terça-feira, 31 de janeiro de 2017

DE TERTULIA

Este martes mantivemos un novo encontro tertuliano coa sección do club de 4º. 

A lectura de Futuro imperfecto, asinado por Xulia Alonso, deixou unha forte pegada en todo o equipo lector e moito o recomendamos. En breve, deixaremos por aquí algunhas pistas...

Desde aquí queremos darlle a benvida ao noso tempo e espazo de conversa presencial a Esperanza, unha nai que, desde comezo de curso, nos acompaña a profesoras e alumnado como lectora fantástica nesta singradura que nunca nos decepciona.

Viva Coristranca!


quinta-feira, 26 de janeiro de 2017

OS TÍTULOS MÁIS LIDOS NOS CLUBS DE LECTURA O CURSO PASADO

Xa temos dispoñíbel a relación das lecturas favoritas nos clubs de lectura galegos do curso pasado. 

Moito nos soan algúns títulos, non si?

Seguimos tomando nota daqueles títulos que aínda non descubrimos.


sexta-feira, 13 de janeiro de 2017

TERTULIANEANDO


Esta semana estamos imparábeis e non podía faltar no noso plan de acción unha nova tertulia.

Nesta casión foi a sección do club de 2º ESO quen se reuniu na tarde do mércores para comentar e partillar impresións sobre a lectura d´O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas.

Deixámosvos algunhas impresións recollidas polo equipo -Victoria, Kevin, María, Laura, Raúl e Rubén- para que non deixedes escapar unha lectura tan intensa como é esta.

O corazón de Xúpiter pareceunos moi interesante porque a historia que narra Ledicia Costas serve para aprender a usar internet e as redes sociais de forma adecuada. O libro ensina a non confiar nas persoas estrañas, descoñecidas, e a facerlle caso ás persoas que máis te queren e coñecen.

Recomendámoslle este libro a todo o mundo porque esa advertencia dos perigos da rede é importante para todos.






Adiviñades cal é a nosa  próxima lectura escollida?

quarta-feira, 11 de janeiro de 2017

CORISTRANCA, A FUME DE CAROZO



O prometido é débeda e nós sempre cumprimos, así que aquí vos deixamos o enlace ao noso primeiro programa radiofónico, grazas á xentileza de Radio Cuac FM e mais do ENDL do Colexio Calasanz (PP Escolapios) da Coruña, representado polo sempre eficaz técnico Roberto Catoira.


Agardamos que gustedes de todos os contidos que vos preparamos con moita ilusión Carla, Uxía, Laura e María, membros do club de lectura de 3ºESO.

Nós xa andamos a preparar o guión do seguinte programa. Escoitarémonos o 21 de febreiro!!!

terça-feira, 10 de janeiro de 2017

REINICIAMOS LECTURA NAS ONDAS

Esta tarde fría de xaneiro reiniciamos unha das experiencias vinculadas á lectura que tanto nos presta: lanzar as nosas voces ao ar a través da maxia de Radio Cuac FM.

En breve ofreceremos o acceso dixital á gravación de Carla, Uxía, Laura e María para quen non nos puidestes escoitar en rigoroso directo.


Atención ás súas pantallas e emisora on line se queredes saber máis de Manuel María e Asunción Antelo ou se queredes escoitar a fantástica conversa que mantivemos coa escritora María Reimóndez, autora de tres novelas que nos últimos tempos foron moi do noso agrado: Usha, Volvo! O regreso de Usha e A dúbida.

sábado, 7 de janeiro de 2017

VERSOS PARA MANUEL MARÍA

Descubrir os fíos da vida e da obra de Manuel María a través da maxia de Martín Camiña e do músico Álvaro Muras abriu a clausura dun ano dedicado ao poeta o luns 19 de decembro.

Unha visita á Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei, unha ofrenda poético-floral no cemiterio que acolle o poeta e unha visita a algúns espazos naturais admirados polo noso autor nos seus versos, como o Castro de Viladonga ou as Penas de Rodas, serviron para lle pór o ramo a este intenso Ano Manuel María o martes 20 de decembro.

A inmensa obra literaria de Manuel María é o mellor legado para nos achegar a el en calquera momento. A súa obra será sempre a nosa próxima parada!