Ao longo deste curso seguimos coas nosas lecturas a evolución no exercicio da escrita de Ledicia Costas.
Primeiro descubrimos con emoción a súa novela Unha estrela no vento...
Prendados da súa sensibilidade, deixámonos sorprender por outros escenarios, personaxes e temáticas actuais ben diferentes en O corazón de Xúpiter...
Foron moitos os interrogantes e reflexións que xurdiron a raíz destas lecturas. Algunhas delas transmitímosllas á propia autora por correo electrónico e amabelmente non dubidou en respondernos ben axiña.
O noso agradecemento pola súa atención mentres estamos á espera da súa próxima visita ao noso centro.
ENTREVISTA
1.
De onde naceu a idea de traballar a temática que desenvolves en
Recinto Gris?
A
idea naceu nunha época na que eu estaba a documentarme para a
escrita dun libro de relatos arredor da Segunda Guerra Mundial.
Afondei no tema dos totalitarismos e, máis en concreto, do ascenso
do nacionalsocialismo en Alemaña e nas súas repercusións.
Decateime entón de que nos plans de estudos non se abordaba
prActicamente este tema. Fun máis alá e percibín que existía un
enorme baleiro académico no que se refire aos holocaustos. Entón
díxenme: se nos centros de ensino non se estudan os xenocidios,
temos un problema. E decidín abordar o tema nunha obra, para que
puidese ser tratado nas aulas, aínda que sexa de xeito transversal.
2.
Entendemos que a protagonista Nube representa o perfil dunha nena
autista. É así? Por que esta escolla?
O que padece Nube exactamente é Síndrome de Asperger. Escollín este trastorno porque na sociedade existen moitas persoas que conviven con este problema, tanto nenos e
nenas coma persoas adultas. Quixen poñer de manifesto algunhas das
dificultades coas que se atopan os Asperger na súa vida diaria
(dificultade á hora de interaccionar socialmente, problemas de
comunicación…), así como a súa excelencia intelectual. Quixen
desmitificar a imaxe que se ten das persoas que padecen este tipo de
trastornos incidindo nas problemáticas do día a día.
3.
O avó de Nube é inventor e o teu avó tamén. Quixeches facerlle
unha homenaxe?
Si,
de algún xeito o avó de Nube é o meu avó. Aínda que o carácter
de ambos é ben distinto, os dous teñen moitísimas cousas en común:
a chaqueta de la coas pegatinas dos kiwis, a máquina para frixir
gatos, a obsesión polo coche e a manía de poñerlle unha estufa no
inverno para que non pasase frío, a habilidade para fabricar
aparellos de radio… todas esas características do avó de Nube
están sacadas do meu avó, que era un home ben singular.
4.
Con que personaxe de Recinto Gris te identificas máis?
Coido que con
Mun. É o meu personaxe favorito. Del valoro a súa honestidade, a
súa valentía, a súa capacidade para amar sen concesións… ten
todas aquelas virtudes que eu máis valoro nas persoas.
5. Que personaxe che gustou menos ou custou máis traballo crear?
Se son
sincera, saíron todos de xeito espontáneo. Moitos deles, como
Carraña ou o Home do Transistor están sacados da vida real. En
concreto, eles están inspirados en dous pobres de pedir aos que é
habitual velos nas rúas céntricas de Vigo. Tan só tiven que
observalos e inventarlles unha historia. Resúltame bastante sinxelo
crear o tipo de personaxes que aparecen en Recinto
Gris,
saen case case de xeito natural.
6.
Por que o exército son persoas con cabeza de lobo e non doutro
animal?
Porque os lobos son depredadores, o seu aspecto é moi fero e
infunden medo. Valorei a posibilidade de que fose outro animal, pero
non producía o efecto tan contundente que producen os lobos. A imaxe
dun home con cabeza de lobo é rotunda. Ou, polo menos, a min
pareceumo mentres escribía a novela.
7. Como te sentiches unha vez rematada a escrita desta novela?
Sentín
que escribira exactamente o que quería: unha distopía que integra
elementos do realismo máxico, na que se achega ao lectorado un tema
para min imprescindible, como é o holocausto e o funcionamento dos
sistemas totalitaristas. E máis aínda, nestes momentos en que a
ultradereita ascendeu en Europa de xeito tan preocupante. A única
posibilidade de non cometer os mesmos erros no futuro, é coñecer os
erros que se cometeron no pasado. Necesitamos rapazas e rapaces con
capacidade crítica e con vontade de cambio.