domingo, 16 de outubro de 2016

CLUB D@S EX-

Álvaro Antelo achéganos como proposta literaria para gozar dun bo tempo lector a obra poética de Lois Pereiro e cóntanos o seu proceso de descuberta deste poeta tan senlleiro, voz lírica única.

Grazas, Álvaro, por partillares connosco a túa emoción lectora e a complicidade que sentes na túa propia escrita poética con Lois Pereiro!






Escribir sobre Lois Pereiro sempre é un reto, ademais unha honra. Tiven a sorte de saber del cando cursaba estudos secundarios, mais a miña ignorancia naquel entón impediume achegarme a el. Anos despois, xa en bacharelato, din con el na biblioteca e (re)descubrín ao poeta que supuxo un punto de inflexión. 

Hai estrelas que logo de mortas seguen presentes, así é a poesía de Lois. Un raio no medio da treboada, ou máis ben un amencer literario. A intensidade da súa obra é tal que a día de hoxe segue a ser un dos referentes para as novas xeracións de escritores; entre os cales, humilde pero satisfeito me atopo eu.

O primeiro que sentín ao ler os seus poemas foi frío. Esa é unha das primeiras impresións que causa Lois, as súas verbas rachan no silencio. Abonda abrir Poemas 1981/1991 e ler o primeiro poema para darse conta de que non estás ante outro poeta calquera. Esa é unha das grandes virtudes da súa voz poética: a personalidade, a potencia coa que falaba. Dicían que Lois era o poeta anarquista; eu sempre penso que era pola valentía coa que escollía as palabras. Cando el escribía, a poesía asentía e calaba. 

Outra faceta da súa literatura é o intimismo tan potente dende o que escribe. Tal vez o seu primeiro poemario sexa unha obra máis metálica e punzante, como as agullas irónicas das que falaba; mais en Poesía última de amor e enfermidade a voz de Lois vólvese moito máis interna. Os poemas amósanse baixo unha atmosfera moi poderosa. É aí onde o poeta se fai humano.

Manuel Rivas dixo nunha ocasión que as palabras de Lois eran tan verdadeiras que semellaban pecado. Eu vou máis aló: as palabras de Lois son pecado, vida e morte; son a furia necesaria, o futuro alleo, a enfermidade, a irreverencia; son modestas proposicións para facer que deixen de xirar as portas; luces e sombras de amor... Especialmente amor. As palabras de Lois eran amor que resucitou ilimitado. "Contra a morte o amor que vai comigo" dicía nun dos seus poemas. Se teño que recomendar un poeta, sempre será Lois. Contra a morte os versos de Lois que van comigo.
                                                     
Admiro moitas cousas de Lois Pereiro. A súa valentía para afrontar a morte e plantarlle cara. A súa breve pero intensa literatura e a poderosa voz coa que a creou. Mais se hai algo que admiro de Lois é o seu espírito inconformista e rebelde, o seu anarquismo atroz e a súa negación a renderse. Desfruto do poeta, mais admiro a persoa.
"Permitirías ti, amor deserto, que nesta febre penitente abrise a derradeira porta e a pechase detrás miña, sonámbulo e impasible, ou porías o pé entre ela e o destino?". Eu si o poñería.

CLUB D@S EX-


Continuamos este curso enriquecendo a nosa sección de encontro literario co Club d@s Ex-.

A primeira en voltar a este recuncho para o reencontro é Ana Seoane, que nos ofrece unha ben suxestiva lectura: As voces baixas de Manuel Rivas.

Todo un convite á lectura! 

Grazas, Ana!!!

María, a irmá do  narrador, é o fío condutor dos diferentes capítulos que constitúen As voces baixas, de Manuel Rivas. 

O autor, con esta obra, achéganos aos recordos da súa infancia e ás persoas que formaron parte dela, ademais de recrear os distintos puntos da cidade da Coruña da época. Nas diferentes pasaxes do libro pódense apreciar os recordos e a melancolía do protagonista, pero sobre todo resalta a retranca galega do escritor.    


Desde logo trátase dun exemplar  distinto, que non engancha desde o primeiro capítulo pero que esperta grande curiosidade no lector/a, o/a cal desexa saber máis. 

Chegando ao final dos relatos é máis doado comprender a historia completa. Polo tanto, recomendo que se faga unha lectura calmada e gozar da mesma.

Convídovos a que investiguedes quen son as voces baixas ás que se refire o autor na obra.  

sexta-feira, 14 de outubro de 2016

PRESENTANDO O NOSO CLUB


Cada curso Coristranca medra, igual que as amigas e amigos da lectura que o alimentan. 

Por iso hoxe Antía, Nerea e Patricia, lectoras experimentadas de 4º de ESO, presentaron o mundo de Coristranca ao alumnado de 2ºA que aínda non o descubrira.

Toda unha aprendizaxe de descubertas varias que estamos ben seguras en breve iniciarán o voo.

terça-feira, 11 de outubro de 2016

CON MANUEL MARÍA

Continuamos lendo a Manuel María máis aló da celebración do Día das Letras Galegas e partillando as escollas poéticas do noso club nos corredores do centro.

Grazas, Adriana e Alba, por atraernos ás vosas lecturas!




segunda-feira, 10 de outubro de 2016

NA LEMBRANZA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

O pasado 12 de xullo o descanso do verán desacougaba coa nova da perda física de Agustín Fernández Paz, un autor referencial para o tempo lector do noso centro e, moi especialmente, para os nosos clubs de lectura.

Durante os últimos cursos, Agustín Fernández Paz foi sempre un autor amigo de Coristranca. 

Imposíbel esquecer as entrevistas telefónicas do noso equipo de radio en diferentes programas "A Fume de Carozo". Ou aquel encontro que por fin chegou na primavera de 2015 na Fundación Penzol de Vigo.

Ao longo deste trimestre, Coristranca homenaxeará Agustín para lembrar a amizade e o afecto pola lingua, pola cultura, por nós mesmas, canda el aprendido.

Seguimos véndonos entre liñas na túa inmensa obra, benquerido Agustín!


CON LEDICIA COSTAS ATÉ A COCIÑA





Escarlatina e Esmeraldina son dúas personaxes literarias de primeira grazas á man da súa creadora, a escritora viguesa Ledicia Costas, unha autora ben coñecida no noso club de lectura.
Agora podemos saber algo máis da propia Ledicia Costas e das súas creacións literarias que teñen un arrecendo culinario ben suxestivo.

Desde o blob Bolboretas no bandullo, imos entrar coa súa sección de cultura gastronómica até a cociña de Ledicia Costas. 

Vindes?