terça-feira, 21 de junho de 2016

QUEN SON AS AUTORAS E AUTORES MÁIS LIDOS NOS CLUBS DE LECTURA?

Como todos os cursos, a asesoría de bibliotecas escolares recompila as autoras e autores máis lidos nos clubs de lectura galegos.

Seguro que vos soan moito algúns deses que ocupan os primeiros postos, non si?



quarta-feira, 1 de junho de 2016

ALÓ FOI O INTERCAMBIO...

Logo de varios meses traballando con este horizonte a través do intercambio epistolar cos compas do IES Otero Pedrayo da Coruña, chega por fin o día do noso encontro físico e non dura nadiña...

Cadaquén trae consigo as súas lembranzas persoais, as súas fotos, os seus contactos virtuais, mais Patricia Varela, intrépida profesora acompañante do noso centro amigo, preparounos este petisco audiovisual para non esquecer nunca unha xornada irrepetíbel e tamén para dar moita envexa a quen non puido vir.

A ver como lle agradecemos ao equipazo do club de lectura e mais do ENDL do IES Otero Pedrayo  tanta hospitalidade e tanto traballo organizativo para unha xornada que sempre fica en nós. Aínda habemos ter que repetir para o curso próximo e corresponder como merecen! Que vos parece?


domingo, 8 de maio de 2016

NOVO PROGRAMA RADIOFÓNICO XA NA ONDA!

O pasado martes 5 de maio emitimos ao vivo o que xa foi o noso último programa en Radio Cuac FM. Unha mágoa, mais xa sabemos que todo o bo sempre acaba ben cedo!!!

Miriam, María e Nuria, da sección do club de lectura de 3º ESO, prepararon un completísimo guión que nos lembrou o ben que o pasaran na celebración do Correlingua, esa mesma mañá, polas rúas da Coruña, algunhas das súas propostas para un completo menú lector e a lembranza de dúas efeméredes que estamos a celebrar neste 2016: o centenario das Irmandades da Fala e mais a homenaxe a Manuel María como autor destacado neste vindeiro Día das Letras Galegas.



Non faltaron as entrevistas, non. Desta volta, por partida dobre: unha a Ledicia Costas e outra a Mercedes Queixas. De que andarían a falar?

Non podemos descubrir nada, nin sequera a oferta degustación musical tan variada, así que mergullade por estas ondas virtuais e volvede cantas veces queirades escoitar o estupendo programa deste gran equipo radiofónico.


Un aplauso grande para María, Nuria e Miriam!

segunda-feira, 2 de maio de 2016

MANUEL MARÍA NO DÍA DO LIBRO

Este pasado 23 de abril celebramos o Día do Libro cunha lectura colectiva da obra de Manuel María, o poeta que estamos a descubrir neste curso co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas na súa honra.

Vivimos un acto que nos transmitiu a riqueza e a diversidade da obra poética do autor, grazas ás voces de alumnas do club de lectura e colaboradoras do EDLG.

Grazas a todas pola vosa participación na lectura, a través da vosa voz e da vosa escoita!
















sexta-feira, 15 de abril de 2016

EUROPA EXPRESS, ANDREA MACEIRAS




O club de lectura de 2º ESO estivo a ler a última novela de Andrea Maceiras titulada Europa Express, que foi o pasado verán Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

A piques de comezar con esta lectura os compañeiros e compañeiras de 3º, imos ir partillando por aquí algunhas das primeiras impresións que intercambiamos na tertulia deste pasado luns 11 de abril.

Europa Express está moi ben porque se basea na vida real e porque manexa conceptos moi graciosos como o "pijerío" de Mia ou o moito que lle gustaba o "ligoteo" a Óscar.

                                                                                                             María (2ºB)


Esta novela é moi entretida porque conta unha historia de amor bastante complicada. Tamén ten partes moi graciosas vividas con algúns personaxes. Ademais, viaxas co libro, xa que os detalles sobre as diferentes cidades que visitan resultan sorprendentes.
   
                                                                                                            Uxía (2ºB)




Para min foi probablemente o mellor libro que lin en galego na miña vida. O que me pareceu incrible foi que Xacobe aguantaba todas as súas desgrazas (o abandono da nai, que non quería saber del, que o pai tamén intentase librarse del...), aínda que tamén me pareceu moi machista o que lle facía a Aroa.
Por outra parte, tamen me encantou como describía os lugares, xa que é fantástica a maneira en que é capaz de transportarnos á escena dos personaxes por distintos lugares de Europa.

                                                                                                             Aarón (2ºA)

A lectura foi moi entretida e rin moito con algúns personaxes, xa que son únicos e realistas. A través do libro puidemos viaxar cos personaxes e aprender cousas doutros lugares (como o daquel pobo independente de Suecia). Tamén me gustou moito ver como cambiaron as vidas dos personaxes ao longo do tempo e como eran dez anos despois daquela viaxe.

                                                                                                             Ana (2ºB)


O libro gustoume moito, os personaxes son moi realistas e as historias dos rapaces do grupo eran moi diferentes. O libro está moi ben, é moi entretido e é un dos mellores que lin.

                                                                                                            Adriana María (2ºB)

segunda-feira, 11 de abril de 2016

RESEÑEANDO

TES ATA AS DEZ, FRANCISCO CASTRO - EDITORIAL GALAXIA



A penúltima novela de Francisco Castro, Tes ata as dez, narra a historia de Toni, un home de 40 anos, procedente dunha familia acomodada, que tras a recente morte do seu pai, recibe un email cuxo remitente parece ser este mesmo.

A partir deste correo, Toni deberá seguir as pistas e pescudar todo o que o pai lle vai indicando ao longo de sucesivos misteriosos correos electrónicos.

E para facelo deberá basearse nos xogos da súa infancia e na lembranza dunha lectura determinante.

Tes ata as dez é unha entretida novela que non deixa a ninguén indiferente, cunha manchea de sorpresas.

Francisco Castro logra que o lector investigue ao mesmo tempo que o debe facer Toni e participe na novela como un personaxe máis.

Soraya Mato, 4º A