segunda-feira, 12 de março de 2018

E VEÑAN MÁIS PALABRAS AO CLUB D@S EX!

Recibimos unha nova compañeira de viaxe virtual agora que xa non a temos connosco no centro: Nerea Fernández. Benvida!!!

Para esta primeira colaboración, Nerea preséntanos unha obra ben coñecida, escrita por Xabier P. Docampo, O misterio das badaladas.

Ollade para as súas impresións lectoras que son porta para abrir á descuberta dunha historia ben misteriosa e curiosa...



Gustoume moito a idea de que as ex-alumnas seguisen participando no Club. Como eu tamén son unha delas, aquí vos deixo un libro magnífico de Xabier P. Docampo titulado O misterio das badaladas

Como o propio título di, esta historia trata dun reloxo que se acaba de poñer en marcha e as súas badaladas son exactas, doce badaladas, pero ás doce da noite dá trece! 

Como pode ser posible? 

Se queredes axudar aos rapaces a descubrir o misterio, tédelo que ler. 

Dende logo é un libro que te mete de cheo na historia que conta, xa que te fai pensar como é posible que dea unha badalada de máis e sobre todo ás doce da noite.

quinta-feira, 1 de março de 2018

CORISTRANCA DE NOVO NA ONDA


O pasado martes 20 de febreiro visitamos na Coruña novamente o estudo "José Couso" de Radio CUAC FM para emitir un novo programa " A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Nesta ocasión o equipo de guionización e locutación correu a cargo de membros do club de lectura de 4º ESO e por se non chegastes a tempo de os escoitar ao vivo ou queredes recuncar- agora é o momento estupendo desde este enlace que vos ofrecemos. 








Neste programa quixemos prestar atención especial á inmediata celebración do Día de Rosalía e descubir a María Victoria Moreno, autora destacada este ano na celebración do Día das Letras galegas ou a Eli Ríos, a autora que se esconde tras a intensa novela que acabamos de ler, Luns, publicada pola editorial Xerais.

Ogallá vos preste tanto escoitarnos como nós aprendemos preparándoo!

Até o próximo programa!

quarta-feira, 21 de fevereiro de 2018

E XOEL APRENDEU A VOAR


Hai uns días contabamos da tertulia ao redor do libro de Marica Campo, E Xoel aprendeu a voar. Pois ben, como eran varias as interrogantes que xurdiron, decidímonos a llas trasladar á autora, quen nos respondeu moi amabelmente.



Aquí vos deixamos esta entrevista epistolar con Marica Campo, a quen moito lle agradecemos o seu tempo e atención.




1. En que te inspiraches para escribir o libro?
Sempre digo que a inspiración é un misto ou chisqueiro para acender o lume, mais para facer a fogueira hai que xuntar leña. Que é a leña? Todas as experiencias vividas ou contempladas, deformadas polo prisma da imaxinación.

2. Canto tempo che levou escribilo?
Un mes exactamente.

3. Por que escolleches ese título?
Pensara en titulalo Xoel e o merlo branco; mais buscando que non houbese outro parecido, atopeime con que gardaba un paralelismo total con Xenaro e a mochila verde, así que entre outros moitos que se me ocorrían, escollín o que coñecedes.

4. Xoel representa algún familiar ou coñecido teu ou é un personaxe completamente inventado?
A actitude pasiva, abúlica, vina en máis dun rapaz, sempre desinteresado do que non fosen as novas tecnoloxías. Aínda hai dous ou tres días que lin como estas cousas, ademais do tipo de alimentación, tiñan a ver coa obesidade. Niso pensei tamén cando imaxinei o personaxe. Os nenos Daniel e Sara McNamee si que se chaman coma dous sobriños netos meus.

5. E o Merlo Branco?
Está inspirado nun señor a quen non coñezo en persoa (si á súa muller, que foi profesora de inglés nun instituto) que construía moto veleiros. El foi quen me explicou (por teléfono) como os facía. Doutra banda, gústame moito a relación cos avós. Tiven un que morreu cando eu tiña 14 anos e co que estaba moi compenetrada. Mesmo nalgún relato que falo dunha avoa, en realidade falo del. Só coñecín ao meu avó paterno e á miña avoa materna. Esta, aínda que era boa e cariñosa,  parecíame distante porque era moi refinada.

6. O final pareceunos moi precipitado, despois de toda a intriga da historia. Por que o fixeches así?

Para min era o momento do THE END, se cadra tivestes que lelo dúas veces para entender o que significaba porque nunca se di expresamente que o Merlo Branco era o avó. Quizais vos gustaría que se soubese máis do encontro da nai de Xoel e a súa nai norteamericana, mais hai que deixar espazo á imaxinación de quen le. Dicir, dise que se encontran e que “falou o sangue”, ou sexa, houbo un recoñecemento, o que os gregos chamaban unha anagnórise. Quen escribe, aínda que lles colla cariño, non debe quedar indefinidamente cos personaxes e alongar de máis a historia. Había un conflito e un enigma e, unha vez resoltos, a novela tiña que  acabar. De calquera maneira, se cadra tedes razón. Escribir é dubidar continuamente.

7. Poderemos ler pronto algún outro libro teu pensado para nós?
Estou rematando outra novela que, en principio, sería para xente máis nova. Porén, a medida que escribo, dubido da franxa de idade á que se debe destinar.

Unha aperta para todas e todos. Lede moito para medrar máis como persoas. Grazas por lle prestar atención a Xoel.



AS DE 2º TAMÉN QUEDAMOS!

Esta semana non podía comezar mellor!




O equipo lector de 2º ESO descubriu un grande historia e unha magnífica escritora que desde xa vos recomendan non perder: Ledicia Costas e Unha estrela no vento.

E tanto gustamos que foi irresistíbel a tentación de continuar a saber da súa escrita, así que xa andamos entre as liñas interespaciais d´O corazón de Xúpiter.

Contaremos!!!!


terça-feira, 13 de fevereiro de 2018

NOVO CAPÍTULO DO CLUB D@S EX-

A nosa ex- María Rodríguez volve connosco a través da lectura do libro Palabras envelenadas de Maite Carranza.

Comezade coa lectura da súa reseña e con certeza non resistiredes achegarvos á novela.


Durante o mes de xaneiro lin un libro que, tristemente, está moi relacionado coa actualidade. 

Palabras envelenadas trata sobre a desaparición dunha rapaza, Bárbara Molina. 

Esta rapaza é agredida física, sexual e psicoloxicamente por unha persoa da súa familia durante, máis ou menos, a metade da súa vida pero, aínda así, ela mantén a esperanza de que algún día poderá gozar da liberdade que merece.

Nesta historia tamén hai que destacar o papel da nai de Bárbara, Nuria Solís, quen sofre como o tempo pasa sen saber o paradoiro da súa filla, sen saber se algún día a volverá a ver…

O libro consta de tres partes e cada parte ten diferentes capítulos que están narrados en primeira ou en terceira persoa. A historia avanza rápido ata a metade da segunda parte, que se volve máis lenta pero á vez moito máis intrigante; tan intrigante que a persoa que está lendo chega a meterse no papel da protagonista e sentir o perigo que corre.

Recoméndovos esta lectura porque, nestes momentos e por desgraza para nós, as mulleres, é moi importante ter todos os sentidos alerta para que ningunha de nós sexa a seguinte en ser noticia no telexornal. 

Ninguén ten o dereito de arrebatarnos a liberdade, a felicidade e moito menos, a vida.

quinta-feira, 1 de fevereiro de 2018

ESTREANDO TERTULIA

O club de lectura de 1º ESO estreou onte a súa primeira tertulia literaria. E non parecían nada novatos á vista das brillantes intervencións e interpretacións do libro de Marica Campo, De cando Xoel aprendeu a voar.

Con todo, é de xustiza salientar que contabamos cunha voz lectora moi experimentada, a de Esperanza, unha mamá que sempre nos sorprende. Desta vez, ademais da súa lectura e do seu acompañamento presencial, agasallounos con esta ben fermosa e orixinal reseña da nosa lectura máis recente.

Que vos parece?


Non sexas abúlico

Vou dar a miña opinión
dunha maneira sinxela,
a lectura moito presta,
sempre que gostamos dela.

Sentinme identificada
con don Santiago e Xoel,
as obrigas do traballo
minguan horas de lecer.

As novas tecnoloxías
substitúen as persoas,
xigantes escaparates
para cando estades a soas.

Sae fóra tomar o aire,
deixa o móbil e o portátil,
fala! corre cos amigos!
e sentiraste máis áxil!

Busca o teu merliño branco,
deixa durmir a preguiza,
sube ao motoveleiro!
enche os petos de ledicia!