quarta-feira, 15 de dezembro de 2010

A ESCOLA DE DOLORIÑAS

Hoxe, pensando na organización da que será a primeira xuntanza do noso club de lectura para este curso, lembrei esta cadro que tanto me gusta da magnífica pintora galega Xulia Minguillón (Lugo, 1906 - Madrid, 1965).
Titúlase A escola de Doloriñas e recibiu unha medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid en 1941. A primeira que se lle concedeu a unha muller!
Na actualidade podemos velo en todo o seu esplendor e ao vivo no Museo Provincial de Lugo.
Observando o cadro hoxe, pensei: e seremos quen entre todos de construírmos un club de lectura escolar tan xeitoso e colaborativo?
Que vos parece?

QUERES QUE CHE PRESENTEMOS A XOEL?


As nenas do Club de Lectura de 1º e 2º de ESO andamos enredadas coas historias que lle acontecen a Xoel, grazas á imaxinación da escritora Marica Campo. Ímosvos ir deixando por aquí algunhas anotacións do libro para que o vaiades coñecendo.

Seguro que xa vos estades a facer preguntas: pero como un neno chamado Xoel pode aprender a voar?

Mais hai que ter paciencia e agardar... Non deixedes de mirarnos por esta xaneliña- blog... Nin de deixarnos os vosos comentarios, preguntas, dúbidas...


Xa veredes como non resistides a tentación de lelo!!!!!

terça-feira, 7 de dezembro de 2010

A VOLTAS CON XOEL!



Os participantes no club de lectura Coristranca de 1º e 2º de ESO xa comezamos a lectura do libro de narrativa titulado E Xoel aprendeu a voar, da autora Marica Campo.

Xoel é un neno de trece anos que só sabe vivir dedicado á rede e á PSP, un neno pasivo que, sen embargo, nos sorprende como protagonista dunha historia de intriga até o final. Descubrirémolo na nosa xuntanza-conversa do club de lectura de finais de decembro. Estade atent@s se queredes ter máis información das nosas descubertas!

E andaredes a vos preguntar: quen é a autora que está detras desta novela? Pois velaquí unha axudiña que partillamos convosco: a súa ben interesante e completa autobiografía:

terça-feira, 23 de novembro de 2010

TRES, DOUS, UN... O NOSO CLUB DE LECTURA ARRANCA DE NOVO!

Iniciamos unha VIAXE colectiva ao redor dos libros, da LECTURA, da CONVERSA e da AMIZADE ao redor das PALABRAS sabias. E todo grazas a Coristranca, un club de lectura con retranca. Moita retranca e moita parola a que lle imos botar. E ademais aberta ao público e para todos os públicos. Apúntaste? Pois xa sabes, síguenos día a día e comenta no ESPAZO aberto para o DIÁLOGO e o intercambio de OPINIÓN.

Isto comeza XA!

sábado, 15 de maio de 2010

O INFERNO DE MARTA



O inferno de Marta (2002), do valencián Pasqual Alapont, é un libro que trata sobre o maltrato ás mulleres.
Está o maltrato por razóns de xénero en vías de extinción ou imos a peor? Cal é a causa disto? Acontece só en ámbitos pouco desenvolvidos ou é algo extensíbel a todos os extractos sociais?
Espero que estas e outras preguntas bulan pola vosa cabeza ao lerdes esta obra. Sen dúbida, teredes unha idea da situación polo que vedes nos telexornais, desgrazadamente, case a diario.
Tan só un dato máis para a reflexión: o primeiro trimestre de 2010 foi no que máis mortes de mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas houbo en 10 anos...

XUNTANZA DE CORISTRANCA DO PRIMEIRO CICLO


O vindeiro mércores 19 de maio, xusto despois destes días de lecer e cultura que supón a festividade do Día das Letras Galegas, reunirémonos de novo no Coristranca de primeiro ciclo para comentarmos Irmán do vento. Déixovos un enlace á ficha de lectura para que vaiades traballando o texto previamente.