Mostrar mensagens com a etiqueta Unha estrela no vento. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Unha estrela no vento. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 21 de fevereiro de 2018

AS DE 2º TAMÉN QUEDAMOS!

Esta semana non podía comezar mellor!




O equipo lector de 2º ESO descubriu un grande historia e unha magnífica escritora que desde xa vos recomendan non perder: Ledicia Costas e Unha estrela no vento.

E tanto gustamos que foi irresistíbel a tentación de continuar a saber da súa escrita, así que xa andamos entre as liñas interespaciais d´O corazón de Xúpiter.

Contaremos!!!!


quinta-feira, 8 de dezembro de 2016

DE QUEDADA LITERARIA

O club de lectura de 2º ESO inaugurou a súa tempada de quedadas literarias este mércores pola tarde. A novela de Ledicia Costas, Unha estrela no vento, foi o preámbulo para unha tertulia intensa após unha lectura que non deixou indiferente a ningún membro deste equipo lector.

En breve traerémosvos algunhas pistas de lectura para que ninguén perda os fíos intrigantes e sorprendentes desta magnífica novela.


segunda-feira, 14 de março de 2016

NOVO FALADOIRO LITERARIO

Hoxe celebramos o club de 2º ESO unha nova xornada de encontro para partillar as impresións ao redor da lectura Unha estrela no vento da Ledicia Costas, que, como acontece sempre, non deixou a ninguén impasíbel.



E xa unha nova lectura tomou o relevo para nos levar por Europa nunha viaxe de interrail: Europa Express, de Andrea Maceiras. Vémonos á volta!!!

domingo, 25 de janeiro de 2015

TOMAMOS A PALABRA

Algunhas das lectoras da sección do club de 2º ESO toman a palabra e escriben sobre a última lectura que fixeron, Unha estrela no vento, de Ledicia Costas.

Guiádevos por elas...

A min o que máis me gustou deste libro e o que máis me impresionou foi o personaxe de Abel. Encantoume cando na parte final lle di a Miguel, seu curmán, que se ía á pelexa que estaba convocada tería que coidalo e así non pelexaría. Esa parte foi preciosa, dadas as características tan peculiares de Abel. Creo que foi un dos mellores libros que lin.

Lucía Veiga Veres

Ledicia Costas no libro Unha estrela no vento fai que te metas de cheo na historia e que ao final sintas tristeza por Abel e incluso chegues a chorar.
Ten un final moi curioso, xa que case todos os libros che pintan a vida coma se fose de cor rosa cando o certo é quea vida ten momentos grises e o final pode ser malo.
Neste libro podemos ver algo que agora é moi común como é a falsidade dos amigos.
Gústame que Ledicia escribise o libro cando era nova porque é un punto de vista que eu podo compartir.
Un libro moi recomendable!
Lucía Olmedo Velo

 
A miña opinión sobre Unha estrela no vento é de 10!
É un libro fantástico xa que te introduces nel, na súa trama, como se che estivese a pasar a ti.
Foi unha lectura triste, emocionante, divertida e sinxela. Cada capítulo engánchaba máis e máis.
É un libro fabuloso!
María Rodríguez Fernández


A min pareceume unha historia moi entretida. Parece real!
Enganchoume moito, encantoume. Mais gustaríame que houbese un segundo libro onde Reina e Miguel casaran e tiveran un fillo ao que lle chamaran Abel en recordo do seu primo falecido.
O Bruto é un dos peores personaxes do libro, xunto co pai de Miguel. O Maqui é, en palabras non moi afinadas, un "cabrón", por non lle chamar outras cousas.
Xoan é un moi bo amigo, xunto con Martiño e Bernabé, que me parece un excelente barman; Reina é perfecta, unha moza moi agradable que, queda claro, non ter por que ser mala persoa polo feito de ser xitana.
Á fin, este libro pareceume máis que marabilloso!

PD: A profesora de literatura era unha augafestas e tiña un certo parecido con María :-)

Julián Fuentes Cancela

sexta-feira, 16 de janeiro de 2015

TERTULIANEANDO

Este xoves estreamos o ciclo de tertulianos deste ano novo.

A novela que nos convocou foi aplaudidísima: Unha estrela no vento, de Ledicia Costas. E moito nos deu para falar, tanto que había que pedir a palabra...



... para escoitar con moooooooita atención tantas emocións como esta lectura fixo acordar en nós...



... mais tamén cantas ocorrencias quedan en segredo connosco e que non imos desvelar...


Rematamos coa lectura dunha entrevista que o curso pasado lle fixeran á autora outros compañeiros do club de lectura e descubrimos todo o que non imaxinabamos que está detrás da escrita desta novela tan impactante.



Non deixedes de procurala por vós mesmas neste noso blog, xa que está accesíbel a todas vós!!!

quinta-feira, 23 de maio de 2013

LEMBRANZA GRÁFICA DO ENCONTRO CON LEDICIA COSTAS E FRANCISCO CASTRO

Velaquí a testemuña gráfica que nos axudará a lembrar unha xornada de sorpresa e descuberta. Detrás da escrita dun libro que emociona sempre hai unha persoa observadora que ten moito que nos contar.

Grazas Ledicia e Francisco, polas vosas palabras!


terça-feira, 14 de maio de 2013

TERTULIAS LITERARIAS MOI NOVIDOSAS

Hoxe, no club de lectura de 2º, mantivemos unha dobre tertulia literaria ben novidosa.



Iniciamos a mañá desprazando as aulas rutineiras á Casa Galega da Cultura de Vigo para nos encontrarmos alí con Francisco Castro e Ledicia Costas, convertidos nos nosos escritores acompañantes dos últimos meses.



É hora da reflexión. Que palabras expresarían o que esta experiencia significou para vós?

sábado, 16 de março de 2013

PREMIO PARA LEDICIA COSTAS

Onte, venres 15 de marzo, a autora d´Unha estrela no vento, Ledicia Costas, recibiu o premio ao mellor libro infantil e xuvenil que anualmente concede a Asociación Galega de Editores polo seu novo libro O corazón de Xúpiter.

Ledicia Costas xunto aos demais gañadores


Desde Coristranca enviámoslle un saúdo inzadiño de parabéns e agradecémoslle novamente os momentos que nos fixo pasar coa lectura d´Unha estrela no vento e coa magnífica tertulia que nos proporcionou recentemente.

Agora estabamos a piques de comezar O corazón de Xúpiter, así que nos alegramos moito desta nova.

Parabéns, Ledicia!

quarta-feira, 13 de março de 2013

NOVA TERTULIA LITERARIA


A familia "Coristranca" non para de medrar, así que a tertulia de mañá XOVES 14 DE MARZO vai dar aínda moito máis que falar...

Fomos sabendo polas aulas e polos corredores o moito que gustou no club de 2º ESO a novela Unha estrela no vento de Ledicia Costas. Incluso xa hai quen pide que o próximo libro sexa como este. Mais, como vai ser iso posíbel? Cada libro abre un mundo novo diferente, non si?

Mañá será un gran día para esta agardada tertulia. Vémonos!

domingo, 13 de janeiro de 2013


Na sección do club de lectura de 3º e 4º estivemos a ler Unha estrela no vento, de Ledicia Costas, quen tamén nos respondeu por correo electrónico algunhas preguntas que nos quedaban no aire e que partillamos convosco neste blog.

Presentámosvos agora esta entrevista realizada polo alumnado lector de Ledicia Costas do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Como veredes, falarán sobre Unha estrela no vento e mais sobre a súa útima novela, O corazón de Xúpiter.

Non vola perdades!!!

quarta-feira, 26 de dezembro de 2012

FALADOIRO COA ESCRITORA LEDICIA COSTAS

 Logo da nosa tertulia na biblioteca do pasado luns, confirmamos que queriamos coñecer máis a fondo a Ledicia Costas e o proceso de escrita da súa obra Unha estrela no vento.

E quen mellor ca ela para nos responder? Pois velaquí a entrevista que lle fixemos por correo electrónico e que tan amabelmente nos respondeu ben axiña.

Grazas, Ledicia, polas palabras xenerosas!



ENTREVISTA A LEDICIA COSTAS


1.Unha estrela no vento foi publicada por primeira vez en 2000. Doce anos despois e tras dez edicións que a converten nun auténtico bestseller, escribirías esta novela do mesmo xeito ou mudarías algo na redacción?

Penso que cada texto pertence a un tempo concreto. Eu xa non escribo igual que entón. Hoxe plantexaría o libro doutro xeito, mudaría moitas cousas. Pero o libro xa non sería o mesmo. Así que alégrome de telo escrito daquela! 



2. Segundo ti, cal é o segredo deste libro?


O libro nace dunha serie de feitos que condicionaron a miña adolescencia. Hai moito de ficción, si. Pero a atmosfera que latexa no libro é a que eu respiraba cada día. Chegaba á casa do instituto e me poñía a escribir. Talvez por iso o libro funciona, porque está escrito por unha adolescente.


3. Agustín Fernández Paz di que se escribe cos fíos da vida. Ti, en que te baseaches?


Eu non son quen de dicilo dun xeito tan fermoso coma Agustín, pero si, por suposto que se escribe cos fíos da vida. Unha estrela no vento nace das vivencias no instituto de bacharelato no que estudei. O punto de inflexión para empezar a novela foi unha malleira que lle deron a un compañeiro. Partíronlle unha botella na cabeza. As pelexas estaban á orde do día e o alcohol e outras drogas tiñan moito que ver en todo aquilo. Todas esas cousas, os fíos da vida como diría Agustín, fixeron que o libro fose medrando pouco a pouco.


4. Como naceu o título? Ao final da escrita da novela ou xa o tiñas pensado antes?


Os títulos danme moito traballo. Sempre os deixo para o final. Adoito poñerlles aos libros títulos provisionais ata que remato o orixinal e xa non queda outra que chamarlle dalgún xeito.


5. Actuarías como Miguel, aceptando facer os deberes e estudar, ao decatáreste de que, en realidade, aquela profesora que semellaba un ogro estaba a se preocupar por ti?


Sen dúbida. Cando che tenden unha man, hai que saber responder.


6. Que te levou a encabezar os capítulos con letras de cancións de grupos musicais? Por que eses grupos?


Parecíame un xeito de ambientar a historia, de poñerlle banda sonora. A música é moi importante na vida dunha persoa, pero creo que durante a adolescencia esa pulsión é especialmente intensa. As cancións que aparecen no libro eran as mesmas que eu escoitaba naquel tempo.


7. Por que optaches por un final tan radical?


Na época en que escribín a novela as pelexas de bandas eran en Vigo unha especie de febre. Nunha desas pelexas, morreu un rapaz acoitelado no medio da rúa. Imaxino que ese feito condicionou o final da historia. Outra vez os fíos da vida xogando o seu papel…





8. Recentemente, acabas de publicar unha novela - O corazón de Xúpiter- e un poemario -Xardín de inverno- Sénteste igual de cómoda nos dous xéneros?


Creo que na escrita son algo cíclica. Hai épocas nas que só escribo poesía porque é coma se todo o que me rodease me fose levando a iso. E hai outras épocas nas que quero meterme nunha historia e tratar de sacarlle todo o partido, vivir cos personaxes. Levo xa moitos meses implicada en varios proxectos narrativos, así que creo que pronto volverei mudar de ciclo!


9. Pereledi é un acrónimo que nace dos nomes de dous escritores, Pere Tobaruela e Ledicia Costas e que están publicando literatura escrita a catro mans. Como se vive e se organiza esta experiencia de escribir a catro mans?


Dúas cabezas pensan máis que unha. Pola mesma regra, catro mans escriben máis que dúas. Así que é cuestión de dividir traballo e xuntar esforzos. E discutir. Discutir moito, no bo sentido do termo.


10. Que representa o oficio de escribir na túa vida?


Escribir é unha escolla. Eu non podo concibir a vida sen literatura. Faltaríame o aire. Levo escribindo desde sempre, desde que teño uso de razón. Cando hai unha época na que por algún motivo non me dá o tempo para escribir, síntome rara. Coma se estivese chovendo e non levase paraugas, ou coma se eu andase por aí sen abrigo nun día de 3 graos. Á intemperie. Supoño que a escrita é o meu acubillo. O lugar onde son realmente eu.