sexta-feira, 25 de abril de 2014

O PROCESO CREATIVO DA ESCRITA



Presupoñemos que un concerto, unha representación dramática, unha exposición artística, etc. precisan dun tempo de creación, mais que acontece cun poemario, unha novela, un relato breve, un texto dramático, un ensaio? Non precisa tamén dun proceso, máis ou menos longo, de elaboración?

E onde pousa todo ese proceso unha vez que a obra, a trama, o poema ou a investigación remata e chega a ser compertida nas mans do público lector?

Iniciativa ben interesante é a que nos ofrece agora Agustín Fernández Paz: un blog con data de caducidade onde escribirá periodicamente textos mínimos, que sirvan para presentar ou contextualizar os documentos, textuais e audiovisuais, que se vaian incluíndo nas seguintes entradas.

Pois aló imos xa, despegamos para coñecer o trasfondo da escrita desta novela que, sen dúbida, amplificará a súa lectura.

A VIAXE DE GAGARIN


Habitualmente lemos as contraportadas dos libros para facernos unha idea do seu argumento. 

Outras veces, consultamos o método infalíbel do boca a boca para que a tentación da lectura nos vaia penetrando desde a opinión das e dos lectores máis anticipados.

Nesta ocasión imos botar man deste booktrailer que nos introduce no argumento d´A viaxe de Gagarin, a última novela de Agustín Fernández Paz.

Que boa pinta, non si?

quinta-feira, 24 de abril de 2014

BOOKTRAILER DE ÁMOTE LEO A.


Velaquí o booktrailer da triloxía de Ámote Leo A. da que moito falamos hai unhas semanas na sección do club de 4º. 

Seguro que algunha de vós recoñece a súa lectura fotográfica por aquí, non si?

E para aquelas curiosonas... xa podedes descubrir a portada do terceiro e último volume da serie: Terminal de ... chegadas?


sexta-feira, 11 de abril de 2014

CONCURSO LITERARIO


Como pola Galaxia Coristranca hai, ademais de moi bos lectores e lectoras, magníficas escritoras e escritores, dade un paseo por estas bases do XXI Certame Literario Cambre 2014 de Poesía e Narración Breve que organizan os dous insitutos de Cambre coa colaboración do seu concello.

Con certeza, esta vindeira semaniña de descanso escolar e mais o merecido bolo da Pascua han dar bos froitos literarios.

Quen se está animando xa?

terça-feira, 8 de abril de 2014

CANDO PETAN NA PORTA POLA NOITE...


Nunca se sabe o que pode acontecer cando petan na porta pola noite, especialmente se se trata dunha noite de invernía, friaxe, brétema e auga a caer a chuzos...



Xabier P. DoCampo transmitiunos moita tensión e mesmo algún soño nocturno nervioso a partir dos catro relatos que conforman este libro que estivemos a traballar na sección do club de 1º ESO.


Incluso, animado pola temática do libro, Julián contounos moitos relatos que nos puxeron algo de medo: cans que oubean raro, certas presenzas de familiares desaparecidos...
E mesmo contaxiou a María, que tamén nos falou de sucesos inexplicábeis que teñen acontecido pola redonda da súa casa...


E para rematar este encontro coas palabras e coa nosa tradición oral, nada mellor que escoitar o propio Xabier P. DoCampo contarnos un anaquiño do seu Conto de tres noites.


Unha nova tertulia fantástica, para recuncar prontiño!!!!



segunda-feira, 7 de abril de 2014

A BANDA SONORA D´O DERRADEIRO LIBRO DE EMMA OLSEN

Roy Orbison é o cantante americano que se submerxe nas páxinas da novela que andamos a ler na sección de 4º ESO.

Unha das citas que introduce esta novela forma parte da letra dunha coñecida canción deste autor:

Only the lonely
know the way I feel tonight.
Only the lonely
know this feeling ains´t right.

Apetécevos escoitar a música que acompañou Berta Dávila na escrita da novela? Pois velaquí!


FERMOSA IMAXE E PENSAMENTO PARA A REFLEXIÓN