sábado, 25 de fevereiro de 2017

CHEGA UNHA NOVA EDICIÓN BOOKTUBER

Bianca, María, Patricia e Lucía ofrécennos unha nova entrega da nosa serie booktuber como peche da lectura desta novela que tanto prendeu nelas, como en todo o noso club de lectura.

Con todas vós, Futuro imperfecto de Xulia Alonso.


sexta-feira, 24 de fevereiro de 2017

CORISTRANCA VOLVE A RADIO CUAC FM

Este martes 21 de febreiro o equipo de radio da sección do club de lectura de 3º ESO volveu vibrar nas ondas na emisora de Radio CUAC FM.



Moit@s de vós escoitastes o resultado do seu traballo de guionización ao vivo, entre as 17 e as 18 horas, mais imos deixarvos aquí o enlace para a súa escoita on line para que non perdades ningún dos interesantes contidos que neste programa descubrimos.



Que queredes algunha pista? Pois... por exemplo unha magnífica e completa entrevista ao escritor Francisco Castro, un saúdo de presentación á nova académica, a escritora Marilar Aleixandre, unha lembranza da xornada do venres 24 de febreiro, identificado como Día de Rosalía, neste seu 180 aniversario e unha sorpresa musical inesperada a cargo das propias locutoras, Carla e María...

A vosa curiosidade xa non agarda máis, non si?

Entrade xa no enlace aquí agochado!!!

quinta-feira, 23 de fevereiro de 2017

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA


CARTAS DE INVERNO



Con estas caras de satisfacción comentamos esta nova lectura de Agustín Fernández Paz na sección do club de lectura de 2º.

As súas Cartas de inverno serviron para nos intrigaren ou incluso para pórnos medo pola noite.

E despois da tertulia e de moito pensar e repensar para decidir cal sería o próximo título, por primeira vez, a falta de un, escollemos dous que xa agora vos adiantamos vos se queredes ir lendo á par nosa: A casa do medo, de Agustín Fernández Paz e A illa de todas as illas, de Xabier P. Docampo.

Xa vos contaremos que dá de si esta nova experiencia lectora compartida...

sábado, 18 de fevereiro de 2017

ENCONTRO CON XULIA ALONSO


A sección do club de 4ºESO celebramos o 14 de febreiro dun xeito especial e inolvidábel.

A visita de Xulia Alonso, autora de Futuro imperfecto, ampliou o horizonte das nosas lecturas e da nosa tertulia previa para coñecer os tempos, a secuencia do proceso da súa escrita e a experiencia vivida após a publicación.


E Esperanza agasallounos cunha sorpresa que non esqueceremos nunca e coa que moito imos campar todo o equipo.



Agradecidas ás dúas por unha tarde compartida xa para sempre!



terça-feira, 14 de fevereiro de 2017

DA PALABRA Á IMAXE



Moitas veces tivemos nas mans libros ilustrados onde imaxe e texto conviven, retrátanse e compleméntanse.

Mais nunca falamos de como se chega a producir ese encontro. Como se debuxan as emocións? Como se representan os conceptos abstractos? E os lugares e tempos descoñecidos? Como se lle dá forma ao pasado ou ao futuro?



Algunhas respostas obtivémolas no encontro celebrado este venres no Kiosco Alfonso da Coruña con Xosé Cobas e Xabier P. Docampo.



Va que foi unha experiencia única?

quinta-feira, 9 de fevereiro de 2017

DE TERTULIA EN TERTULIA


Este luns ampliamos a xornada escolar para a nosa puntual tertulia literaria coa sección do club de lectura de 1º ESO.

A lectura que nos convocou foi Engurras e moito prestou este texto diferente no seu formato, banda deseñada, e na temática, a doenza do alzheimer nos nosos maiores.

Lectura recomendadísima polo noso club tal e como vos comentan por aquí.



Pareceume moi triste, pero ao mesmo tempo algunhas partes facían un pouco de gracia. O final é aberto e ao principio non o entendía ben, pero logo... Doullle un 8! (Ivanna)

Pareceume un libro cunha mestura entre gracioso e triste, pero a verdade é que me encantou! (María)

Deume pena o protagonista, enfermo de alzheimer, porque o seu fillo e a súa nora o mandan por iso a unha residencia. (Tania)

Pareceume entretido e, a pesar de ser triste, tiña partes moi graciosas. Eu doulle un 9! (María)

segunda-feira, 6 de fevereiro de 2017

RESEÑEANDO

Patricia Bardanca e Antía Varela (4ºB) partilla connosco a súa valoración da lectura da novela Futuro imperfecto.


Futuro imperfecto é unha lectura totalmente recomendada. 

O tema que trata non é moi habitual na literatura que nos chega, xa que é considerado un tema tabú, pero é moi necesario que todos esteamos informados sobre ese mundo tan confuso, o mundo das drogas.

Nada mellor que un libro narrado en primeira persoa para contar unha experiencia de contacto coas drogas.

Dende o principio ata o final do proceso na súa parella protagonista e no seu contorno, con todo detalle, pasando pola síndrome de abstinencia, unha situación á que pode chegar calquera persoa.

Futuro imperfecto é unha lectura necesaria, diferente. É un libro fácil de ler, grazas á forma de escribir da súa autora, Xulia Alonso, tan cercana e, ao tempo, aditiva. É un libro que te fai pensar, que non esquecerás nunca e que te marcará para sempre.

Patricia


Futuro imperfecto é, sen dúbida, unha lectura que rondará na miña cabeza durante moito tempo.

Eu ata o de agora non lera nada relacionado coas drogas e neste libro está retratado con todo luxo de detalles.

Mediante esta lectura podemos mergullarnos nunha historia dura, mais ao tempo moi doce.

Seguindo a evolución dos dous personaxes principais, podemos ver momentos moi diferentes das súas vidas.

Sen lugar a dúbidas, este é un libro que ten que ler todo o mundo.

Recoméndovola a todos, estou segura de que vos ides emocionar como me pasou a min.

Moitísimas grazas a Xulia Alonso por deixarnos embriagar coas súas páxinas.

Antía

sexta-feira, 3 de fevereiro de 2017

NOVIDADE LITERARIA DA MAN DE MARÍA SOLAR


Lembramos a María Solar d´As meigas de Lupa e agora podemos achegarnos ao primeiro capítulo da súa nova novela que chegará ás librarías a vindeira semana.

Desde aquí podedes ligar con ese primeiro capítulo que nos guiará polos primeiros pasos d´Os nenos da varíola, aquela expedición que saíu do hospicio da Coruña en 1803 para levar a vacina contra esta doenza até o Novo Mundo.

Que intriga...

quarta-feira, 1 de fevereiro de 2017

NEGRUÑA, DE XOSÉ DUNCAN



Negruña, a novela de Xosé Duncan, é a vindeira novela que agarda polo club de lectura de 4º ESO. 

O título ten reminiscencias cunha localidade urbana ben próxima a nós -Coruña-, malia o tempo en que se ambienta ficar un pouco lonxe de nós, xa que nin máis nin menos imos viaxar cara ao século XXIV.

Desde logo, desde as primeiras páxinas intuímos unha lectura ben novidosa, por iso nesta ocasión lle pedimos ao propio autor, Xosé Duncan, que nos suxerise un comezo, unhas primeiras palabras para entrarmos nesta distopía dificilmente imaxinábel... ou non...

Velaquí o convite lector de Xosé Duncan! Moitas grazas!


Parece estraño que un lugar poida ser unha viaxe mais, en Negruña, así é. 
Para min foi unha viaxe de ida e volta. 

Fun ao meu pasado, a cando eu cursaba BUP e lía a Huxley, Orwell e Bradbury (mais, tamén, a Poe, Shelley e Stoker), e volvín ao presente, a estes días que nos tocou vivir, tinguidos de inxustizas, recortes e privación das liberdades. 

Como sempre fun moi de fantasía, quixen vestir a negrura actual cun halo de maxia e misterio. 

Din vida a dúas mozas e a un mozo que, malia seren coma nós, posuían algo que os facía especiais, diferentes. 

Negruña é A Coruña do século XXIV. Unha cidade famenta e devoradora. Unha cidade na que sobrevivir convértese nunha auténtica aventura. 

Os Controladores vixían que os cidadáns se comporten dentro das normas estabelecidas polo Concello. 

Os Fillos do gas tentan agocharse da sentencia a morte que caeu sobre elas e eles. 

O trío de protagonistas soñan cun mundo mellor, como facemos calquera de nós. 

E, en medio da decadencia desa cidade do futuro, outra viaxe ten lugar. 

Un percorrer pola historia que nos leva aos últimos días de vida de Rasputín, á Sociedade Thule dos nazis e até a India da Compañía Británica. 

Convídovos a que formedes parte desta historia, a que sexades fillas e fillos do gas por uns días, a que viaxedes a través da historia e escapedes, xunto cos escollidos, da ambición da humanidade por controlar e dominar aqueles que son diferentes. 

Benvid@s a Negruña.