quinta-feira, 22 de junho de 2017

VIDEOBOOK

Xa se coñece a proposta videoliteraria gañadora do concurso RETO LECTOR! que a Editorial Galaxia puxo en marcha hai uns meses.

Mirade que fermosura de convite lector para esta obra que moito nos sorprendeu entre as nosas lecturas este curso: O neno inverno, de María Canosa, autora coa que tivemos a fortuna de conversar na nosa biblioteca.


E sempre que hai gañadora, tamén hai finalistas, así que ollade por aquí estoutras propostas que nos poden dar pistas para as lecturas deste verán.

terça-feira, 20 de junho de 2017

#Xclubsdelecturagal

Este sábado 17 de xuño unha parte do noso club de lectura participou en Compostela na xornada formativa dos clubs de lectura que se converteu tamén nunha auténtica festa de celebración do traballo que, sobre o libro e a lectura, desenvolvemos ao longo de todo o ano.



O noso club estivo representado polas alumnas Uxía, Carla, Victoria e as dúas María, ademais das profesoras Pilar e Mercedes.

E non pensedes que fomos a Compostela pasar un día de calor insoportábel, non. Fomos descubrir que hai un mundo de xente que está interesada na  lectura coma nós, coa que podemos dialogar sobre o que lemos e coa que podemos ampliar curiosidades, experiencias e ilusións.

E reencontrarnos coa nosa escritora admirada, Ledicia Costas. Todo un luxazo!!!




En breve poderedes acceder ao vídeo que expresará en imaxes tantas emocións, sorrisos, conversas e sorpresas alí vividas durante un sábado intenso, mesmo algo somerxidas...



Mais polo de agora algunha imaxe que vos dará que pensar sobre o protagonismo que as nosas Coristrancas por alí tiveron diante dun auditorio de máis de 1.000 persoas.




sexta-feira, 2 de junho de 2017

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR


Pechamos o ciclo de encontros deste curso escolar as seccións de 3º e 4º ESO coa visita dunha autora que agardabamos con impaciencia: María Solar.


Os nenos da varíola e As horas roubadas ocuparon as nosas lecturas e os nosos faladoiros previos nas seccións de 3º e 4º ESO. 

Souberamos algo máis da intrahistoria da novela As horas roubadas grazas á recente entrevista radiofónica do noso último programa "A fume de carozo". 


Agora cumpría avanzar algo máis neste relato dun tempo difícil para a liberdade das mulleres e mergullarnos no pouso histórico e científico d´Os nenos da varíola, que nos trouxo unha inesperada descuberta da man da súa autora: un dos nenos protagonistas da expedición de Balmis era de Coristanco!!!! Quen o podería supoñer?


Grazas sempre, María, por vires encontrarte connosco da man da túa escrita compañeira!