sexta-feira, 29 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Nesta ocasión, o Cuestionario Proust descubriranos o perfil máis humano dunha escritora centrada no xénero ensaístico.

A súa produción literaria confirma que, para alén da análise de tipo lingüístico, sociolingüístico e literario en xeral, nesta altura xa se ten convertido nunha das principais especialistas no estudo e investigación renovadora ao redor da figura e da obra de Rosalía de Castro.

Leamos xa as respostas da profesora da UDC María Pilar García Negro.

quarta-feira, 27 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: XAVIER ALCALÁ

Tócalle agora a quenda de respostas deste cuestionario que se vai facendo famoso entre nós a Xavier Alcalá, un dos narradores referenciais desde a década dos 70.

Aproveitemos a ocasión para descubrirmos como e por que comezou a escribir...


segunda-feira, 25 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: FINA CASALDERREY

Hoxe imos coñecer neste novo cuestionario o trasfondo máis humano dunha das escritoras máis representativas da literatura infantil e xuvenil, recoñecida en 1995 co Premio Nacional do Ministerio de Educación pola súa obra  O misterio dos fillos de lúa.

Como ben lembraredes, o pasado venres Fina Casalderrey lía no Teatro Principal de Pontevedra o seu discurso de entrada na Real Academia Galega. 

Con ela, a literatura infantil e xuvenil galega entra por primeira vez nesta institución. 

Con ela, agora son cinco as mulleres que fan parte do seu plenario.

Parabéns polo teu traballo, Fina!

sábado, 23 de novembro de 2013

UNHA RESEÑA PARA FUTURO IMPERFECTO

Futuro Imperfecto é unha historia autobiográfica da escritora ourensá Xulia Alonso. Neste libro, a autora ten que enfrentarse a unha serie de dificultades persoais que fixeron que a súa vida cambiase totalmente. A droga, a aparición e, sobre todo, a experiencia do VIH serían as dúas razóns principais de toda a historia que desenvolve neste libro.

Todo xira en torno á época dos 80, cando unha relativa paz acaba de instaurarse e a liberdade é o principal obxectivo do sector adolescente, sen ter en conta todos os perigos aos que se verían sometidos.

Xulia é unha estudante de 17 anos que muda a Santiago. Ela tan só busca nesa nova cidade unha nova vida, sen saber que os novos mundos que descubriría tan só lle quitarían o que estaba procurando atopar: a liberdade.

Grazas á súa nova vida, atopouse con Nico, o home que faría que a súa vida cambiase de rumbo. Xuntos loitaron contra as novidades que aparecían naquela década, e xuntos pasaron os últimos momentos da vida del. Tras unha serie de dificultades tentando atopar a saída do que parecía ser un inferno causado polas drogas, conseguiron estabilizar a súa vida, ata que, a nova do seu embarazo fixo saltar as alarmas e a vida volveu parecer unha serie de pezas dun crebacabezas desordenado.

Finalmente, a vida de Nico, o seu compañeiro, quedou condicionada e limitada polo VIH. 

Neste libro, Xulia explica, con moita carga sentimental e dor, todas as súas experiencias durante estas duras décadas e todo o seu apoio, atención e cariño dirixido ao seu compañeiro ata os últimos días da súa vida.

Con este libro, as sensacións son completamente perceptibles. Deixa todos os secretos da súa vida ao descuberto, e case parece unha historia totalmente ficticia, debido a todos os acontecementos tan duros que ocorren na súa vida.


Judith Martínez (4ºESO)

CUESTIONARIO PROUST: BEGOÑA CAAMAÑO



Unha nova personalidade da escrita nos descobre este cuestionario que estamos a seguir. 

Nesta ocasión trátase da escritora Begoña Caamaño, unha das voces narrativas máis novidosas destes tempos máis recentes a partir de dous títulos referenciais e multirrecoñecidos: Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul.







sexta-feira, 22 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: VÍCTOR F. FREIXANES

Hoxe fomos contrastando na aula de 4º a dificultade que entraña un cuestionario tan aparentemente simple como este cando temos que definirnos. 

Mais imos continuar as pistas sobre quen é quen no marco literario galego contemporáneo.  



Velaquí unha nova entrega autobiográfica en palabras de Víctor F. Freixanes, escritor e director actual da Editorial Galaxia da que tanto habemos falar ao longo do segundo trimestre nas aulas de 4º.

BOA NOVA!



 Hoxe, venres 22 de novembro, ás 19 horas, a escritora que tan ben coñecemos e temos sentido próxima coas súas lecturas e incluso con algunha visita ao centro en cursos anteriores, Fina Casalderrey, lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

Autora de moi prolífica obra literaria, especializada no difícil e esixente público infantil e xuvenil, ten no seu haber premios nacionais e internacionais, así como distincións de gran recoñecemento.

O alumnado de 2º lerá a súa obra A pomba e o degolado no vindeiro trimestre.

E vós que lecturas recomendariades de Fina Casalderrey?

Día feliz para ela e para todas as persoas que amamos a literatura. 


PARABÉNS, FINA!


quinta-feira, 21 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: DARÍO XOHAN CABANA


Un novo cuestionario Proust ofrécenos a bitácora Caderno da crítica para nos achegar ao escritor Darío Xohan Cabana.

Clicando no seu propio nome, poderemos descubrir na súa voz a resposta á pregunta: Por que empecei a escribir?


quarta-feira, 20 de novembro de 2013

PRIMEIRAS IMAXES TERTULIANAS

Iniciamos a rolda de tertulias despois de lle dedicar á lectura individual estas semanas de principios de curso.

Xa nos tardaba, mais chegou e foi unha tarde estupenda grazas á historia que Xulia Alonso nos conta na súa novela, de ascendencia autobiográfica, Futuro imperfecto.


Moito pensamos antes de arrancar a falar... Sempre nos pasa... Primeiro cumpría presentar as novas incorporacións: Judith, Lucía e Cintia no equipo das alumnas e Mabel no de profesoras, máis concretamente a orientadora de profas e alumnas... Verónica, Katiana, Carme e Mercedes démoslles a benvida!


Que atentas Judith, Lucía e Katiana!!!!! Quen andaría a falar? Que contaría?


Chegamos á conclusión de que a realidade case sempre supera a ficción, aínda que nos pilla moitas veces tan de lonxe, felizmente, que non o podemos nin imaxinar.


Expresións que falan por si propias...


Canta información vivida moi ao vivo e desde a experiencia profesional nos transmitiu Mabel sobre consumo de drogas na actualidade e consecuencias...


As do sofá laranxa da esquerda moi ben pasaron... mais empezamos a botar en falta alguén nas fotos...

 
Temos probas: a lectura provoca risa...

Por certo, onde nos quedou Pilar, a profa de música? Ah! Foi a nosa master en fotografía... para a próxima non se libra do retrato!!!!

terça-feira, 19 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST ...

... para irmos descubrindo quen é quen dentro do panorama da escrita literaria actual.

Desde a recoñecida bitácora Caderno da crítica, dirixida polo crítico literario Ramón Nicolás, iranse ofrecendo as respostas persoais que escritores e escritoras galegas de hoxe van achegando. Imos seguila para achegarnos aos pensamentos e emocións máis íntimas que elas e eles recoñecen.

Mª Xosé Queizán

Velaquí xa a primeira entrega do Cuestionario Proust, inaugurada coa escritora Mª Xosé Queizán.

segunda-feira, 11 de novembro de 2013

BOOKTRAILER DE CARTAS DE INVERNO


Publicado en e despois de 30 edicións, a novela de Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno, volve á actualidade de dous xeitos diferentes.

Por unha banda, a nova versión de Antonio Seijas en formato de novela gráfica.



Pola outra, a través deste booktrailer ben suxestivo do suspense e o medo que entraña esta historia.


Ollo coa lectura, porque o medo é libre!!!

quinta-feira, 7 de novembro de 2013

INAUGURAMOS AS NOSAS TERTULIAS LITERARIAS

Despois destas primeiras semanas de comezo de curso tamén dedicado á lectura, imos estrear a nova tempada tertuliana.

Nesta primeira ocasión será a novela Futuro imperfecto quen nos convoque na tarde do vindeiro MARTES 12 DE NOVEMBRO na nosa biblioteca.


 Neste momento a autora non nos poderá acompañar, mais seguro que nos visitará un pouquiño máis adiante. Mentres, ímola ir coñecendo destoutro xeito...


As sensacións lectoras foron moi boas, mais gardade algo para contar ese día...

domingo, 3 de novembro de 2013

DE VIAXE AO SANTO ANDRÉS DE TEIXIDO


Santo Andrés de Teixido é un lugar emblemático na cultura oral galega moi vinculado á morte.

Quen nos podería contar que é o que di a lenda?

sexta-feira, 1 de novembro de 2013

NOITE DE SAMAÍN, DÍA DE DEFUNTOS...

Nestes tempos de medo e de morte escoitemos unha historia de suspense que nos presenta e le o escritor Agustín Fernández Paz.