Mostrar mensagens com a etiqueta Curso 2015-16. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Curso 2015-16. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 26 de janeiro de 2017

OS TÍTULOS MÁIS LIDOS NOS CLUBS DE LECTURA O CURSO PASADO

Xa temos dispoñíbel a relación das lecturas favoritas nos clubs de lectura galegos do curso pasado. 

Moito nos soan algúns títulos, non si?

Seguimos tomando nota daqueles títulos que aínda non descubrimos.


domingo, 3 de julho de 2016

LECTURAS DE VERÁN

Enchemos a mochila do verán con novas lecturas e para iso tomamos prestada esta completa exposición de animación á lectura elaborada pola veciña Biblioteca e o EDLG do CPI As Revoltas.

Cantas caras coñecidas imos atopar por aquí! Menudas sorpresas que nos dá a lectura!


sexta-feira, 1 de julho de 2016

CHEGOU A HORA DA DESPEDIDA

Aí vos vai a derradeira entrada deste curso cunha sorpresa gráfica.

Xa temos logotipo, a nosa propia imaxe para sermos aínda máis coñecidas como comunidade lectora dentro e fóra do CPI Alcalde Xosé Pichel, grazas ao deseño creativo da artista carballesa Laura Tova.

Agardamos que vos preste e que nos acompañe sempre nas nosas lecturas de verán.

Deica setembro! Bo verán! Quedamos entre liñas!


domingo, 8 de maio de 2016

NOVO PROGRAMA RADIOFÓNICO XA NA ONDA!

O pasado martes 5 de maio emitimos ao vivo o que xa foi o noso último programa en Radio Cuac FM. Unha mágoa, mais xa sabemos que todo o bo sempre acaba ben cedo!!!

Miriam, María e Nuria, da sección do club de lectura de 3º ESO, prepararon un completísimo guión que nos lembrou o ben que o pasaran na celebración do Correlingua, esa mesma mañá, polas rúas da Coruña, algunhas das súas propostas para un completo menú lector e a lembranza de dúas efeméredes que estamos a celebrar neste 2016: o centenario das Irmandades da Fala e mais a homenaxe a Manuel María como autor destacado neste vindeiro Día das Letras Galegas.



Non faltaron as entrevistas, non. Desta volta, por partida dobre: unha a Ledicia Costas e outra a Mercedes Queixas. De que andarían a falar?

Non podemos descubrir nada, nin sequera a oferta degustación musical tan variada, así que mergullade por estas ondas virtuais e volvede cantas veces queirades escoitar o estupendo programa deste gran equipo radiofónico.


Un aplauso grande para María, Nuria e Miriam!

segunda-feira, 4 de abril de 2016

LEMBRANZA GRÁFICA DO DÍA DE ROSALÍA

Aínda que estes últimos cursos xa viñamos celebrando o Día de Rosalía -24 de febreiro- este curso foi especial e ben diferente.



Comezamos a mañá agasallando a comunidade educativa con versos de Rosalía de Castro e mais da nosa poeta máis próxima, nada na parroquia de Seavia, Asunción Antelo.



Deseguido desprazámonos á Casa da Cultura para facer unha homenaxe maior ás dúas poetas grazas á colaboración da Concellaría de Cultura.



















O club de lectura deu vida a unha escolma de textos de Rosalía de Castro e mais da súa discípula, Asunción Antelo, que moito nos gustaron.














Finalmente, para que ninguén na redonda ficase sen saber da importancia da data, visitamos o comercio local para continuar a partillar a poesía de Rosalía e Asunción entre a nosa veciñanza.


Que día tan intenso e fermoso!!!

terça-feira, 29 de março de 2016

DE FALADOIRO EN FALADOIRO

Non podiamos pechar o trimestre e marchar de vacacións sen un novo faladoiro, así que nesta ocasión decidimos intercambiar as lecturas diferentes do grupos de 3º e de 4º de ESO, Tes ata as dez, de Francisco Castro e A praia dos afogados, de Domingo Villar.

Dúas novelas diferentes aínda que con certo suspense en común que o noso club moito vos recomenda.






terça-feira, 23 de fevereiro de 2016

ARGALLANDO...

Hoxe pillamos in fraganti a Nuria, Miriam e María moi concentradas entre papeis... Que andarán a argallar?



Só sabemos que quedaron de verse para unha cita que teñen entre as 17 e as 18 horas no ar ou nas ondas... irán dar unha volta polas ondas gravitacionais esas que están tan á moda?

Tirámoslle da lingua e só puidemos averiguar que o misterio se desvela hoxe no 103.4 FM.

Non perderemos o fío até descubrir que traen entre mans máis aló dos papeis...

domingo, 21 de fevereiro de 2016

NOVA XEIRA TERTULIANA

O equipo lector de 3º ESO estreou unha nova xeira tertuliana o pasado xoves para pór en común as experiencias vividas coas lecturas de tres obras narrativas de Ledicia Costas: Unha estrela no vento, O corazón de Xúpiter e Recinto Gris.

Fantástico reencontro con todas as emocións para partillar a flor de pel.


Reencontrarémonos na próxima aventura lectora. Cal será?

domingo, 10 de janeiro de 2016

DE CORISTANCO A OUTEIRO DE REI (II)

Lembranza fotográfica da nosa homenaxe poético-floral a Manuel María no cemiterio de Santa Isabel de Outeiro de Rei








quarta-feira, 23 de dezembro de 2015

DE CORISTANCO A OUTEIRO DE REI (I)

Encamiñamos os nosos primeiros pasos cara á descuberta do poeta Manuel María, colocando a primeira pedra do que será o ano grande en 2016 coa celebración do Día das Letras Galegas na súa honra.

Iniciamos a mañá do mércores 16 de decembro visitando a Casa-Museo do autor na casa familiar dos Hortas, en Outeiro de Rei da Terra Chá luguesa.






Da man da poesía de Manuel María, viramos cara ao noso pasado castrexo e romano para descubrir as características do Castro de Viladonga.




E rematamos a xornada coas sempre sorprendentes Penas de Rodas, aínda que sen chegar a saber cal delas é a que garda o ouro e cal o alcatrán. E iso que algúns compas lle meteron forza para as abanearen!




Fantástica xornada, non si?

Pero aínda falta unha sorpresiña de algo que moito nos prestou. Atención ás imaxes de vindeiras entradas!!!

segunda-feira, 12 de outubro de 2015

AO CINE CUN LIBRO DEBAIXO DO BRAZO


A praia dos afogados, de Domingo Villar, é o libro que comezamos a ler o grupo do club de lectura de 4º ESO, coincidindo no tempo coa súa estrea nos cines galegos, incluído por suposto nas salas de Carballo!

Adaptarase a película a este intrigante naufraxio que terá que descubrir o inspector Leo Caldas? 

Verémolo!

 E contarémolo por aquí!




domingo, 11 de outubro de 2015

MÁIS ACTUALIDADE SOBRE LEDICIA COSTAS



Durante toda a semana os nomes de Esmeraldina e Ledicia Costas non deixaron de soar coa ilusión do seu último premio.

Imos resumir algunha desas entrevistas televisivas achegándonos a esta realizada no programa A Revista da TVG e mais nestoutra do programa Diario Cultural da Radio Galega.

terça-feira, 6 de outubro de 2015

A MELLOR BOA NOVA PARA COMEZAR UN NOVO ANO LECTOR



Comezamos o novo curso lector coa mellor das novas posíbeis, a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil á obra Escarlatina, a cociñeira defunta, asinada por Ledicia Costas.

Felices polo respaldo que este premio significa para a autora. 

Orgullosas polo valor engadido que este premio que concede o Ministerio de Cultura español traslada para a literatura galega. 

Honradas por termos entre as nosas boas amigas deste patio rexoubeiro de palabras e amizades que é o noso Club de Lectura á escritora Ledicia Costas.


Que non acreditades na nosa amizade? Pensades que imos de farol? Pois non tedes máis que mergullarvos na etiqueta Ledicia Costas na marxe dereita deste blog e decatarédesvos da relación e vinculación da autora connosco.

Imos adiantarvos algunha secuencia gráfica para incrédulas maiores!!!



I
Imposíbel non lembrar os bos momentos vividos coa lectura das súas novelas durante os cursos pasados, a súa amabilidade ao nos responder á entrevista radiofónica e a súa visita do curso pasado.

Parabéns, Ledicia!

ESTAMOS DE VOLTA!!!

E a pregunta chegou de inmediato canda o comezo do curso escolar: 

- Cando empeza o Club de Lectura?

Nestes días o forno das palabras comezou a quecer en silencio e en breve irá dando que falar e que oír e que ver...

Atención! Moi axiña iniciamos unha nova viaxe na mellor das compañas, as palabras e imaxes dos libros e as palabras compartidas entre alumnado, profesorado e algunha que outra sorpresa...

Hoxe imos recibirvos con este convite a soñar a lectura da escritora María Solar:


Benvidas!