Bo verán e felices lecturas!!!!
Blogue do Club de Lectura do CPI 'Alcalde Xosé Pichel' de Coristanco
Mostrar mensagens com a etiqueta Curso 2017-2018. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Curso 2017-2018. Mostrar todas as mensagens
domingo, 1 de julho de 2018
DESPEDIDA DE XABIER P. DOCAMPO
Pechamos este curso coa triste nova da despedida física do escritor Xabier P. Docampo.
Facemos nosas as súas palabras:
Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.
Procurarémolo en cada nova lectura e relectura da súa importante obra porque os escritores e as escritoras sempre permanecen para sempre na súa escrita.
Etiquetas:
Curso 2017-2018,
narrativa,
Xabier P. Docampo
domingo, 10 de junho de 2018
PROSEGUIMOS COA FIN DE CURSO TERTULIANA
Desta volta co equipazo de 2º ESO despedimos o curso cunha lectura pioneira, con protagonistas fundamentais da historia que descoñeciamos e coas que non contabamos.
Queredes saber cal destas mulleres pioneiras se foi convertendo no modelo e referente escollido por cada membro do equipo lector?
Atentas ás súas pantallas...
Etiquetas:
Curso 2017-2018,
feminismo,
Pioneiras,
primeiro ciclo,
tertulia literaria
quinta-feira, 7 de junho de 2018
DESPEDIMOS AS TERTULIAS
Imos pechando os encontros lectores e conversadores. Hoxe tocoulle o turno ao club de 1º ESO que este ano estrearon experiencia e ameazan con continuar o curso próximo!!!!!
A súa lectura escollida foi O neno inverno de María Canosa. A ver se se animan a deixarnos por aquí algunha pista ...
Etiquetas:
Curso 2017-2018,
narrativa,
primeiro ciclo,
tertulia literaria
segunda-feira, 4 de junho de 2018
LENDO LENDAS
Despois da lectura dalgunhas das lendas da nosa comarca bergantiñá, cumpría percorrer in situ os espazos reais mencionados na recompilación lendaria da autoría do especialista e exprofesor do noso centro Xan Fernández Carrera.
Fantástica xornada para gozar e saber do noso. Iso si, sempre coa pregunta no aire: "E sería verdade ou non...?
Fantástica xornada para gozar e saber do noso. Iso si, sempre coa pregunta no aire: "E sería verdade ou non...?
Etiquetas:
actividades extraescolares,
Curso 2017-2018,
Lendas,
primeiro ciclo,
Xan Fernández
sábado, 2 de junho de 2018
INTERCAMBIO CO IES OTERO PEDRAYO
Renovamos un curso máis o noso intercambio co IES Otero Pedrayo da Coruña e aínda que non podemos recoller todas as vivencias desta intensa xornada compartida en Betanzos, por aquí vos deixamos algunhas imaxes que queren ser de recoñecemento e gratitude por tan impecábel organización.
Deica o curso vindeiro! Continuamos entre lecturas!
Etiquetas:
Curso 2017-2018,
IES Otero Pedrayo,
intercambio
quinta-feira, 26 de abril de 2018
MEDRANDO CO CLUB D@S EX!
Antía Varela volve connosco para compartir coa súa palabra a súa última lectura, Chamando ás portas do ceo de Jordi Sierra i Fabra.
Reparade na súa opinión porque seguro que non vos resistiredes a esta proposta lectora!
Se tivese que definir a Silvia con unha palabra, sería: Especial, porque é
unha desas persoas que te namoran simplemente coa súa presenza e o
xeito de pensar.
Grazas a ela coñecemos a beleza e a pobreza que rodea á India, con
ela vives o día a día no hospital e coñeces a moitos pacientes que te
marcan, non só polo agradecemento e a ilusión que mostran cando ela os
axuda, senón tamén pola forza que ainda lles queda.
Nesta novela mestúrase a aventura coa desgana, o amor coa
desilusión, a fermosura coa pobreza, pero o máis importante é que o medo
se converte en superación.
Convídovos a coñecer a India a través dunha historia que vos vai deixar cautivados.
segunda-feira, 23 de abril de 2018
TOMAMOS A PALABRA
Todos os días son óptimos para as nosas tertulias, mais hoxe coincidiu con unha desas datas sinaladas no calendario: o Día Internacional do Libro.
O noso punto de encontro recibiunos para a tertulia do club de 2º ESO ao redor dunha obra que gustou e, sobre todo, sorprendeu: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.
Precisades algunhas razóns para a ler? Pois velaquí algunhas pistas orientadoras...
1. Axúdache a abrir os ollos cara ás redes sociais (Rosa)
2. Axúdache a non confiar naquelas persoas que só coñeces a través das redes sociais e poden non ser como din (Lucía)
3. Axúdache a abrir os ollos ante o que che di unha amiga, aínda que sexa contrario á túa opinión (Naihara)
4. É moi entretido e axúdache a non confiar nas redes sociais e ter coidado co que publicamos (Yovanna)
5. É moi bonito e axúdache a aprender (Ivanna)
6. Axúdache a non confiar en quen non debes (Valentina)
7. Aprendes que non todo é o que parece (María Pazos)
8. Hai que facerlle caso aos consellos dos amigos e non confiar tanto nas persoas que non coñeces (María Varela)
segunda-feira, 12 de março de 2018
E VEÑAN MÁIS PALABRAS AO CLUB D@S EX!
Recibimos unha nova compañeira de viaxe virtual agora que xa non a temos connosco no centro: Nerea Fernández. Benvida!!!
Para esta primeira colaboración, Nerea preséntanos unha obra ben coñecida, escrita por Xabier P. Docampo, O misterio das badaladas.
Ollade para as súas impresións lectoras que son porta para abrir á descuberta dunha historia ben misteriosa e curiosa...
Gustoume moito a idea de que as
ex-alumnas seguisen participando no Club. Como eu tamén son unha delas, aquí vos deixo un libro magnífico de Xabier P. Docampo titulado O
misterio das badaladas.
Como o propio título di, esta historia trata
dun reloxo que se acaba de poñer en marcha e as súas badaladas son
exactas, doce badaladas, pero ás doce da noite dá trece!
Como pode ser
posible?
Se queredes axudar aos rapaces a descubrir o misterio, tédelo
que ler.
Dende logo é un libro que te mete de cheo na historia que conta,
xa que te fai pensar como é posible que dea unha badalada de máis e
sobre todo ás doce da noite.
quarta-feira, 21 de fevereiro de 2018
E XOEL APRENDEU A VOAR
Hai uns días contabamos da tertulia ao redor do libro de Marica Campo, E Xoel aprendeu a voar. Pois ben, como eran varias as interrogantes que xurdiron, decidímonos a llas trasladar á autora, quen nos respondeu moi amabelmente.
Aquí vos deixamos esta entrevista epistolar con Marica Campo, a quen moito lle agradecemos o seu tempo e atención.
1. En que te inspiraches para escribir o libro?
Sempre digo que a inspiración é un misto
ou chisqueiro para acender o lume, mais para facer a fogueira hai que xuntar
leña. Que é a leña? Todas as experiencias vividas ou contempladas, deformadas
polo prisma da imaxinación.
2. Canto tempo che levou escribilo?
Un mes exactamente.
3. Por que escolleches ese título?
Pensara en titulalo Xoel e o merlo branco; mais buscando que non houbese outro
parecido, atopeime con que gardaba un paralelismo total con Xenaro e a mochila verde, así que entre
outros moitos que se me ocorrían, escollín o que coñecedes.
4. Xoel representa algún familiar ou coñecido teu ou é un personaxe
completamente inventado?
A actitude pasiva, abúlica, vina en máis
dun rapaz, sempre desinteresado do que non fosen as novas tecnoloxías. Aínda
hai dous ou tres días que lin como estas cousas, ademais do tipo de
alimentación, tiñan a ver coa obesidade. Niso pensei tamén cando imaxinei o
personaxe. Os nenos Daniel e Sara McNamee si que se chaman coma dous sobriños
netos meus.
5. E o Merlo Branco?
Está inspirado nun señor a quen non
coñezo en persoa (si á súa muller, que foi profesora de inglés nun instituto)
que construía moto veleiros. El foi quen me explicou (por teléfono) como os
facía. Doutra banda, gústame moito a relación cos avós. Tiven un que morreu
cando eu tiña 14 anos e co que estaba moi compenetrada. Mesmo nalgún relato que
falo dunha avoa, en realidade falo del. Só coñecín ao meu avó paterno e á miña
avoa materna. Esta, aínda que era boa e cariñosa, parecíame distante porque era moi refinada.
6. O final pareceunos moi precipitado, despois de toda a intriga da
historia. Por que o fixeches así?
Para min era o momento do THE END, se cadra tivestes que lelo dúas
veces para entender o que significaba porque nunca se di expresamente que o
Merlo Branco era o avó. Quizais vos gustaría que se soubese máis do encontro da
nai de Xoel e a súa nai norteamericana, mais hai que deixar espazo á imaxinación
de quen le. Dicir, dise que se encontran e que “falou o sangue”, ou sexa, houbo
un recoñecemento, o que os gregos chamaban unha anagnórise. Quen escribe, aínda
que lles colla cariño, non debe quedar indefinidamente cos personaxes e alongar
de máis a historia. Había un conflito e un enigma e, unha vez resoltos, a
novela tiña que acabar. De calquera
maneira, se cadra tedes razón. Escribir é dubidar continuamente.
7. Poderemos ler pronto algún outro libro teu pensado para nós?
Estou rematando outra novela que, en
principio, sería para xente máis nova. Porén, a medida que escribo, dubido da
franxa de idade á que se debe destinar.
Unha aperta para todas e todos. Lede
moito para medrar máis como persoas. Grazas por lle prestar atención a Xoel.
Etiquetas:
Curso 2017-2018,
E Xoel aprendeu a voar,
entrevistas,
Marica Campo,
narrativa,
primeiro ciclo
AS DE 2º TAMÉN QUEDAMOS!
Esta semana non podía comezar mellor!
O equipo lector de 2º ESO descubriu un grande historia e unha magnífica escritora que desde xa vos recomendan non perder: Ledicia Costas e Unha estrela no vento.
E tanto gustamos que foi irresistíbel a tentación de continuar a saber da súa escrita, así que xa andamos entre as liñas interespaciais d´O corazón de Xúpiter.
Contaremos!!!!
quinta-feira, 1 de fevereiro de 2018
ESTREANDO TERTULIA
O club de lectura de 1º ESO estreou onte a súa primeira tertulia literaria. E non parecían nada novatos á vista das brillantes intervencións e interpretacións do libro de Marica Campo, De cando Xoel aprendeu a voar.
Con todo, é de xustiza salientar que contabamos cunha voz lectora moi experimentada, a de Esperanza, unha mamá que sempre nos sorprende. Desta vez, ademais da súa lectura e do seu acompañamento presencial, agasallounos con esta ben fermosa e orixinal reseña da nosa lectura máis recente.
Que vos parece?
Non sexas abúlico
Vou dar a miña opinión
dunha maneira sinxela,
a lectura moito presta,
sempre que gostamos dela.
Sentinme identificada
con don Santiago e Xoel,
as obrigas do traballo
minguan horas de lecer.
As novas tecnoloxías
substitúen as persoas,
xigantes escaparates
para cando estades a soas.
Sae fóra tomar o aire,
deixa o móbil e o portátil,
fala! corre cos amigos!
e sentiraste máis áxil!
Busca o teu merliño branco,
deixa durmir a preguiza,
sube ao motoveleiro!
enche os petos de ledicia!
quarta-feira, 3 de janeiro de 2018
A VOZ DAS EX-
Continuamos coñecendo os gustos e experiencias literarias do noso Club d@s Ex-. Nesta ocasión, toma de novo a palabra Antía Varela para compartir a lectura dun gran libro de Agustín Fernández Paz, un autor que nunca defrauda!!!
Leamos as súas propias palabras. Con certeza caeremos no engado da lectura do libro de relatos O único que queda é o amor.
Como ben di o título, neste libro conviven unha serie de relatos que teñen en común o amor.
Coincido con Agustín en que, a fin de contas, o único verdadeiramente importante nas nosas vidas é o amor, tanto o compartido coa túa parella, coa familia, os amigos ou mascotas; mais o desamor tamén ten un papel moi destacado en moitos dos relatos.
O amor consegue estar presente na vida dos protagonistas apesar do paso dos anos e ata despois da morte.
Cada un dos relatos contén unha historia diferente, con narradores que non teñen nada en común, agás o privilexio de sentir todo o que o amor pode provocar: ledicia, tenrura, tristeza..
Gustoume moito que ata os animais teñan o poder de contar bonitas vivencias compartidas cos seus amos.
Este libro está ateigado de pequenos fragmentos doutros libros importantes na vida do autor, que incorpora ás historias para facelas máis especiais; isto leva a que pouses o libro un momento e busques información sobre esas citas que te atopas, poden ser tanto parágrafos de novelas como poemas.
O principio de cada relato vai tamén acompañado de frases e debuxos en branco e negro que resumen as diferentes historias.
RECOMÉNDOO con maiúsculas porque cada relato que les supera ao anterior, fai sentir moito en moi poucas páxinas.
Estou segura de que o remataredes, coma min, nunha sentada.
sexta-feira, 15 de dezembro de 2017
A VOZ DAS EX-
Continúa o Club d@s Ex- a traernos propostas lectoras ben suxestivas e complementarias das anteriores.
Neste caso chega a quenda de Ana Seoane, que pasou de ser exalumna a se converter xa en profesora!!!!
Benvida sempre ao noso planeta lector, Ana!!!
E que nos propón ler? Pois, olliño que velaquí chega...
Todo OK, de Diego Ameixeiras
A
través deste libro Diego Ameixeiras expón a vida da protagonista, Inés
Landeira. Esta muller estaba a piques de ser xulgada por un delito de
narcotráfico que a levou a
un tráxico final, tanto a ela como á súa amiga da infancia María.
Inés
buscaba a absolución por un delito que, segundo ela, non cometeu e que
impregnou a moita xente; o submarino cargado de droga procedente de
Colombia revolucionou tanto a policía como aos
que estaban implicados no delito.
Durante
o transcurso da novela, Inés vive diferentes situacións, a doenza dunha
perna que case non a deixa camiñar, a morte de súa nai, o
encarceramento de Jairo, o noivo
da súa mellor amiga, e a traizón do tenente Gutiérrez que xoga a varias
bandas durante toda a novela.
É
unha novela moi cortiña, de fácil lectura pero con moito contido e
moita información que hai que ir asimilando mentres se le para poder
comprender a historia completa.
Etiquetas:
Club dos EX-,
Curso 2017-2018,
Diego Ameixeiras,
narrativa,
reseña,
segundo ciclo
quarta-feira, 22 de novembro de 2017
CORISTRANCA NAS ONDAS
Este martes 21 de novembro inauguramos unha nova tempada radiofónica en Radio CUAC FM para falar de libros e lectura, dentro do programa "A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.
Moitas páxinas de contidos e seccións literarias. Non imos desvelar moito para quen non nos puido escoitar ao vivo e está a agardar polo enlace on line, así que só vos adiantamos algúns nomes que no programa soaron: María Reimóndez, Antonio García Teijeiro, María Solar, Jordi Sierra i Fabra...
Atención, atención, radiooíntes... se non nos escoitastes ao vivo, deixámosvos por aquí o enlace ao programa para que recunquedes na escoita deste fabuloso programa guionizado e locutado por María, Carla e Uxía!!!
Etiquetas:
4º ESO,
Antonio García Teijeiro,
Curso 2017-2018,
María Reimóndez,
María Solar,
narrativa,
Paco Souto,
poesía,
premios,
radio,
reseña
MÁIS NOVAS DESDE O CLUB D@S EX-
Seguimos a recibir propostas lectoras do Club d@s Ex- con esta nova reseña de María Rodríguez sobre unha novela que nunca nos deixa sen o necesario pouso reflexivo, sempre e cada día do ano, máis aínda nestas vésperas dun novo 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
Grazas, María, por partillares a túa lectura e valoración crítica sobre A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.
A Cabeza de Medusa é un libro incrible, que todo o mundo debería ler, pero sobre todo, os adolescentes.
Nestes momentos, como todos sabemos, as rapazas estamos máis expostas que os rapaces a que nos suceda calquera cousa se camiñamos soas pola rúa un día pola noite; pode ser que nos rouben, que nos violen, e incluso que nos maten, e como non, a culpa sempre recaerá sobre nós. Cuestionarase como iamos vestidas, que faciamos a esa hora SOAS pola rúa, por que non nos acompaña un amigo... e neste libro sucede algo así.
Unha noite na que dúas amigas saen de festa e que podía ser estupenda, remata con dúas violacións. As rapazas violadas, Sofía e Lupe, atrévense a denunciar o sucedido, pero a presión social, o mal compañeirismo e a preocupación polo 'que dirán' provocan que se sintan culpables e unha delas acabe retirando a denuncia.
Nesta lectura atopámonos con todo tipo de persoas, pero, como case sempre, aparecerá alguén que evite que non penses no sucedido e que, pouco a pouco, volvas á túa vida normal sen que ninguén te xulgue e que, se o fan, non che afecte o máis mínimo.
Agardo que desfrutedes da lectura igual, ou incluso máis, ca min e que sigades lendo moito tempo máis, porque os libros son vida.
Etiquetas:
A cabeza de Medusa,
Club dos EX-,
Curso 2017-2018,
Marilar Aleixandre,
narrativa,
reseña
sexta-feira, 17 de novembro de 2017
NOVA TEMPADA TERTULIANA
O tempo de outono semella que non quere chegar, mais o das tertulias non o deixamos escapar. Así que aquí estamos de novo a voltas coas nosas lecturas.
Nesta ocasión inauguramos o equipo de 3º e 4º de ESO con dúas novelas de María Reimóndez, A dúbida e Corredora.
Non sabemos cal das dúas vos recomendar en primeiro lugar porque non somos quen de escoller nin de prescindir de ningunha!!!
Se cadra imos deixándovos por aquí nos próximos días algunhas ideas e pistas para que vaiades creando opinión e vos lancedes ao mergullo destas páxinas que non vos deixarán indiferentes.
Etiquetas:
3º ESO,
4º ESO,
A dúbida,
Corredora,
Curso 2017-2018,
María Reimóndez,
narrativa,
segundo ciclo,
tertulia literaria,
Xerais
domingo, 12 de novembro de 2017
VOLVE O CLUB D@S EX-
Xa nos tardaban as colaboracións do noso ilustrísimo Club d@s Ex, mais comezan a petar na porta e abrímoslla inmediatamente para saber que andan a ler e que pistas nos deixan por aquí.
Este curso inaugura a rolda de intercambio literario Antía Varela que por primeira vez en varios cursos xa non nos acompaña nas aulas, nin nas tertulias nin nas actividades extra... E canto a estrañamos!!!!
Menos mal que non perde ocasión de compartir connosco a súa última lectura, O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas. A ver quen é a próxima en lelo?
Teño que dicir que me pareceu unha lectura bastante difícil, tiven que volver atrás moitas veces porque me perdía continuamente, xa que consta de varios enfoques diferentes que se producen de forma brusca.
Son consciente de que se me escaparon moitos detalles importantes e de que, por suposto, precisa unha segunda lectura que pronto será realizada.
Esta novela trata sobre a estancia do doutor Daniel Da Barca no cárcere de Santiago de Compostela. A historia é contada maioritariamente por Herbal, un dos gardas, a sombra do doutor durante o tempo que estivo encadeado, mesmo foi con el a todos os sitios aos que o trasladaron.
Estes dous personaxes, tan diferentes entre eles, estaban unidos polo amor que sentian cara Marisa Mallo, a parella do médico. A historia entre Da Barca e Marisa deixa claro que o amor non entende de fronteiras, mantiveron a súa relación a pesar de todas as dificultades que se lles presentaron.
Non vou destacar moito máis desta primeira lectura pero preciso rematar esta reseña nomeando a frase que máis me marcou do libro; o momento no que a un inspector lle cae a pistola da funda e o doutor di: "Caeulle o corazón ao chan, colega."
Etiquetas:
Club dos EX-,
Curso 2017-2018,
Manuel Rivas,
narrativa,
O lapis do carpinteiro,
reseña
segunda-feira, 18 de setembro de 2017
COMEZA UNHA NOVA VIAXE LECTORA
Así rematamos o curso pasado o mural da nosa viaxe literaria ao longo dos meses.
De volta do verán chegou a hora de reiniciarmos unha nova viaxe aventureira a través de novas páxinas.
Quen se apunta? Hai alguén aí?
Etiquetas:
benvida,
Curso 2017-2018,
primeiro ciclo,
promoción da lectura,
saúdo,
segundo ciclo
Subscrever:
Mensagens (Atom)






















