Hoxe é Verónica Viqueira quen nos manda a súa reseña sobre a novela de Antón Cortizas, Leonel.
“De
cando en vez, as miradas dos dous rapaces encontrábanse na delicadeza dunha
bolboreta que brincaba no claroscuro da follaxe. Pero eles non o sabían. As
súas miradas abalaban ao mesmo tempo que abalaba aquela folliña esmeralda a
través da cal se filtraba a seta do sol. Pero eles non o sabían. […]
O
río falaba con algún merlo; e unha ra, ou dúas ou tres, dicían aquí estamos á
súa maneira. Tamén os oídos de Miguel e Ana sentían as mesmas cousas,
escoitaban os mesmos suspiros, atendían aos deformados moumeos dos fíos de auga
que se facían seda pola canle abaixo. Os seus oídos tamén oían xuntos, pero
eles non o sabían. Tampouco sabían que os seus corazóns amaban xuntos, aínda
que non tardarían en sabelo.”
Non sabendo como comezar a contar a apaixonante historia deste libro fágoo co fragmento
que máis me gustou e non só por esa detallada descrición que deixa engaiolado a
calquera (que aparece ao longo de todo o libro) ou polo feito de que sexa tan
romántico, senón porque nesta parte Miguel e Ana teñen a conversación máis
profunda , bonita e divertida de todo o libro.
Comezando por onde debe ser: Miguel é
un rapaz de 15 anos que vive en Ferrol, no centro da cidade, polo que ten unha
vida simple e chea de comodidades. Seus pais deciden que vaia pasar todo o verán
á casa de seus avós, nunha aldea pequena e afastada chamada Grandal.
Os avós do noso protagonista tiveron
que marchar a Uruguai por mor da mala vida que levaban, influída polo estalido
da Guerra Civil. O avó, Duarte, marchara, ademais de pola situación de pobreza,
porque tiña medo de que a súa vida correse perigo xa que el era coñecido como “
o republicano” (non por que o fose, senón porque seu pai si o foi). Quedan a
vivir en América ata que dous meses antes da viaxe de Miguel , cando xa están
xubilados, volven para vivir a súa
derradeira etapa no pobo da infancia de Duarte, Grandal.
Miguel móstrase moi remiso durante a
primeira conversación entre el e seu avó, quen fala sen parar coa emoción de por
fin pasar tempo co seu neto; ensínalle a cabana do Cimbro Vello que el máis o
seu pai, bisavó de Miguel, construíran tempo atrás no monte para poder pasar
alí algunhas noites e observar os lobos. O tema dos lobos é algo que a Miguel o trae de cabeza e que vai estar presente ao longo de todo o libro.
O principal deste libro é Leonel, un
pegureiro do tempo de Duarte que vivía en Grandal e ao que todo o mundo lle
quería ben, posto que era moi conversador e bo contador de historias. Despois
de que o avó de Miguel marchase para Uruguai, Leonel mercoulles a súa casa,
pero pouco tempo despois pídelle a un veciño que lla coide durante 30 anos e
dille que se el non volve durante ese tempo que a vendera. Esa foi a última vez
que se soubo de Leonel … ata que Miguel descobre que este misterioso home
deixou varias pistas tras a súa marcha en forma de pequenos relatos tallados na
madeira; o primeiro lugar onde Miguel descubriu este raro cerco de pistas foi
no escritorio de madeira da súa nova habitación en Grandal.
Uns días despois coñece a Ana, unha
rapariga da mesma idade del, que vive na zona e coa que emprenderá a fascinante
aventura de descubrir que foi de Leonel.
En conclusión. Unha lectura moi, moi
levadeira coa que quedarás con ganas de máis tempo cos protagonistas e de
Leonel …
Sem comentários:
Enviar um comentário