quarta-feira, 29 de dezembro de 2010

CONTA ATRÁS...


Estamos chegando á máxica noite do 31 de decembro, a Noitevella que alumeará a alba do Aninovo. Mentres nos imos preparando para a derradeira conta atrás de 2010, podemos acompañar a emocionante espera coa lectura d´O Apalpador tal e como nola conta Xoan G. nesta fermosa edición á que accedes cun simple clic: http://www.apalpador.com/apalpador.pdf

terça-feira, 28 de dezembro de 2010

E QUE CHE VÉN SENDO ISO DO BOOK?



... pois pode ser un bo exemplo de modernidade que pode convivir plenamente coa tradición lectora que todas e todos coñecemos. Porque LER ESTÁ DE MODA. Quen non o descubriu aínda?

Mirade este vídeo e veredes... o que descubrides a un golpe de clic!

http://www.youtube.com/watch?v=WBgkCtWcKpQ

terça-feira, 21 de dezembro de 2010

FLIZ NDL E MELLOR ANNVO KN M8S LIBROS!!!!


Remata o primeiro trimestre e todas as persoas que formamos o club de lectura levamos deberes lectores connosco. Á volta do aninovo celebraremos as nosas primeiras xuntanzas-debate e deixaremos caer por aquí as conclusións ás que os libros nos van levando.

Mentres tanto, non queremos deixar de vos recomendar algunhas lecturas en galego para que sempre esteades á última en suxestivas novidades para cociñardes as vosas particulares "sopas de letras". E xa sabedes, estas peticións son moito do agrado do Apalpador, do Papá Noel e dos Reis Magos, dependendo de quen sexa o personaxe máxico que pase polas vosas parroquias e lugares.

Velaquí este fabuloso enlace ao catálogo "Agasallo" que acaba de saír do forno ( http://www.agasallo.eu/).

Non diredes que non sabedes que pedir nas cartas!!!!

INCÓGNITA SOLUCIONADA NO CPI ALCALDE XOSÉ PICHEL


Hai unhas semanas sorprendémonos con algúns cartaces anunciando unha incógnita polos corredores e aulas do noso centro. Que significa CORISTRANCA?, preguntábasenos.

Por fin alguén atinou co significado da palabra "Coristranca"! Xa non seguimos a ser un segredo. Agora xa todo o mundo no centro sabe de nós... grazas a... Alba Martínez Muíño, alumna de 4º ESO A.


GRAZAS ALBA POR NOS DELATARES!!!!!!

sábado, 18 de dezembro de 2010

QUE SABEMOS DE CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE?



Entre lectura e lectura -que é difícil interromper, ou non?- e para amenizarmos as pausas, fican por aquí algunhas preguntiñas sobre o noso libro de lectura cargadiño de incógnitas, misterios e de medos... A ver se dades coas respostas!!!!

1. En que ano se publicou Cando petan na porta pola noite?

2. Con que premios foi recoñecido?

3. Quen ilustrou o libro?

4. Cantas edicións se levan feito?

5. A que linguas foi traducido?

quarta-feira, 15 de dezembro de 2010

QUE É O QUE PASA CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE?


Cando petan na porta pola noite é o libro que estamos a ler no club de lectura en 3º e 4º de ESO. Habitualmente empezamos os libros polo principio, va que si? Pois nós descubrimos que este libro conta no final unha historia única: a historia dos medos do autor que o escribiu: Xabier P. Docampo.

Velaquí vos deixamos os seus medos!

Cales son os teus?

A ESCOLA DE DOLORIÑAS

Hoxe, pensando na organización da que será a primeira xuntanza do noso club de lectura para este curso, lembrei esta cadro que tanto me gusta da magnífica pintora galega Xulia Minguillón (Lugo, 1906 - Madrid, 1965).
Titúlase A escola de Doloriñas e recibiu unha medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de Madrid en 1941. A primeira que se lle concedeu a unha muller!
Na actualidade podemos velo en todo o seu esplendor e ao vivo no Museo Provincial de Lugo.
Observando o cadro hoxe, pensei: e seremos quen entre todos de construírmos un club de lectura escolar tan xeitoso e colaborativo?
Que vos parece?

QUERES QUE CHE PRESENTEMOS A XOEL?


As nenas do Club de Lectura de 1º e 2º de ESO andamos enredadas coas historias que lle acontecen a Xoel, grazas á imaxinación da escritora Marica Campo. Ímosvos ir deixando por aquí algunhas anotacións do libro para que o vaiades coñecendo.

Seguro que xa vos estades a facer preguntas: pero como un neno chamado Xoel pode aprender a voar?

Mais hai que ter paciencia e agardar... Non deixedes de mirarnos por esta xaneliña- blog... Nin de deixarnos os vosos comentarios, preguntas, dúbidas...


Xa veredes como non resistides a tentación de lelo!!!!!

terça-feira, 7 de dezembro de 2010

A VOLTAS CON XOEL!



Os participantes no club de lectura Coristranca de 1º e 2º de ESO xa comezamos a lectura do libro de narrativa titulado E Xoel aprendeu a voar, da autora Marica Campo.

Xoel é un neno de trece anos que só sabe vivir dedicado á rede e á PSP, un neno pasivo que, sen embargo, nos sorprende como protagonista dunha historia de intriga até o final. Descubrirémolo na nosa xuntanza-conversa do club de lectura de finais de decembro. Estade atent@s se queredes ter máis información das nosas descubertas!

E andaredes a vos preguntar: quen é a autora que está detras desta novela? Pois velaquí unha axudiña que partillamos convosco: a súa ben interesante e completa autobiografía:

terça-feira, 23 de novembro de 2010

TRES, DOUS, UN... O NOSO CLUB DE LECTURA ARRANCA DE NOVO!

Iniciamos unha VIAXE colectiva ao redor dos libros, da LECTURA, da CONVERSA e da AMIZADE ao redor das PALABRAS sabias. E todo grazas a Coristranca, un club de lectura con retranca. Moita retranca e moita parola a que lle imos botar. E ademais aberta ao público e para todos os públicos. Apúntaste? Pois xa sabes, síguenos día a día e comenta no ESPAZO aberto para o DIÁLOGO e o intercambio de OPINIÓN.

Isto comeza XA!

sábado, 15 de maio de 2010

O INFERNO DE MARTA



O inferno de Marta (2002), do valencián Pasqual Alapont, é un libro que trata sobre o maltrato ás mulleres.
Está o maltrato por razóns de xénero en vías de extinción ou imos a peor? Cal é a causa disto? Acontece só en ámbitos pouco desenvolvidos ou é algo extensíbel a todos os extractos sociais?
Espero que estas e outras preguntas bulan pola vosa cabeza ao lerdes esta obra. Sen dúbida, teredes unha idea da situación polo que vedes nos telexornais, desgrazadamente, case a diario.
Tan só un dato máis para a reflexión: o primeiro trimestre de 2010 foi no que máis mortes de mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas houbo en 10 anos...

XUNTANZA DE CORISTRANCA DO PRIMEIRO CICLO


O vindeiro mércores 19 de maio, xusto despois destes días de lecer e cultura que supón a festividade do Día das Letras Galegas, reunirémonos de novo no Coristranca de primeiro ciclo para comentarmos Irmán do vento. Déixovos un enlace á ficha de lectura para que vaiades traballando o texto previamente.

quinta-feira, 15 de abril de 2010

QUE SABEMOS DE IRAQ?

Para os e as despistadas (temos xente nova no Clube, parece ser que se nos animaron unhas rapazas de 2ºB, así que xa temos que deixar de falar en masculino!) que aínda non saiban onde queda Iraq, velaquí un mapa (picando sobre el co rato a imaxe amplíase). Nel podedes observar que linda con Turquía, Siria, Arabia Saudí, Irán e Kuwait. Ten un anaquiño de costa que dá ao Golfo Pérsico (de aí o nome da 1ª ofensiva contra Iraq, que pretendía invadir Kuwait e así quedar co control de máis territorio marítimo). A súa capital é Bagdad, que conta cunha poboación aproximada duns 5 millóns de habitantes.

A sorte e a desgraza de países coma este, ademais das ditaduras que sufriron e sofren, son os seus recursos naturais, neste caso o petróleo, que os fai ser cobizados por países máis fortes que necesitan eses recursos para ser cada vez máis poderosos. Mais, sen dúbida, quen máis sofre é o pobo, que ten que vivir en condicións infrahumanas a pesar de vivir nun país moi rico en recursos naturais.


A continuación unha imaxe satélite tirada do Google Maps, que podedes ampliar para ver a distancia que hai entre a Península Ibérica e o Golfo Pérsico:



Visualizar o mapa ampliado

A GUERRA DO GOLFO

A guerra da que nos fala Khaled en Irmán do vento comezou en 1990 e durou un ano repleto de longas e cruentas batallas. Deuse a coñecer co nome de Guerra do Golfo. Podedes atopar máis información sobre ela no enlace anterior.

Hai uns poucos anos, esta guerra repetiuse, e aínda hoxe Iraq está nun estado de sitio que impide que os e as iraquís desenvolvan unha vida normal por mor dos atentados diarios que matan a ducias de persoas.



Coa lectura de Irmán do vento, vemos as consecuencias da guerra a través dos ollos dos que máis as sofren: as crianzas e os mozos e mozas que teñen soños e ilusións e ven como se truncan, e como teñen que se facer maiores antes de tempo, impedindo deste xeito o dereito que debería ter todo o mundo na infancia: o dereito de ser nenos e nenas.

IRMÁN DO VENTO

Cambiamos de terzo co seguinte libro do Club de Lectura Coristranca de 1º ciclo. Deixamos o terror psicolóxico e pasámonos a un terror por desgraza máis real: o das guerras.
Escollemos desta volta a lectura de Irmán do vento, libro de Manuel Lourenzo González que acadou o Premio Merlín en 2003.
Trátase dunha novela na que se conta a historia de Khaled, un rapaz do Iraq que, nun breve espazo de tempo, pasa pola experiencia de dúas guerras. Entre un prólogo e un epílogo, escritos polo arqueólogo Luís Meira Al-Galego, atopámonos o día a día deste mozo obrigado a medrar e facerse home pola forza das circunstancias, a través das cartas que, a modo de diario, lle escribe a un suposto fillo de Luís Meira que viviría en Europa.


Se ben o relato é a crónica da destrución do mundo de Khaled e dos seus soños, tamén é a narración da loita contra ese destino imposto e pola recuperación da dignidade e a esperanza.
De temática moi actual, o texto enfróntanos a unha realidade da que non podemos agocharnos, unha situación tremendamente dura e á que non somos alleos.

sábado, 27 de março de 2010

COMEZAMOS COS PREPARATIVOS DA REPRESENTACIÓN DA COMEDIA BÍFIDA

Comezamos cun club de lectura e acabamos por crear unha compañía teatral, iso si, amateur, mais o que importa é a ilusión e as ganas que se están a poñer no proxecto.
Necesitamos algunha que outra axudiña, sobre todo no que respecta ao elenco de actores, dos que andamos algo escasas.

A obra é curtiña, unha adaptación da Comedia Bífida de Manuel Núñez Singala feita polo Grupo de Teatro 'Spasmo' do IES Santa Irene de Vigo e que nós readaptaremos ás nosas necesidades.

quarta-feira, 17 de março de 2010

AIRE NEGRO

Despois da primeira sesión do Coristranca de primeiro ciclo, na que os tres valentes alumnos de 2ºB manifestaron o seu gusto pola lectura de terror e misterio, decidimos continuarmos co tema.
Así que o seguinte libro será Aire negro, tamén de Agustín Fernández Paz. Gustándovos como vos gusta o tema, sei que non vos defraudará.

Vémonos o día 14 de abril para comentalo. Mentres, se queredes ir botándolle unha ollada á guía de lectura para pensar sobre os temas que queirades destacar, premede aquí.





E se alguén máis se quere unir...estamos desexosos de subir tripulación a este barco do terror....

quarta-feira, 10 de março de 2010

CAMBIO DE DATA PARA A SESIÓN DE PRIMEIRO CICLO


Como a algúns de vós non vos viña ben o día proposto, decidiuse adiar a sesión do Coristranca de primeiro ciclo para o próximo mércores 17 de marzo de 2010 ás 15:10 na Biblioteca.

sexta-feira, 5 de março de 2010

CRÓNICAS DA LONGA NOITE DE PEDRA

Moitos son os libros e as películas que se basean no ocorrido na Guerra Civil (1936-1939) e na posterior ditadura franquista (1939-1975).

A seguir, unha mostra coa que poderedes complementar a lectura de Agosto do 36:

* NOVELAS E RELATOS CURTOS:

- Que me queres, Amor? de Manuel Rivas.
- O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas.
- Arraianos de Xosé Luís Méndez Ferrín.
- Vento ferido de Carlos Casares.



* PELÍCULAS:


- A lingua das bolboretas de José Luis Cuerda.
- O lapis do carpinteiro de Antón Reixa.
-
Os xirasois cegos de José Luis Cuerda.
- O espiñazo do demo de Guillermo del Toro.
-
O labirinto do fauno de Guillermo del Toro.



Se coñeces algún libro ou algunha destas películas e/ou nos queres recomendar outros diferentes, non dubides e déixanolo en comentarios!

AGOSTO DO 36

Os fíos condutores da primeira sesión de lectura do segundo ciclo foron a comedia e a reflexión sobre a lingua na sociedade actual.

Para a segunda sesión de Coristranca imos dar un xiro total e propoñémosvos a lectura dun drama baseado na represión durante os días posteriores ao golpe de estado de 1936.
Agosto do 36 é o título desta desgarradora historia galardoada co Premio Xerais 1991, e o autor é Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931).


SESIÓN DO CLUB DE LECTURA - 1º CICLO


quinta-feira, 25 de fevereiro de 2010

terça-feira, 23 de fevereiro de 2010

"OITO DOAS PARA SAN SIMÓN"

O pasado 6 de xuño de 2009, con motivo da celebración do ditame dos XXVI Premios Xerais, tivo lugar na Illa de San Simón (Vigo) un acto cultural no que participou Agustín Fernández Paz.
O autor de Cartas de inverno pronunciou un discurso titulado "
Oito doas para San Simón", cualificado xa de histórico. A frase que podedes ver ao pé do cadro de Pablo Picasso que acompaña o Coristranca desde o seu comezo, foi sacada tamén deste texto de Agustín:

"As historias, os libros: eis o fío verdadeiro que nos une a todas as persoas do planeta"


Se non vos animades coa lectura das páxinas, podedes optar por verdes os vídeos do acto:



CARTAS DE INVERNO, O 'BEST-SELLER' GALEGO

Gustouvos o libro?
Sabemos que si. Por iso vos propoñemos varias actividades para que vaiades pensando que é o que máis vos chamou a atención del para terdes máis que comentar na sesión do Coristranca:

- Cal é a relación da trama cos petróglifos e cos castros?

- Que se di da Santa Compaña?

- Que clase de ser(es) habita(n) na casa indiana?


Picando no seguinte enlace tedes a Guía de Lectura da obra para que completedes a análise naqueles aspectos que máis vos interesaren.

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Un dos escritores máis prolíficos e máis recoñecidos da Literatura Galega é Agustín Fernández Paz, autor do libro escollido para inaugurarmos o Coristranca de primeiro ciclo: Cartas de inverno.
A novela é todo un fenómeno de masas en Galiza e no Estado español, cun volume de vendas de máis de 65.000 exemplares, o que a converte nun auténtico fito da Literatura Galega.
Reproducimos a seguir unha noticia publicada no xornal Galicia-Hoxe falando deste tema co propio Agustín:




Con máis de 65.000 exemplares vendidos e vinte edicións en galego, a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, estase a converter nun fito da industria editorial de Galicia, comparable polas súas cifras ao fenómeno de Manuel Rivas ou ao histórico Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. O propio Fernández Paz é o primeiro sorprendido polo esmagante éxito dunha obra que, en principio, non era das súas favoritas e que naceu "como unha sinxela homenaxe ás novelas de medo, en especial as de Lovecraft".

Pero Cartas de inverno non arrasa só en Galicia senón que se converteu nun auténtico supervendas a escala do estado. En castelán leva xa 12 edicións e 16 en catalán, lingua na que no último ano vendeu oito mil exemplares. Ningún outro libro lle proporcionou ao autor tantas satisfacións e aínda hoxe lle chegan cartas e correos electrónicos nos que os lectores lle amosan o seu entusiasmo coa obra. "O segredo", asegura Fernández Paz, "debe estar na estrutura, máis que no seu argumento. Cartas de inverno posúe unha forma moi meditada de bonecas rusas, unha dentro da outra, como se os protagonistas estivesen en estado angustioso".

Con todo, considera que a clave do éxito é "o enganche dos lectores", porque "todos os que comezan o libro non poden soltalo. Algo diso debe haber para que un mozo ou unha moza me escriban unha carta despois de lelo. Non é nada habitual".

Publicado inicialmente en 1995, o libro vén tendo unha media de dúas ou tres edicións por ano, sen perder en ningún momento o seu engado para os lectores. Fernández Paz cre que, neste sentido, se demostra que é unha novela intemporal, por riba do tempo cronolóxico no que foi escrita, 1994, cando non había correo electrónico, por exemplo. "O máis importante", engade, "é que o que se conta é inalterable por riba dos séculos e os secúlos, se o cambio de clima non lle pon fin: as persoas temos medo, un medo irracional que nos vai seguir acompñando como especie. Pode ser o medo ao mamut, o medo a unha pantasma ou a un virus mutante. Tanto ten: non nos separaremos deles".

Para o autor -o máis premiado do xénero infantil-xuvenil en Galicia e o rei das vendas a escala xeral-, outro dos méritos de Cartas de inverno é que pode lerse por adultos e gozalo igual. "A sorte que temos en Galicia", subliña, "é que os nosos editores, baixo o paraugas da Literatura infantil e xuvenil, publican unha literatura francamente interesante".

sábado, 20 de fevereiro de 2010

REPRESENTACIÓN DA COMEDIA BÍFIDA

Un anaquiño da representación desta divertidísima comedia, simplemente para animarvos a vela cando a representen por aquí pretiño outra vez, ou senón, para animarvos a representala vós mesm@s, que podería ser outra opción ben interesante.

EN GALEGO, POR QUE NON?

Dentro dunha campaña de normalización lingüística desenvolvida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, a obra de teatro Comedia Bífida representouse para alumnado de centros escolares de toda Galiza.
Á saída da representación, os e as asistentes eran agasallados cun exemplar do libro En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega, da autoría do propio Manuel Núñez Singala. Unha lectura amena e complementaria da Comedia Bífida que vos fará ver a realidade dun xeito diferente, con maior amplitude de miras.

Porque non todo é o que parece...

COMEDIA BÍFIDA

A primeira obra escollida para o alumnado de segundo ciclo que participa no Club Coristranca é Comedia Bífida, de Manuel Núñez Singala. É, como o propio nome indica, unha comedia disparatada que trata sobre os prexuízos contra a lingua galega que aínda existen na sociedade.
A sinopse da obra que aparece nos programas de man da súa representación di así:


Logo de caracterizar ao público, segundo vai entrando, como cadáveres, entra San Pedro e explica que están na sala de xuízos, agardando a que veñan o avogado defensor (San Xudas, patrón das causas perdidas, pero vén un Arcanxo -en realidade, un anxo en comisión de servizos-, substituto de San Antón, porque o Xefe confundiu o patrón das causas perdidas co patrón das cousas perdidas e San Antón está de baixa pois trabouno un can) e a acusación (que é Luci, en representación de Lucifer, unha muller de negro, provocadora, vulgar e sensual). Unha vez escollidos os membros do xurado entre o público, comeza o xuízo presidido por San Pedro.
Toca xulgar a deslealdade lingúística: os que non defenden o galego non merecen ser galegos. A primeira acusada en calidade de nai é Elpidia, que se fai chamar Diña: fala en castelán e quere que os seus dous fillos tamén o fagan, aínda que un verán tivo que pagarlle a pasantía a un deles que só suspendeu galego. O segundo, Eliseu, que fala sempre en galego aínda que pensa que non vale máis alá de Pedrafita, e na aldea todos empregan o galego menos o cura, polo que con el falan en castelán como poden. Logo, Lina e Lana, dúas siamesas, aínda que unha naceu na Coruña e outra en Vigo; son do Dépor e o Celta e parécelles o galego lingua de pailanes. Entra logo o empresario Pepe, acusado de deslealdade coa lingua pois aínda que di que é bilingüe e fala segundo lle pete fai un uso diglósico: coa secretaria que incompetente, que pretende como amante, en castelán, coa muller, en galego, coa directora do colexio privado, castelán, e coa profe da pasantía en galego, para despedila; pensa que xa que estamos na Unión Europea cumpría unificar todo para aforrar custes.
E cando o xuízo está visto para sentenza, entra un anxo dicindo que o xuízo non vale pois o público non está morto e en realidade son espectadores dunha (divertida) obra de teatro.

quinta-feira, 18 de fevereiro de 2010

BENVID@S A CORISTRANCA!


Comezamos hoxe a encher este blogue do Club de Lectura do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco.

Agardamos que as lecturas propostas sexan do voso agrado. Para ben e para mal teredes á vosa disposición esta ferramenta web, para facerdes críticas construtivas dos libros e para vos informardes sobre o seu ámbito de produción.

Agardamos os vosos comentarios.