Laura Mariño Taibo lembra a súa estadía no noso centro a través das lecturas que a marcaron.
Moitas grazas, Laura, por compartírelas connosco nesta casa común dixital para o reencontro e a boa conversa!!!
Cando boto
a ollada atrás e lembro os tempos no Xosé Pichel, un dos recordos que máis fixados teño na memoria ten a ver
cos libros. Lembro perfectamente os recreos nos que estaba de “encargada” da
biblioteca, as artimañas ás que recorriamos para, ás agochadas, subir para a
biblioteca despois do comedor (malia saber que non se podía), os traxectos no
bus sempre cun libro na man, aquelas historias e aqueles personaxes que te
mantiñan esperta ata as tantas da noite (Matilda,
O buzón dos nenos, Charlie e a fábrica de chocolate, Trece anos de Branca...).
Poder
participar neste blog é unha oportunidade para recordar con melancolía aqueles
tempos. O certo é que a medida que unha vai cumprindo anos, dáse de conta de
que, tal e como xa sinalaron escritores como Baudelaire ou Delibes, a infancia
é a verdadeira patria do home. E orgullosa podo dicir que a miña infancia
estivo chea dos libros da biblioteca do CPI Alcalde Xosé Pichel.
Vouvos
facer tres recomendacións moi diferentes, como ides poder ver, pero cada unha
responde a un recordo, a unha emoción ou a un sentimento.
Reválida de sexto
Segunda
obra do coristanqués, máis concretamente de Seavia, José Antonio Andrade.
Despois do éxito de Seavia é nome de
parroquia, este avogado convertido en escritor, valéndose da técnica do
manuscrito atopado, trasládase aos anos setenta para lembrar a súa propia época
escolar na “Academia Zeus” (trasunto do colexio Leus de Carballo) e a vida
carballesa do momento. Unha boa obra para coñecer o sistema escolar de finais
da ditadura e saber un pouco máis da mocidade dese momento, é dicir, da
mocidade dos nosos pais e nais.
Os escaravellos voan á
tardiña
Publicado orixinariamente en 1978 en Suecia, é este un libro
que segue sen pasar de moda. Lembro
aquelas noites de verán, devorando as follas ata que o sono podía comigo!
Durante un verán, tres amigos coidan as plantas na casa dunha veciña que está
de viaxe, o que eles non sospeitaban é que, grazas a unha misteriosa planta que
parecía coñecer a xente, atoparían no faiado unhas cartas do século XVIII a
través das que descubrirán unha historia
de amor chea de atrancos, unha estatua maldita e múltiples enigmas que van
resolvendo polas pistas que a planta lles vai ofrecendo. É unha desas historisa que non poderedes
parar de ler ata que atopedes todas as respostas!!
Do descoñecido ao descoñecido
Antoloxía da
obra poética de Manuel Rivas, cuxa exitosa obra narrativa eclipsa unha faceta
poética de gran calidade. Características desta lírica son a linguaxe
aparentemente sinxela, a ironía, o espíritu de rebeldía, o humanismo,
personaxes aventureiros e marxinais, nostalxia da nenez e, sobre todo, a
aparición do mundo urbano en loita co rural, que aparece como un mundo próximo
á extinción.
Velaquí dous dos poemas que máis me transmiten:
A NEGRA TERRA
De falar, falarei coa terra.
A terra verdadeira,
A negra terra
Onde prede a raiz.
A terra que se pisa.
A terra que se queima e que se crava.
Ese enorme lenzo onde o home debuxa o seu
capricho.
Onde o home se perde e se revolve en sombras.
A negra terra,
ese corpo de puta vella con dentes
amarelos de
tabaco,
con olleiras negras
de tan azuis.
De falar, só con ela falarei
e falarei coas mans,
docemente coas unllas,
coa paixón dun amante,
como falan, cando albiscan a morte, os
xabarins feridos.
Coa terra, con esa negra terra
que cuspe, como sangue do peito, primaveras.
VIAXE
Disme que temos que levantar o voo,
cambiar de aires,
fuxir,
pero onde vaiamos, iremos ti e máis eu
e quen sabe se todo isto non virá tamén.
Bo verán e
boas lecturas!