Toma a palabra desta volta quen foi compañeiro e profesor inesquecíbel de lingua e literatura galega no noso centro, Xan Fernández Carrera.
A novela A xeira das árbores, de Teresa Moure, é a escollida por el para esta presentación que sen dúbida nos atrapará no seu convite de lectura.
Grazas, Xan!
Antes de nada
quero felicitar ao club de lectura e ao seu blogue “Coristranca” do CPI Alcalde
Xosé Pichel de Coristanco polo traballo que está a realizar en prol da animación
á lectura, unha das actividades máis nobres do ser humano. Onde hai un lector
ou unha lectora, hai unha persoa culta, reflexiva, tolerante, sensible,
receptiva e amante da liberdade.
Para seguir
fortalecendo estes valores convídovos á lectura do libro A XEIRA DAS ÁRBORES da
escritora compostelá Teresa Moure.
Trátase dunha
novela curta que discorre ao longo dun día, que se distribúe por horas, segundo
as tarefas que a protagonista, Clara, vai desenvolvendo durante a mañá, a tarde
e a noite. Con esta división tan detallada do tempo quere transmitirnos a
sensación do ritmo estresante da vida actual.
Unhas veces é o
narrador o que nos vai relatando o que acontece, pero outras será a propia
protagonista a que conte a súa vida. Hai
pouco diálogo e nel temos que imaxinar nunhas ocasións as preguntas e noutras,
as respostas. Mais tamén hai reflexións e monólogos.
A autora a través
da protagonista preséntanos unha muller que loita por ser libre e independente,
e fuxir do papel que a sociedade lle atribúe. Quere ser ela por enriba de
todo, a pesar de terse que enfrontar cunha vida dura, sen axuda da familia, nin
das parellas coas que tivo os tres fillos desexados. Isto suponlle unha intensa
actividade ao longo da xornada: levar os
cativos ao colexio, axudarlles a facer os deberes, prestarlles atención nas súas
necesidades domésticas e mesmo participar dos seus xogos. Pero ademais ten que
atender ao seu traballo de tradutora e enfrontarse ao machismo do xefe e tamén
ao da propia rúa. Son moitas as
dificultades que ten que superar e poucos os momentos que dispón para poder
gozar da súa vida persoal, pero Clara intenta ser forte e resistir como unha
árbore ben enraizada.
En fin, un libro
que nos fala da vida cotiá, do amor, da liberdade, do machismo..., no que a problemática da muller está presente
ao longo de todas as súas páxinas e tamén o ritmo frenético da vida actual que
nos absorbe e a penas nos queda tempo para desenvolvernos como persoas.
Anímovos a ler
esta noveliña para que coñezades a vida dunha muller loitadora, que se podería
corresponder con calquera que vive ao voso redor.
Sem comentários:
Enviar um comentário