sábado, 2 de junho de 2018

INTERCAMBIO CO IES OTERO PEDRAYO

Renovamos un curso máis o noso intercambio co IES Otero Pedrayo da Coruña e aínda que non podemos recoller todas as vivencias desta intensa xornada compartida en Betanzos, por aquí vos deixamos algunhas imaxes que queren ser de recoñecemento e gratitude por tan impecábel organización.

Deica o curso vindeiro! Continuamos entre lecturas!




quinta-feira, 26 de abril de 2018

MEDRANDO CO CLUB D@S EX!

Antía Varela volve connosco para compartir coa súa palabra a súa última lectura, Chamando ás portas do ceo de Jordi Sierra i Fabra.

Reparade na súa opinión porque seguro que non vos resistiredes a esta proposta lectora!

Se tivese que definir a Silvia con unha palabra, sería: Especial, porque é unha desas persoas que te namoran simplemente coa súa presenza e o xeito de pensar.

Grazas a ela coñecemos a beleza e a pobreza que rodea á India, con ela vives o día a día no hospital e coñeces a moitos pacientes que te marcan, non só polo agradecemento e a ilusión que mostran cando ela os axuda, senón tamén pola forza que ainda lles queda.

Nesta novela mestúrase a aventura coa desgana, o amor coa desilusión, a fermosura coa pobreza, pero o máis importante é que o medo se converte en superación.

Convídovos a coñecer a India a través dunha historia que vos vai deixar cautivados.

segunda-feira, 23 de abril de 2018

TOMAMOS A PALABRA


Todos os días son óptimos para as nosas tertulias, mais hoxe coincidiu con unha desas datas sinaladas no calendario: o Día Internacional do Libro.

O noso punto de encontro recibiunos para a tertulia do club de 2º ESO ao redor dunha obra que gustou e, sobre todo, sorprendeu: O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.



Precisades algunhas razóns para a ler? Pois velaquí algunhas pistas orientadoras...

1. Axúdache a abrir os ollos cara ás redes sociais (Rosa)
2. Axúdache a non confiar naquelas persoas que só coñeces a través das redes sociais e poden non ser como din (Lucía)
3. Axúdache a abrir os ollos ante o que che di unha amiga, aínda que sexa contrario á túa opinión (Naihara)
4. É moi entretido e axúdache a non confiar nas redes sociais e ter coidado co que publicamos (Yovanna)
5. É moi bonito e axúdache a aprender (Ivanna)
6. Axúdache a non confiar en quen non debes (Valentina)
7. Aprendes que non todo é o que parece (María Pazos)
8. Hai que facerlle caso aos consellos dos amigos e non confiar tanto nas persoas que non coñeces (María Varela)

FELIZ DÍA DO LIBRO 2018


terça-feira, 27 de março de 2018

RESEÑEANDO... ENGURRAS

Esperanza Muñiz non nos puido acompañar na última tertulia, mais envíanos a súa impresión lectora sobre Engurras para compartir connosco desde as súas experiencias vitais coa avoa Martisa. Que sorpresa!!!!



Como me gustaría estar con vós na xuntanza do club para falar deste libro!

Queríavos contar que coñecín unha señora á que lle chamabamos "avoa Martisa". Vivía soa con 90 anos, sempre foi unha muller con forte carácter e nunca quixo axuda de ninguén, nin sequera dos servizos sociais.

A avoa Martisa esqueceu como se cociñaba, pero sabía que o mellor aceite era o "Carbonell" e o mellor viño o "Campo Viejo".



A avoa Martisa esqueceu que para ouriñar de noite había que ir ao baño e facíao directamente na alfombra e, pola mañá, ao poñer os pés nela e atopala fría coma a lama, choraba porque algún mal cristián lla fora mollar.

A avoa Martisa esqueceu que para ver precisaba lentes, pero ela recitaba sen tatexar:

Se me dás o que che pido
non che hei de pedir a vida, 
da cintura para abaixo,
da rodilla para arriba.

Unha noite a avoa Martisa escoitou voces e subiu buscar quen lle falaba... co risco de perderse ou morrer de frío. 

Tamén acabou nunha residencia coma Emilio. Soa.

quarta-feira, 21 de março de 2018

PALABRAS NADA ENRUGADAS

O club de lectura de 1º ESO renovou o tempo de xuntanzas de comezo da primavera. Nesta ocasión foi protagonista a lectura de Engurras, unha historia en banda deseñada que non nos deixou indiferentes.