quinta-feira, 13 de fevereiro de 2014

CORISTRANCA EN TWITTER CON ÁMOTE LEO A.

Esta semana a escritora Rosa Aneiros, autora da triloxía Ámote Leo A. iniciou unha campaña viral ben suxestiva a través de twitter.

Co gallo da publicación da segunda entrega, convidou todas aquelas persoas lectoras da primeira parte desta triloxía a captar imaxes relacionadas co libro e vinculalas co amor, xa que, entre a Candeloria e o San Valentín está claro que camiñamos polo Mes do Amor...

O grupo lector de 4ºESO tomouno moi en serio e púxose mans á obra ou mellor dito ao obxectivo fotográfico. O resultado non puido ser de mellor calidade e enxeño e por iso Rosa Aneiros non só quedou encantada coas propostas que Cintia, Verónica, Judith, Jenni e Lucía lle enviaron, senón que xa empezaron a chiar e rechiar pola rede twitteira @RosaAneiros.







quinta-feira, 6 de fevereiro de 2014

OUTRA BOA NOVA LITERARIA DA MAN DO ESCRITOR MARCOS CALVEIRO

Un novo recoñecemento vén sumarse á traxectoria literario de Marcos Calveiro

A súa novela Palabras de auga acaba de ser incluída na Lista de Honra do IBBY, onde se referencian as grandes obras da literatura infantil e xuvenil.

Saibamos máis desta nova tan importante e escoitemos o propio autor a ver que nos conta...

segunda-feira, 3 de fevereiro de 2014

O CLUB DE LECTURA ENTREVISTA A ...


... FRANCISCO CASTRO!!!
Velaquí a entrevista dixital que mantivo a sección do club de lectura de 2º co autor da nosa última lectura, O corazón de Branca de Neve.

Grazas, Francisco, pola túa atenta dispoñibilidade para iniciar este primeiro encontro virtual que se concretará noutro presencial no mes de marzo. Agardámoste!!!


ENTREVISTA

1. Por que escolleches o título d´O corazón de Branca de Neve?
Pois esa é unha pregunta que non debo responder aquí....porque a resposta está no derradeiro capítulo da novela. De feito é algo que lle pasa a todas e todos os que len o libro, que pasan os capítulos e pregúntanse por que se titulará así. No derradeiro dise algo que o xustifica...así que non podo contestar ou cárgome a intriga da novela...

2. En que te inspiraches para construír a historia?
Eu xa tiña bastante desenvolvido o personaxe do Inspector Hermida na miña cabeza. Un policía vigués, no final da súa carreira, con algún trauma persoal importante (cóntase na novela) que lle fai infeliz. Pero sobre todo, un tipo honrado, un señor serio que quere facer o mellor que pode o seu traballo e atrapar aos delincuentes. Sobre o que preguntades, debo dicir que a clave deuma unha nova da prensa que falaba dunha rapaza, embarazada, e que estaba sendo explotada sexualmente por un grupo de proxenetas. Cando foi liberada pola policía, declarou que lle dixeran que así como dese a luz ían vender o seu bebé. De aí naceu o inicio da historia.

3. Con que personaxe te quedarías?
Sen dúbida co Inspector Hermida. Un home íntegro, eficaz, aínda que afastado do típico poli de novela de detectives, super espabilado e todo iso. Gústame Hermida porque é moi consciente das súas limitacións, do importante da sorte á hora de investigar, e porque é quen de recoñecer que ás veces non ten nin idea do que está pasando. Se ao final triunfa é porque é unha persoa seria e consciente de que hai que loitar para atrapar aos delincuentes. É un home tenro que me gustaría ter como amigo para tomar algo por aí nalgún bar, comentando as noticias do xornal e todo iso...

4. Que personaxe che custou máis elaborar?
O personaxe máis difícil foi o toxicómano. É un ser extremo, dominado pola súa adicción, afeito a facer barbaridades por esa dependencia pero que, ao tempo, está farto e quere, aínda que lle custa, cambiar de vida. Facelo que parecese "real" foi o máis difícil de todo.

5. Tiñas claro desde os comezos ese final ou mudáchelo durante a escrita?
Tíñao máis ou menos claro. Cando escribes novela policial, na que a arquitectura interna da historia é tan importante, adoitas telo todo case que claro antes de poñerte a escribir. Logo hai sorpresas, claro. E personaxes que cobran un protagonismo que ti non pensabas darlle. Pero, en liñas xerais, estaba todo moi medido antes de me sentar a escribir.



6. Como te sentiches cando lle concederon a este libro o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia?
Pois imaxinade. Moi contento. Cando te presentas a un premio é coa esperanza de gañar. Así que, se gañas, a felicidade é grande.

7. Cal vai ser o teu próximo libro?
Pois durante este ano 2014 sairá unha novela dirixida ao público xuvenil. Será despois do verán. Tiña que ter saído o ano pasado, pero, como gañei o premio, decidín adiala un ano.