Mostrar mensagens com a etiqueta encontro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta encontro. Mostrar todas as mensagens

domingo, 17 de fevereiro de 2019

TERTULIAS DE INVERNO


Transitamos o frío do inverno cunha lectura que nos achegou caloriña e conversa.

Mais nesta ocasión as páxinas do libro O neno inverno tamén nos abriron a páxina da sorpresa e do encontro coa autora que soñou e escribiu esta historia da que tanto gustamos.




Graciñas pola túa visita, María Canosa. Foi un luxo terte entre nós!

quinta-feira, 1 de novembro de 2018

TEMPO DE SAMAÍN EN PALABRAS


Chega o tempo de Samaín e recuperamos a nosa tradición de contar historias de medo aos máis peques do centro, desde 1º até 6º de educación primaria.



É sempre un pracer compartir lecturas convosco. 

Encantaríanos reencontrarnos entre liñas. Volvede axiña!!!






terça-feira, 20 de junho de 2017

#Xclubsdelecturagal

Este sábado 17 de xuño unha parte do noso club de lectura participou en Compostela na xornada formativa dos clubs de lectura que se converteu tamén nunha auténtica festa de celebración do traballo que, sobre o libro e a lectura, desenvolvemos ao longo de todo o ano.



O noso club estivo representado polas alumnas Uxía, Carla, Victoria e as dúas María, ademais das profesoras Pilar e Mercedes.

E non pensedes que fomos a Compostela pasar un día de calor insoportábel, non. Fomos descubrir que hai un mundo de xente que está interesada na  lectura coma nós, coa que podemos dialogar sobre o que lemos e coa que podemos ampliar curiosidades, experiencias e ilusións.

E reencontrarnos coa nosa escritora admirada, Ledicia Costas. Todo un luxazo!!!




En breve poderedes acceder ao vídeo que expresará en imaxes tantas emocións, sorrisos, conversas e sorpresas alí vividas durante un sábado intenso, mesmo algo somerxidas...



Mais polo de agora algunha imaxe que vos dará que pensar sobre o protagonismo que as nosas Coristrancas por alí tiveron diante dun auditorio de máis de 1.000 persoas.




sexta-feira, 2 de junho de 2017

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR


Pechamos o ciclo de encontros deste curso escolar as seccións de 3º e 4º ESO coa visita dunha autora que agardabamos con impaciencia: María Solar.


Os nenos da varíola e As horas roubadas ocuparon as nosas lecturas e os nosos faladoiros previos nas seccións de 3º e 4º ESO. 

Souberamos algo máis da intrahistoria da novela As horas roubadas grazas á recente entrevista radiofónica do noso último programa "A fume de carozo". 


Agora cumpría avanzar algo máis neste relato dun tempo difícil para a liberdade das mulleres e mergullarnos no pouso histórico e científico d´Os nenos da varíola, que nos trouxo unha inesperada descuberta da man da súa autora: un dos nenos protagonistas da expedición de Balmis era de Coristanco!!!! Quen o podería supoñer?


Grazas sempre, María, por vires encontrarte connosco da man da túa escrita compañeira!

terça-feira, 25 de abril de 2017

PALABRAS EN VERSO


Que é a poesía? É iso que contan por aí? Só fala a poesía diso que se di? E se por acaso non rima?



Tópicos, preguntas, diálogo, sensacións, sorpresas doces, respostas e sobre todo versos e poemas foi o que hoxe nos trouxo ao noso club de 4º ESO o poeta Carlos Negro.




Sen dúbida, todos os interrogantes xurdidos coa lectura de Penúltimas tendencias e Masculino singular ficaron resoltos... ou levaron a novos interrogantes? Que vos parece: Lucía (s), Bianca, Patricia(s), Iago, Cristina, Antía, Esperanza e Maria?


sábado, 18 de fevereiro de 2017

ENCONTRO CON XULIA ALONSO


A sección do club de 4ºESO celebramos o 14 de febreiro dun xeito especial e inolvidábel.

A visita de Xulia Alonso, autora de Futuro imperfecto, ampliou o horizonte das nosas lecturas e da nosa tertulia previa para coñecer os tempos, a secuencia do proceso da súa escrita e a experiencia vivida após a publicación.


E Esperanza agasallounos cunha sorpresa que non esqueceremos nunca e coa que moito imos campar todo o equipo.



Agradecidas ás dúas por unha tarde compartida xa para sempre!



quinta-feira, 17 de novembro de 2016

CHEGOU O DÍA!


Este mércores 16 de novembro vai ser difícil de esquecer, xa que tivemos a sorte de poder coñecer persoalmente e conversar devagar coa escritora María Reimóndez, autora da novela A dúbida que tanto nos gustou e fixo pensar e repensar ese mundo escuro e silente, mais moi presente na sociedade que nos rodea, dos abusos sexuais a menores.

Sempre se di que a lectura é unha viaxe e abofé que esta o foi e non metaforicamente.

En Coristranca gustamos de nos deixar acompañar pola lectura e os libros aló onde imos e descubrir novos espazos e amizades canda eles. Así que aló nos fomos á Coruña, á estupenda libraría Moito Conto, onde nos recibiu a libreira Esther, e mantivemos unha novidosa tertulia con María Reimóndez.


Non puideron estar todos os membros do club de lectura de 4º ESO e ben que os estrañamos, mais prometemos contarlles (case) todo o que vivimos nesta tarde, mais xa en diferido :D

Ah! E por primeira vez conseguimos sumar ás habituais lectoras, alumnas e profesoras, unha nai. Benvida, Esperanza!



Deica a próxima, María! Seguirémoste entre liñas!

Prepárate, Esther! Volveremos por Moito Conto!

terça-feira, 15 de novembro de 2016

ÁS PORTAS DO ENCONTRO CON MARÍA REIMÓNDEZ


A tertulia da pasada semana ao redor da novela de María Reimóndez, A dúbida, soubo a pouco. 

É por iso que na tarde deste mércores manteremos un encontro coa autora na libraría coruñesa Moito Conto, para aprofundar aínda máis nas claves persoais da escrita dunha obra destas características en que o silencio ao redor dos abusos sexuais segue a estar demasido presente na sociedade que vivimos.



Para quen aínda non leu A dúbida, adiantamos esta recente entrevista á autora.

Seguiremos informando...

segunda-feira, 10 de outubro de 2016

NA LEMBRANZA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

O pasado 12 de xullo o descanso do verán desacougaba coa nova da perda física de Agustín Fernández Paz, un autor referencial para o tempo lector do noso centro e, moi especialmente, para os nosos clubs de lectura.

Durante os últimos cursos, Agustín Fernández Paz foi sempre un autor amigo de Coristranca. 

Imposíbel esquecer as entrevistas telefónicas do noso equipo de radio en diferentes programas "A Fume de Carozo". Ou aquel encontro que por fin chegou na primavera de 2015 na Fundación Penzol de Vigo.

Ao longo deste trimestre, Coristranca homenaxeará Agustín para lembrar a amizade e o afecto pola lingua, pola cultura, por nós mesmas, canda el aprendido.

Seguimos véndonos entre liñas na túa inmensa obra, benquerido Agustín!


terça-feira, 26 de maio de 2015

O ENCONTRO MÁIS AGARDADO


Por fin chegou o encontro máis agardado para o noso club de lectura. 

Mágoa que non puidésemos desprazarnos todos os membros do club a Vigo, á sede da Fundación Penzol, para coñecermos a Agustín Fernández Paz. Ficará, pois, na lembranza do alumnado de 3º e 4º de ESO.

Case parecía que o coñeciamos despois de tantas e tantas lecturas, despois dunha demorada e completa entrevista radiofónica no noso programa "A Fume de Carozo", mais faltaba este encontro presencial para nos desenredar as "intimidades" da súa escrita.

Seguro que nin imaxinades de onde nace o "chispazo" das súas obras: dun anuncio publicitario das páxinas dun xornal, dunha fotografía tamaño carné tirada na rúa, das súas inquietudes pola física e pola astronomía...

Canto nos prestou este deslocamento a Vigo desde Coristanco. Grazas, moitas grazas Agustín, por acudires ao noso chamado.




Seguímonos encontrando na lectura da túa nova novela recentemente publicada e que trouxemos como delicado agasallo teu,  ben característico da túa xenerosidade.









terça-feira, 25 de março de 2014

FRANCISCO CASTRO VISITOU O NOSO CLUB DE LECTURA

Non podía haber mellor maneira de comezar esta semana...

Leticia, Julia, Vanesa, Óscar, Iria e Os Beatles reciben a Francisco Castro na biblioteca

O autor d´O corazón da Branca de Neve visitou a nosa sección do club de 2º e 3º de ESO para coñecermos aínda máis do proceso de creación desta novela policíaca da que tanto gustamos. 

Tanto, tanto gustamos que xa estamos a agardar pola prometida nova historia que o inspector Hermida terá que descubrir! 




Moitas grazas, Francisco, por vires até Coristranca para explicarnos como concibes a túa escrita desde a necesidade de comunicar para transformar o mundo.

quinta-feira, 19 de dezembro de 2013

TERTULIA LITERARIA E ALGO MÁIS

O alumnado de 1ºESO estreouse na súa primeira tertulia literaria logo da lectura d´O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras.



Contaron, opinaron, riron... e moito se sorprenderon con ese final nada agardado que os esperaba...


... no libro, mais tamén na sesión da tarde, cando na biblioteca tamén se agachaba un segredo (mais neste caso, a voces)...

 
 
... porque o encontro coa autora do libro, Andrea Maceiras, moita expectación tiña creado en todo o club!