quarta-feira, 1 de fevereiro de 2017

NEGRUÑA, DE XOSÉ DUNCAN



Negruña, a novela de Xosé Duncan, é a vindeira novela que agarda polo club de lectura de 4º ESO. 

O título ten reminiscencias cunha localidade urbana ben próxima a nós -Coruña-, malia o tempo en que se ambienta ficar un pouco lonxe de nós, xa que nin máis nin menos imos viaxar cara ao século XXIV.

Desde logo, desde as primeiras páxinas intuímos unha lectura ben novidosa, por iso nesta ocasión lle pedimos ao propio autor, Xosé Duncan, que nos suxerise un comezo, unhas primeiras palabras para entrarmos nesta distopía dificilmente imaxinábel... ou non...

Velaquí o convite lector de Xosé Duncan! Moitas grazas!


Parece estraño que un lugar poida ser unha viaxe mais, en Negruña, así é. 
Para min foi unha viaxe de ida e volta. 

Fun ao meu pasado, a cando eu cursaba BUP e lía a Huxley, Orwell e Bradbury (mais, tamén, a Poe, Shelley e Stoker), e volvín ao presente, a estes días que nos tocou vivir, tinguidos de inxustizas, recortes e privación das liberdades. 

Como sempre fun moi de fantasía, quixen vestir a negrura actual cun halo de maxia e misterio. 

Din vida a dúas mozas e a un mozo que, malia seren coma nós, posuían algo que os facía especiais, diferentes. 

Negruña é A Coruña do século XXIV. Unha cidade famenta e devoradora. Unha cidade na que sobrevivir convértese nunha auténtica aventura. 

Os Controladores vixían que os cidadáns se comporten dentro das normas estabelecidas polo Concello. 

Os Fillos do gas tentan agocharse da sentencia a morte que caeu sobre elas e eles. 

O trío de protagonistas soñan cun mundo mellor, como facemos calquera de nós. 

E, en medio da decadencia desa cidade do futuro, outra viaxe ten lugar. 

Un percorrer pola historia que nos leva aos últimos días de vida de Rasputín, á Sociedade Thule dos nazis e até a India da Compañía Británica. 

Convídovos a que formedes parte desta historia, a que sexades fillas e fillos do gas por uns días, a que viaxedes a través da historia e escapedes, xunto cos escollidos, da ambición da humanidade por controlar e dominar aqueles que son diferentes. 

Benvid@s a Negruña.

Sem comentários:

Enviar um comentário