Álvaro Antelo achéganos como proposta literaria para gozar dun bo tempo lector a obra poética de Lois Pereiro e cóntanos o seu proceso de descuberta deste poeta tan senlleiro, voz lírica única.
Grazas, Álvaro, por partillares connosco a túa emoción lectora e a complicidade que sentes na túa propia escrita poética con Lois Pereiro!
Escribir sobre Lois Pereiro sempre é un reto, ademais
unha honra. Tiven a sorte de saber del cando cursaba estudos secundarios, mais
a miña ignorancia naquel entón impediume achegarme a el. Anos despois, xa en
bacharelato, din con el na biblioteca e (re)descubrín ao poeta que supuxo un
punto de inflexión.
Hai estrelas que logo de mortas seguen presentes, así
é a poesía de Lois. Un raio no medio da treboada, ou máis ben un amencer
literario. A intensidade da súa obra é tal que a día de hoxe segue a ser un dos
referentes para as novas xeracións de escritores; entre os cales, humilde pero
satisfeito me atopo eu.
O primeiro que sentín ao ler os seus poemas foi frío.
Esa é unha das primeiras impresións que causa Lois, as súas verbas rachan no
silencio. Abonda abrir Poemas 1981/1991 e
ler o primeiro poema para darse conta de que non estás ante outro poeta
calquera. Esa é unha das grandes virtudes da súa voz poética: a personalidade,
a potencia coa que falaba. Dicían que Lois era o poeta anarquista; eu sempre
penso que era pola valentía coa que escollía as palabras. Cando el escribía, a
poesía asentía e calaba.
Outra faceta da súa literatura é o intimismo tan
potente dende o que escribe. Tal vez o seu primeiro poemario sexa unha obra
máis metálica e punzante, como as agullas irónicas das que falaba; mais en Poesía última de amor e enfermidade a voz
de Lois vólvese moito máis interna. Os poemas amósanse baixo unha atmosfera moi
poderosa. É aí onde o poeta se fai humano.
Manuel Rivas dixo nunha ocasión que as palabras de
Lois eran tan verdadeiras que semellaban pecado. Eu vou máis aló: as palabras de
Lois son pecado, vida e morte; son a furia necesaria, o futuro alleo, a
enfermidade, a irreverencia; son modestas proposicións para facer que deixen de
xirar as portas; luces e sombras de amor... Especialmente amor. As palabras de
Lois eran amor que resucitou ilimitado. "Contra a morte o amor que vai
comigo" dicía nun dos seus poemas. Se teño que recomendar un poeta, sempre
será Lois. Contra a morte os versos de Lois que van comigo.
Admiro moitas cousas de Lois
Pereiro. A súa valentía para afrontar a morte e plantarlle cara. A súa breve
pero intensa literatura e a poderosa voz coa que a creou. Mais se hai algo que
admiro de Lois é o seu espírito inconformista e rebelde, o seu anarquismo atroz
e a súa negación a renderse. Desfruto do poeta, mais admiro a persoa.
"Permitirías ti, amor deserto, que nesta febre
penitente abrise a derradeira porta e a pechase detrás miña, sonámbulo e
impasible, ou porías o pé entre ela e o destino?". Eu si o poñería.
Sem comentários:
Enviar um comentário