sexta-feira, 5 de julho de 2019

ADEUS!

E até aquí chegamos este curso na compaña do club de lectura.

Remata o curso e pechamos un tempo de andaina lectora común.

Cada libro é unha viaxe e cada viaxe deixa pegada.

Esta viaxe chega a unha primeira parada após 9 cursos de camiño conxunto entre profesorado, alumnado, familias e exmembros que nunca deixaron de estar connosco entre liñas.

Mais esta viaxe comezará en setembro con nova tripulación.

A min tócame despedirme agradecendo toda a colaboración prestada a quen fixo posíbel que o club de lectura fose un corazón e un cerebro a pleno rendemento emocional e sensitivo, capaz de facer medrar no noso centro a comunidade sentipensante que fomos construíndo, man a man, palabra a palabra.

Gratitude inmensa e os mellores desexos para a nova travesía.

Bo verán acompañado de boas lecturas!
 
 

DÍAS DE DESPEDIDA

Chegamos á meta e chegamos á festa de despedida do club de lectura para este curso.

Que ben o pasamos!!!!






domingo, 23 de junho de 2019

INTERCAMBIO CO IES OTERO PEDRAYO DA CORUÑA

Gratitude inmensa, máis un ano, aos compañeiros e compañeiras do IES Otero Pedrayo da Coruña pola súa colaboración para dar continuidade ao convivio, primeiro epistolar e logo presencial, un novo curso.
Foi un pracer partillar convosco unha xornada intensa, máxica e lúdica!




domingo, 2 de junho de 2019

PECHANDO TERTULIAS



Desta volta chegou a quenda tertuliana do club de lectura de 1º e 2º de ESO que compartiron impresións sobre A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, e Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz, respectivamente.



Absolutamente encantadas con estas dúas propostas lectoras que moito vos recomendamos, pechamos a nosa xeira de palabras en convivio para este curso.

Até a próxima parada lectora!

CORISTRANCA DE NOVO NAS ONDAS




O pasado 14 de maio o noso club, representado desta volta polas compañeiras Lucía e María, de 3º ESO, participou na emisión dun novo programa "A fume de carozo".



Foi un pracer participar deste seu primeiro traballo de guionización e locución dun intenso programa ao vivo durante unha hora.

Un programazo do que non imos adiantar contidos. Iso si, convidámosvos a que, se o perdestes ou queredes volver saborear o seu magnífico menú, mergulledes desde este enlace na frescura da súa conversa crítica e contrastada.

TERTULIA DX


Abrimos mes de abril convocándonos o encontro e a tertulia coa autora da nosa distópica lectura: DX, de Eli Ríos.

Con certeza unha lectura ben diferente para o equipo do club de 3º e 4º ESO e unha conversa absolutamente novidosa e, por veces, mesmo desconcertante, onde as respostas se converteron en novas preguntas.

Moitas grazas por vires, Eli!

segunda-feira, 25 de março de 2019

NOVA TERTULIA LITERARIA


O pasado luns 18 de marzo o club de lectura de 2º ESO volvemos encontrarnos nunha nova tertulia para pór en común as impresións viaxeiras en clave de suspense que nos transmitiu a obra Europa Express de Andrea Maceiras.




quinta-feira, 28 de fevereiro de 2019

CORISTRANCA VOLVE Á RADIO CUAC FM

Retomamos a nosa xeira radiofónica!


Se non nos puidestes escoitar ao vivo ou queredes volver compartir os bos momentos que pasamos este martes 26 de febreiro, mesmo malia algunha sorpresa!!!, velaquí vos deixamos o enlace de novo ao programa número 266 de "A fume de carozo".
Reiteramos a nosa gratitude ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e a Roberto Catoira, o técnico, que sempre nos facilitan
Parabéns  ás locutoras Victoria Porteiro Bértoa, Rebeca Martínez Pena, Sara Álvarez Vilanova e Laura Gómez Velo!

domingo, 17 de fevereiro de 2019

TERTULIAS DE INVERNO


Transitamos o frío do inverno cunha lectura que nos achegou caloriña e conversa.

Mais nesta ocasión as páxinas do libro O neno inverno tamén nos abriron a páxina da sorpresa e do encontro coa autora que soñou e escribiu esta historia da que tanto gustamos.




Graciñas pola túa visita, María Canosa. Foi un luxo terte entre nós!

quarta-feira, 30 de janeiro de 2019

DE PASADO A FUTURO IMPERFECTO

Hoxe na tertulia as palabras custaron máis en saír porque as emocións asumiron todo o protagonismo. 

Cadaquén fica xa coa súa lectura impresa na pel, mais a opinión común é que foi unha lectura necesaria, das que marcan a fondo, como as vidas...

Grazas a Xulia Alonso, pola súa loita!