aldea.

Dende entón os desta parroquia cando teñen que ir polo monte e non teñen armas levan a gaita.

quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

TERTULIA LITERARIA ENTRE LOBOS

Si, si, ledes ben, os lobos acompañáronnos na lectura de Pel de lobo, mais tamén na nosa tertulia do segundo ciclo, grazas ás lembranzas que a profesora Rosa Rial garda da súa infancia de testemuños vivos de xente que viu o lobo. Quedamos moi sorprendidos sobre a súa capacidade de resistencia e intelixencia para traballar a xente, como se di popularmente.


E vós que contades? Vistes o lobo? Viuvos o lobo?

segunda-feira, 30 de janeiro de 2012

E FALANDO DE LOBOS...


... o máis grande contador de historias de lobos é o narrador galego Ánxel Fole. Para convidar á descuberta da súa lectura, velaquí esta adaptación dun seu conto titulado "Os lobos", incluído no libro de relatos Á lus do candil.