sexta-feira, 16 de janeiro de 2015

EXTRA! EXTRA!

Acabamos de coñecer o resultado dos primeiros premios literarios do ano 2014.

Trátase dos premios aos mellores libros, autores, editoriais, proxectos culturais, etc. do ano que convoca a plataforma de literatura galega na web




A gran sorpresa é que resultaron premiados dous libros que na actualidade temos entre mans:  

A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, na sección do club de 4º ESO, e Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, na de 1º ESO.








Dámoslle os parabéns a Agustín e a Ledicia ao tempo que nós voltamos a gozar das súas páxinas.

TERTULIANEANDO

Este xoves estreamos o ciclo de tertulianos deste ano novo.

A novela que nos convocou foi aplaudidísima: Unha estrela no vento, de Ledicia Costas. E moito nos deu para falar, tanto que había que pedir a palabra...



... para escoitar con moooooooita atención tantas emocións como esta lectura fixo acordar en nós...



... mais tamén cantas ocorrencias quedan en segredo connosco e que non imos desvelar...


Rematamos coa lectura dunha entrevista que o curso pasado lle fixeran á autora outros compañeiros do club de lectura e descubrimos todo o que non imaxinabamos que está detrás da escrita desta novela tan impactante.



Non deixedes de procurala por vós mesmas neste noso blog, xa que está accesíbel a todas vós!!!

segunda-feira, 12 de janeiro de 2015

PENÚLTIMAS TENDENCIAS


Operación Triúnfo

Nin de bromas digas que son divina.
Non teño a mellor voz do universo.
Non collo nese talle supersexy.
Non uso o escote como escaparate.
Non quero nin dez minutos de gloria.
Só quero un curso intensivo de bicos,
dúas ou tres frases que soen sinceras
e cinco segundos para decidir se acepto
ou se te envío á papeleira de reciclaxe.

Este é un dos poemas de Penúltimas tendencias, o último libro de Carlos Negro, un libro de versos que nos expoñen ante o espello dunha realidade que teima en nos seguir a converter en princesas rosas.

Mais sabemos que non todo se reduce ao mundo fashion, cool, chic e sexy. Temos unha voz propia e queremos expresala máis aló de campañas mediáticas e anuncios guais onde os corpos semellan funcionar sen pensamento crítico guía.

Ninguén mellor que as palabras do propio autor para dar conta da súa intención ao escribir estes poemas e mais do proceso creativo do que avanzamos un anaquiño:

Como te documentaches para o proceso de creación?
Estiven unha temporada vendo series de televisión que, pola miña experiencia docente, sei que seguen as mozas, vin vídeos na rede, películas e lin revistas de beleza, atendendo á publicidade comercial que estas trasladan do mundo da moda e da imaxe: a Superpop, a Bravo, etc. Trátase dun mercado publicitario ao que as nosas mozas están expostas e que está especializado por idade e por sexo.


segunda-feira, 5 de janeiro de 2015

E EN QUE VEÑEN OS REIS?


Será certo que os Reis Magos sempre veñen en camelos a este país occidental de friaxes, xeadas, chuvias e humidades?

A ver o que conta esta panxoliña do grupo Mamá Cabra no seu libro-disco Xa me tardan estes Reis.



domingo, 4 de janeiro de 2015

FELIZ DÍA DE REIS



Na véspera do Día de Reis, deséxovos un día grande de sorpresas que chegan de quen máis vos quere.

E por se alguén quere saber o que pensan e falan os Reis Magos, podedes pasearvos polos múltiples relatos breves do seu gran libro. 

Con certeza, temos alguén ao redor a quen lle gustaría que o agasallásamos con palabras máxicas reais... ou non?

Velaquí o Libros dos Reis Magos!