Mostrar mensagens com a etiqueta segundo ciclo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta segundo ciclo. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, 28 de fevereiro de 2019

CORISTRANCA VOLVE Á RADIO CUAC FM

Retomamos a nosa xeira radiofónica!


Se non nos puidestes escoitar ao vivo ou queredes volver compartir os bos momentos que pasamos este martes 26 de febreiro, mesmo malia algunha sorpresa!!!, velaquí vos deixamos o enlace de novo ao programa número 266 de "A fume de carozo".
Reiteramos a nosa gratitude ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e a Roberto Catoira, o técnico, que sempre nos facilitan
Parabéns  ás locutoras Victoria Porteiro Bértoa, Rebeca Martínez Pena, Sara Álvarez Vilanova e Laura Gómez Velo!

quinta-feira, 1 de novembro de 2018

ANAGNÓRISE

O recoñecemento foi o fío condutor desta primeira tertulia do club de lectura de 3º e 4º ESO.


Recoñecemento de nós propias a partir de Xulia e Nicolau, os protagonistas cuxa relación en tránsito vai debullando María Victoria Moreno na novela que nos reencontrou literariamente por primeira vez este curso: Anagnórise.




  Unha tertulia fecunda en palabras, impresións e sorrisos compartidos, non si?

TEMPO DE SAMAÍN EN PALABRAS


Chega o tempo de Samaín e recuperamos a nosa tradición de contar historias de medo aos máis peques do centro, desde 1º até 6º de educación primaria.



É sempre un pracer compartir lecturas convosco. 

Encantaríanos reencontrarnos entre liñas. Volvede axiña!!!






terça-feira, 16 de outubro de 2018

PRESENTÁNDONOS...

Feitas as presentacións no noso espazo favorito do instituto, o supersofá laranxa da biblioteca, facémolas agora públicas.

Con todas vós, velaquí o magnífico club de lectura de 3º e 4º ESO!!!

Comezamos a compartir a primeira lectura, unha gran novela dunha grande escritora que este ano 2018 deu moito que falar... e aínda dará!!!

De que e de quen estamos a falar???????


quinta-feira, 1 de março de 2018

CORISTRANCA DE NOVO NA ONDA


O pasado martes 20 de febreiro visitamos na Coruña novamente o estudo "José Couso" de Radio CUAC FM para emitir un novo programa " A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Nesta ocasión o equipo de guionización e locutación correu a cargo de membros do club de lectura de 4º ESO e por se non chegastes a tempo de os escoitar ao vivo ou queredes recuncar- agora é o momento estupendo desde este enlace que vos ofrecemos. 








Neste programa quixemos prestar atención especial á inmediata celebración do Día de Rosalía e descubir a María Victoria Moreno, autora destacada este ano na celebración do Día das Letras galegas ou a Eli Ríos, a autora que se esconde tras a intensa novela que acabamos de ler, Luns, publicada pola editorial Xerais.

Ogallá vos preste tanto escoitarnos como nós aprendemos preparándoo!

Até o próximo programa!

sexta-feira, 15 de dezembro de 2017

A VOZ DAS EX-

Continúa o Club d@s Ex- a traernos propostas lectoras ben suxestivas e complementarias das anteriores.

Neste caso chega a quenda de Ana Seoane, que pasou de ser exalumna a se converter xa en profesora!!!!

Benvida sempre ao noso planeta lector, Ana!!!

E que nos propón ler? Pois, olliño que velaquí chega...




Todo OK, de Diego Ameixeiras


A través deste libro Diego Ameixeiras expón a vida da protagonista, Inés Landeira. Esta muller estaba a piques de ser xulgada por un delito de narcotráfico que a levou a un tráxico final, tanto a ela como á súa amiga da infancia María. 
Inés buscaba a absolución por un delito que, segundo ela, non cometeu e que impregnou a moita xente; o submarino cargado de droga procedente de Colombia revolucionou tanto a policía como aos que estaban implicados no delito.

Durante o transcurso da novela, Inés vive diferentes situacións, a doenza dunha perna que case non a deixa camiñar, a morte de súa nai, o encarceramento de Jairo, o noivo da súa mellor amiga, e a traizón do tenente Gutiérrez que xoga a varias bandas durante toda a novela.  

É unha novela moi cortiña, de fácil lectura pero con moito contido e moita información que hai que ir asimilando mentres se le para poder comprender a historia completa. 

Recomendada 100%

terça-feira, 28 de novembro de 2017

UN CLUB A MEDRAR...

Xa estamos funcionando a pleno rendemento, mais tiñamos unha débeda pendente: presentar o noso club de lectura ao alumnado que se acaba de estrear no centro en 1º ESO.

Por fin chegou ese día de facermos as presentacións e podemos verificar que a recepción foi do máis positiva.

Estamos seguras de que en breve un novo equipo lector dará moito que falar en Coristranca e que ler...

De quen será o mérito principal? Pois de Carla, Uxía, María e Aarón, expertos lectores de 4º ESO.


sexta-feira, 17 de novembro de 2017

NOVA TEMPADA TERTULIANA


O tempo de outono semella que non quere chegar, mais o das tertulias non o deixamos escapar. Así que aquí estamos de novo a voltas coas nosas lecturas.

Nesta ocasión inauguramos o equipo de 3º e 4º de ESO con dúas novelas de María Reimóndez, A dúbida e Corredora.

Non sabemos cal das dúas vos recomendar en primeiro lugar porque non somos quen de escoller nin de prescindir de ningunha!!!



Se cadra imos deixándovos por aquí nos próximos días algunhas ideas e pistas para que vaiades creando opinión e vos lancedes ao mergullo destas páxinas que non vos deixarán indiferentes.

segunda-feira, 18 de setembro de 2017

COMEZA UNHA NOVA VIAXE LECTORA



Así rematamos o curso pasado o mural da nosa viaxe literaria ao longo dos meses. 

De volta do verán chegou a hora de reiniciarmos unha nova viaxe aventureira a través de novas páxinas.

Quen se apunta? Hai alguén aí?


sábado, 25 de fevereiro de 2017

CHEGA UNHA NOVA EDICIÓN BOOKTUBER

Bianca, María, Patricia e Lucía ofrécennos unha nova entrega da nosa serie booktuber como peche da lectura desta novela que tanto prendeu nelas, como en todo o noso club de lectura.

Con todas vós, Futuro imperfecto de Xulia Alonso.


sexta-feira, 24 de fevereiro de 2017

CORISTRANCA VOLVE A RADIO CUAC FM

Este martes 21 de febreiro o equipo de radio da sección do club de lectura de 3º ESO volveu vibrar nas ondas na emisora de Radio CUAC FM.



Moit@s de vós escoitastes o resultado do seu traballo de guionización ao vivo, entre as 17 e as 18 horas, mais imos deixarvos aquí o enlace para a súa escoita on line para que non perdades ningún dos interesantes contidos que neste programa descubrimos.



Que queredes algunha pista? Pois... por exemplo unha magnífica e completa entrevista ao escritor Francisco Castro, un saúdo de presentación á nova académica, a escritora Marilar Aleixandre, unha lembranza da xornada do venres 24 de febreiro, identificado como Día de Rosalía, neste seu 180 aniversario e unha sorpresa musical inesperada a cargo das propias locutoras, Carla e María...

A vosa curiosidade xa non agarda máis, non si?

Entrade xa no enlace aquí agochado!!!

terça-feira, 14 de fevereiro de 2017

DA PALABRA Á IMAXE



Moitas veces tivemos nas mans libros ilustrados onde imaxe e texto conviven, retrátanse e compleméntanse.

Mais nunca falamos de como se chega a producir ese encontro. Como se debuxan as emocións? Como se representan os conceptos abstractos? E os lugares e tempos descoñecidos? Como se lle dá forma ao pasado ou ao futuro?



Algunhas respostas obtivémolas no encontro celebrado este venres no Kiosco Alfonso da Coruña con Xosé Cobas e Xabier P. Docampo.



Va que foi unha experiencia única?

sexta-feira, 3 de fevereiro de 2017

NOVIDADE LITERARIA DA MAN DE MARÍA SOLAR


Lembramos a María Solar d´As meigas de Lupa e agora podemos achegarnos ao primeiro capítulo da súa nova novela que chegará ás librarías a vindeira semana.

Desde aquí podedes ligar con ese primeiro capítulo que nos guiará polos primeiros pasos d´Os nenos da varíola, aquela expedición que saíu do hospicio da Coruña en 1803 para levar a vacina contra esta doenza até o Novo Mundo.

Que intriga...

quarta-feira, 1 de fevereiro de 2017

NEGRUÑA, DE XOSÉ DUNCAN



Negruña, a novela de Xosé Duncan, é a vindeira novela que agarda polo club de lectura de 4º ESO. 

O título ten reminiscencias cunha localidade urbana ben próxima a nós -Coruña-, malia o tempo en que se ambienta ficar un pouco lonxe de nós, xa que nin máis nin menos imos viaxar cara ao século XXIV.

Desde logo, desde as primeiras páxinas intuímos unha lectura ben novidosa, por iso nesta ocasión lle pedimos ao propio autor, Xosé Duncan, que nos suxerise un comezo, unhas primeiras palabras para entrarmos nesta distopía dificilmente imaxinábel... ou non...

Velaquí o convite lector de Xosé Duncan! Moitas grazas!


Parece estraño que un lugar poida ser unha viaxe mais, en Negruña, así é. 
Para min foi unha viaxe de ida e volta. 

Fun ao meu pasado, a cando eu cursaba BUP e lía a Huxley, Orwell e Bradbury (mais, tamén, a Poe, Shelley e Stoker), e volvín ao presente, a estes días que nos tocou vivir, tinguidos de inxustizas, recortes e privación das liberdades. 

Como sempre fun moi de fantasía, quixen vestir a negrura actual cun halo de maxia e misterio. 

Din vida a dúas mozas e a un mozo que, malia seren coma nós, posuían algo que os facía especiais, diferentes. 

Negruña é A Coruña do século XXIV. Unha cidade famenta e devoradora. Unha cidade na que sobrevivir convértese nunha auténtica aventura. 

Os Controladores vixían que os cidadáns se comporten dentro das normas estabelecidas polo Concello. 

Os Fillos do gas tentan agocharse da sentencia a morte que caeu sobre elas e eles. 

O trío de protagonistas soñan cun mundo mellor, como facemos calquera de nós. 

E, en medio da decadencia desa cidade do futuro, outra viaxe ten lugar. 

Un percorrer pola historia que nos leva aos últimos días de vida de Rasputín, á Sociedade Thule dos nazis e até a India da Compañía Británica. 

Convídovos a que formedes parte desta historia, a que sexades fillas e fillos do gas por uns días, a que viaxedes a través da historia e escapedes, xunto cos escollidos, da ambición da humanidade por controlar e dominar aqueles que son diferentes. 

Benvid@s a Negruña.

terça-feira, 31 de janeiro de 2017

DE TERTULIA

Este martes mantivemos un novo encontro tertuliano coa sección do club de 4º. 

A lectura de Futuro imperfecto, asinado por Xulia Alonso, deixou unha forte pegada en todo o equipo lector e moito o recomendamos. En breve, deixaremos por aquí algunhas pistas...

Desde aquí queremos darlle a benvida ao noso tempo e espazo de conversa presencial a Esperanza, unha nai que, desde comezo de curso, nos acompaña a profesoras e alumnado como lectora fantástica nesta singradura que nunca nos decepciona.

Viva Coristranca!


quinta-feira, 26 de janeiro de 2017

OS TÍTULOS MÁIS LIDOS NOS CLUBS DE LECTURA O CURSO PASADO

Xa temos dispoñíbel a relación das lecturas favoritas nos clubs de lectura galegos do curso pasado. 

Moito nos soan algúns títulos, non si?

Seguimos tomando nota daqueles títulos que aínda non descubrimos.


terça-feira, 27 de dezembro de 2016

DESPEDIDA LECTORA

Non podía haber mellor despedida desta primeira avaliación para o noso club de lectura que unha gran quedada lectora na nosa biblioteca.

Compartimos libros e experiencias vividas ao redor de lecturas tan diferentes como Ámote Leo A., A cabeza de Medusa e Cartas de inverno. E de sobremesa tamén compartimos algunha larpeirada, claro!

Desde Coristranca, desexámosvos bo nadal, mellor aninovo e estupendas lecturas. E non esquezades que os Reis Magos saben ler, así que pedídelle moooooooitas suxestións de novos títulos!!!



domingo, 18 de dezembro de 2016

PRIMEIRA EXPERIENCIA BOOKTUBERS

O noso club de lectura gusta moito de experimentar e innovar, así que pensou en dar o salto á gran pantalla!!!

Iniciamos, da man de Antía e Esperanza, esta nova experiencia como booktubers a partir da lectura que fixemos conxuntamente da novela de María Reimóndez, A dúbida.






Seguro que atopades pistas de lectura interesantes, mais non esquezades que nunca se conta todo...

Convidadas quedades!

domingo, 3 de julho de 2016

LECTURAS DE VERÁN

Enchemos a mochila do verán con novas lecturas e para iso tomamos prestada esta completa exposición de animación á lectura elaborada pola veciña Biblioteca e o EDLG do CPI As Revoltas.

Cantas caras coñecidas imos atopar por aquí! Menudas sorpresas que nos dá a lectura!


terça-feira, 21 de junho de 2016

QUEN SON AS AUTORAS E AUTORES MÁIS LIDOS NOS CLUBS DE LECTURA?

Como todos os cursos, a asesoría de bibliotecas escolares recompila as autoras e autores máis lidos nos clubs de lectura galegos.

Seguro que vos soan moito algúns deses que ocupan os primeiros postos, non si?