terça-feira, 26 de maio de 2015

O ENCONTRO MÁIS AGARDADO


Por fin chegou o encontro máis agardado para o noso club de lectura. 

Mágoa que non puidésemos desprazarnos todos os membros do club a Vigo, á sede da Fundación Penzol, para coñecermos a Agustín Fernández Paz. Ficará, pois, na lembranza do alumnado de 3º e 4º de ESO.

Case parecía que o coñeciamos despois de tantas e tantas lecturas, despois dunha demorada e completa entrevista radiofónica no noso programa "A Fume de Carozo", mais faltaba este encontro presencial para nos desenredar as "intimidades" da súa escrita.

Seguro que nin imaxinades de onde nace o "chispazo" das súas obras: dun anuncio publicitario das páxinas dun xornal, dunha fotografía tamaño carné tirada na rúa, das súas inquietudes pola física e pola astronomía...

Canto nos prestou este deslocamento a Vigo desde Coristanco. Grazas, moitas grazas Agustín, por acudires ao noso chamado.




Seguímonos encontrando na lectura da túa nova novela recentemente publicada e que trouxemos como delicado agasallo teu,  ben característico da túa xenerosidade.









quarta-feira, 13 de maio de 2015

TERTULIANDO!!!



A sección máis buligueira do club de lectura, as lectoras e lectores máis grandes de 1º de ESO, reuníronse este mes de maio para celebraren conxuntamente a lectura d´O neno can de Fina Casalderrey e Francisco Castro.

Deixamos por aquí un enlace para que vos poidades achegar ao curioso proceso de escrita a catro mans deste libro de relatos de que tanto gustamos, malia a tristeza que deixou en nós a súa lectura. Porque, quen quere ao seu redor un mundo inxusto e desigual para os nenos e as nenas do mundo?