terça-feira, 27 de novembro de 2012

SORPRESA!!!!!!

Estabamos á espera das respostas de Agustín Fernández Paz ás nosas preguntas e chegaron de contadiño.

Velaquí están, recén tiradiñas do forno da conversa dixital.

Dámoslle as grazas a Agustín, o escritor que nos acompañou nesta primeira estación onde o club fixo parada lectora.

Agustín na súa mesa de traballo 




P. A diferenza doutras obras túas que temos lidas, neste caso encontrámonos cun conxunto de relatos breves e non con novelas de maior ou menor extensión. En que rexistro te encontras máis cómodo?

R. Escribir contos gústame moito, é diferente de escribir unha novela. A novela esixe unha dedicación plena durante varios meses, meterte nun mundo que tes que ir creando. O conto, pola contra, é coma unha carreira de velocidade: predomina a intensidade sobre a extensión.
Atópome cómodo nos dous rexistros; eu creo que cada historia pide a súa extensión, e mesmo un estado de ánimo distinto.

P. Calquera dos relatos do libro podería ter un desenvolvemento maior, é dicir, podería chegar a ser unha novela?

R. Se cadra, algún si, pero outros non. “A porta do Alén” e “O pozo”, de querermos amplialos, seguro que daban máis de si, habería que crear outras subtramas. Pero concibinos como contos, así que iso obriga a unha concisión maior.

P. Sorprendeunos a importante documentación que achega o relato "A Porta do Alén". Como foi o proceso de documentación para ambientar o relato?

R. Todas as historias que escribo teñen unha documentación detrás. Iso é moi importante, porque axuda a escribir con seguridade o relato e que esa seguridade se transmita aos lectores. Neste caso, mergulleime na tradición celta sobre o Alén e a noite do Samaín, cando se abren as fronteiras entre os dous mundos. E tamén me metín no esoterismo, todo o relacionado co pentáculo de Salomón, sobre o que hai moito escrito. Sobre megálitos non me fixo falta, porque xa sei moito dese tema.

P. Tamén nos chamou moito a atención "A mirada de K". Cal foi o elemento inspirador que deu pé a esta historia?

R. O elemento inspirador saíu desa reunión en Boloña á que fago referencia na dedicatoria. O influxo que podía exercer unha caveira. A partir de aí, fun trenzando o relato (tamén me tiven que documentar sobre o Tarot!)

P. Existe a casa e, sobre todo, o pozo de Pontedeume do relato O Pozo?

R. Non, non existen. Elixín Pontedeume porque é unha vila que coñezo ben, cadrábame para a historia. E, en canto ao pozo, tiña na memoria outros pozos semellantes en Vilalba, na miña infancia. De calquera xeito, tamén busquei documentación sobre pozos e sobre outros detalles arquitectónicos.

P. Ao igual que noutros libros teus, tamén este nos achegou información extraliteraria, como é o paseo pola pintura de Magritte. Por que escolliches este autor para o relato?

R. Gústame introducir outras informacións, sobre todo se encaixan ben co que quero contar. E a Magritte xa tiña ganas de metelo desde hai tempo, porque os seus cadros parécenme moi narrativos e dunha grande creatividade. Recoméndovos que lles deades unha ollada, ides quedar abraiadas/os. Ademais, atopei un cadro que tiña o título axeitado para a historia que estaba a contar.

P. O relato "Os fillos de Hamlet" fixo revivir, especialmente, nas profesoras medos da súa adolescencia, como os perigos de facer autostop e as advertencias dos seus pais e nais. As alumnas, pola contra, non o sentimos da mesma maneira. Quere isto dicir que os medos mudan co paso do tempo?

R. Non só mudan co paso do tempo, senón que cada persoa ten os seus específicos. Algo que a min me dá medo, pode non darlle ningún a outra persoa, é viceversa. Malo será que, se fas autostop, teñas tan mala sorte coma os pobres actores!

P. Este libro nace como unha homenaxe a Lovecraft; é o teu escritor de medo favorito? Dentro deste subxénero literario, tes algún outro?

R. Concibín o libro como un conxunto de contos de medo. A medida que o escribía, foi madurando a idea de que Lovecraft tivese presenza importante. En relatos como “O pozo” ou “Os fillos de Hamlet” é onde máis se nota a súa influencia. Ademais deste home, gústanme especialmente Edgar Allan Poe e un inglés chamado M. R. James.

P. Que lectura nos recomendarías deses autores?

R. De Poe, recomendaríavos unha selección dos seus contos (hai varias en galego, O escaravello de ouro está ben) e a súa novela Narración de Arthur Gordon Pym, que tamén temos en galego.
De Lovecraft, os de Urco Editorial editaron ultimamente algúns dos libros deste autor. En Xerais hai unha selección de contos, poden servir de aperitivo. Pero ten relatos longos e novelas que son do mellor: O caso de Charles Dexter Ward, O horror de Dunwich, A sombra sobre Insmouth...

P. Hai unhas semanas traballamos en clase co texto "Teño medo..." co que Xabier P. Docampo se despide no seu libro Cando petan na porta pola noite. Lembras os teus medos de adolescente?

R. Quen non tivo medos? Quen nos os ten aínda hoxe? Varían cos anos. Os da adolescencia quédanme lonxe, creo que non vos diría máis ca tópicos (medo a non ter amigos, medo a perder os seres queridos... En todo caso, contéstovos cuns versos de Rosalía: “Teño medo á desgracia traidora / que vén e non se sabe de onde vén”.

quarta-feira, 21 de novembro de 2012

LEMBRANZAS TERTULIANAS

Lembranza fotográfica da nosa primeira tertulia do curso. Magnífica experiencia grazas á colaboración activa de todas as asistentes.

Ás profas Concha e Begoña dámoslles un SOBRESALIENTE porque traían os deberes moi ben feitiños, va que si?

Para a próxima temos que ter conta de Begoña, sempre pronta para actuar de reporteira gráfica, mais logo... ela onde está? Graciñas, Begoña!

Primeiro capítulo: presentación




Segundo capítulo: Acción

Terceiro capítulo: Explica, explica...

Cuarto capítulo: E Concha dixo...

Quinto capítulo: Momento suspense!

Desenlace feliz: Devoramos a lectura e os pasteis, agasallo de Jenni polo seu aniversario!

segunda-feira, 19 de novembro de 2012

ENTREVISTA A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Recén chegadas da nosa primeira tertulia, onde Agustín Fernández Paz tamén se converteu en protagonista, localizamos esta entrevista fresquiña, de hoxe mesmo, que nos atrapa con este suxestivo titular:

 "Cando un autor escribe, polo seu cuarto pasa o meridiano cero"

Imos ver que nos conta, vale?

domingo, 18 de novembro de 2012

NOVO RECOÑECEMENTO PARA AGUSTÍN!

 Este sábado, 17 de novembro, Agustín Fernández Paz recibiu un novo premio polo seu recente libro Fantasmas de luz.

Queredes saber que foi o que valorou o xurado nesta súa última creación narrativa?  

As razóns para lle conceder o premio foron estas:

 “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor".

sexta-feira, 16 de novembro de 2012

SAUDAMOS A NOSA PRIMEIRA TERTULIA


O vindeiro luns 19 de novembro encontrarémonos na biblioteca na que será a primeira tertulia literaria desta tempada.

Nesta ocasión, unha parte do profesorado participante no club xunto ao alumnado de 3º e 4º intercambiaremos medos a partir da lectura d´As fronteiras do medo.

Iremos deixando impresións e pegadas por aquí... non vos descoidedes!!!

AS VOCES BAIXAS, MANUEL RIVAS


O programa Zig Zag Diario da TVG ofrécenos un adianto do novo libro do escritor Manuel Rivas a partir dunha entrevista co autor.

As voces baixas é o libro máis persoal de Rivas, unha síntese entre memoria individual e colectiva, ambientada na súa cidade de vida, A Coruña.

Imos ver e escoitar que nos contan estas voces baixas nesta novela da vida...

terça-feira, 13 de novembro de 2012

A PRAIA DA ESPERANZA

Un suceso tan doloroso como aquel afundimento do Prestige non pasou desapercibido para un escritor como Agustín Fernández Paz.

A praia da esperanza é un relato inspirado naqueles dramáticos días.

O último día das vacacións, Raquel, a nena protagonista, atopa na praia unha serea, Sunia, que acepta pasar o inverno coa nena na cidade a cambio de contarlle un conto cada noite.

A noticia do afundimento do barco e da marea negra fai que a familia regrese ao lugar onde vivía a serea. O que atopan é o cheiro pestilente do chapapote, as aves mortas e a desolación pola gran catástrofe ecolóxica. Sunia, desesperada por non ter noticias dos seus, bótase ao mar; ao amencer, a nena atopa o seu corpo sen vida. 

Días despois, Raquel unirase a unha gran cadea humana de xente nova  que se reúne naquela praia para defender simbolicamente a costa atacada pola marea negra.

Alguén de vós lembra de nde procede a foto que forma parte da portada deste libro? 
O alumnado do CPI Alcalde Xosé Pichel tivo algo que ver nesa imaxe non si?

13 de novembro de 2002: PRESTIGE

Pasaron xa 10 anos desde aquela catástrofe que aínda non fomos quen de esquecer.

O afundimento do petroleiro Prestige encheu a Costa da Morte dun chapapote destrutor.

Na nosa retina fican imaxes dolorosas e no noso corazón gardamos o desexo de que NUNCA MÁIS se repita unha catástrofe ecolóxica coma esta.

Aquel día representa para nós a MEMORIA DA NOITE que o grupo Luar na Lubre gravou no seu disco Hai un paraíso (2004).




segunda-feira, 12 de novembro de 2012

ASÍ SOMOS EN CORISTRANCA!

Desde Coristranca dámos as grazas a todas as persoas que construídes este club de amizade ao redor da lectura. 

Non estamos o club completo no vídeo porque somos tant@s que sempre falta alguén por unha outra razón. 

Mais hai unha persoa que non aparece diante da cámara porque se ocupou de gravar, fotografarnos e, logo, montalo todiño. Quen é? Quen ía ser? A xefa de estudos e profe de francés: Begoña de Blas. O noso agradecemento sincero a ela!
Dámos a benvida ás novas incorporacións de alumnado e profesorado que, sen dúbida, terán compas guieiros ben experimentados doutros anos.

É un pracer compartir soños e parola con tod@s vós!

Preparad@s! A primeira tertulia chega en breve!!!

sábado, 3 de novembro de 2012

POSTURAS E LUGARES FAVORITOS PARA LER

Xa sabemos que cadaquén ten a súa postura favorita para os tempos de lectura e mesmo o seu lugar preferido. 
Desde o mundo curioso de Coristranca preguntámonos: cal é o teu?

Convidámosvos a ir achegando as vosas respostas. Seguro que levamos sorpresas inesperadas!!!

Para ir dando pistas, velaí vos deixamos algunhas ideas... coincidentes coa vosas experiencia lectora ou non?


AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ ESTREA WEB

Agustín Fernández Paz na escola da súa Vilalba natal

Agora que xa andamos enredad@s os membros do club coa lectura dos relatos d´As fronteiras do medo, recibimos a feliz noticia da estrea da súa completísima web.

Convídovos a visitala porque saberemos moitas cousas del, como escritor e como pensador.