segunda-feira, 27 de fevereiro de 2012

NOVA TERTULIA LITERARIA

Este club non para! Xa temos nova lectura devorada e o próximo mércores 29 de febreiro, para despedir este mes que converte o 2012 nun ano bisesto, reunirémonos nunha nova tertulia literaria.

Seguro que este Chamádeme Simbad acordou moitos pensamentos e sensacións!

Déixovos aquí o un vídeo que nos achega a Francisco Castro, o escritor que está detrás desta fermosa historia de amor familiar.

quinta-feira, 23 de fevereiro de 2012

LITERATURA E CINE DE GOYA CON ARRECENDO GALEGO

Seguro que xa vistes a gala de entrega dos Premios Goya do cine español. E seguro que xa sabedes que o filme de firma galega -coruñesa, concretamente!- Arrugas, conseguiu dous importantes premios. 

E sabedes que antes de chegar esta historia sbre o alzeimer ao cine xa nacera en formato libro? Asegúrovos qe é unha obra  ben fermosa, moi relacionada co noso Chamádeme Simbad que andamos a ler nestes días...

Polo de agora, déixovos a capa de presentación. En breve, traerémolo para que nos acompañe no club de lectura e na biblioteca.

terça-feira, 14 de fevereiro de 2012

CAL É A TÚA POSTURA FAVORITA?

Lemos... e moito! Mais, como lemos? Cal é o mellor recuncho para ler? E a mellor postura?

Contade, contade...

Quen es ti?

segunda-feira, 13 de fevereiro de 2012

REPORTAXE TERTULIANA

Chegou unha nova tertulia na sección do club de lectura de 1º e 2º de ESO, aínda que con algunhas pequenas baixas "temporais". De novo acompañáronnos as historias de lobos. Houbo quen gozou máis e quen menos coa lectura de Pel de lobo. Mesmo aqueles que non deron rematado a lectura, quedaron con ganas de continuala, porque, como puidemos comprobar, o final tan emocionante e sorprendente agóchase nas últimas páxinas.


Ademais da parola, tivemos a oportunidade de ler un pequeno texto autobiográfico dun home ao que de nono, nas terras de Vimianza, un lobo pegou trinta e tres trabadas no pescozo. Non dabamos creto de que estas situacións tamén se puidesen dar máis aló dos libros e das historias que neles se contan. Grazas á profesora Rosa Rial por nos ceder esta hstora que ela conserva coma un tesouro!



E xa andamos metidos na próxima lectura!!! Desta volta enredaremos con piratas!!!

sábado, 11 de fevereiro de 2012

CHAMÁDEME SIMBAD

Este é o novo título que temos xa entre mans no noso club de lectura de 1º e 2º de ESO. 

Xa hai quen empezou a lelo. Es ti unha desas persoas? 

Caeches xa na aventura de Simbad?

Cóntovos un segredo? Francisco Castro, o creador desta fermosa novela, agasallaranos coa súa visita!!!

terça-feira, 7 de fevereiro de 2012

BICENTENARIO DE CHARLES DICKENS


Este autor, que ambientou a inmensa maioría das súas novelas no Londres do século XIX, non dubidou en acometer a función social do seu oficio para, nesta cidade florecente, criticar a súa pobreza, as duras condicións laborais, o analfabetismo e os problemas hixiénicos e sanitarios que causaban estragos na poboación.

Aproveitando esta efeméride, lanzamos unha recomendación lectora deste autor referencial na narrativa do século XX: Oliver Twist.

Nesta novela, publicada por entregas entre 1837 e 1839, nárrase a historia dun orfo abandonado nun hospicio e empurrado logo á mala vida. 

Non vola perdades!

segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

PRÓXIMA TERTULIA LITERARIA

O vindeiro mércores 8 de febreiro reunirase novamente a tertulia literaria de 1º e 2º de ESO.

Vémonos na biblioteca! E preparádevos porque imos coñecer de primeira man algunhas historias verdadeiras protagonizadas polos lobos!!!


Polo de agora, ímoslle botar un conto que se titula: 

O gaiteiro e os lobos
Era unha vez un gaiteiro que viña xa de tarde pola fraga dispois dunha parranda, e como tiña  moito sono deitouse nunha pila de folla. Durmiuse, e estando durmido veu o lobo, oliscouno, e tapouno un pouco cas follas pensando quizais en voltar deica logo cos compañeiros.

O noso homiño, que se despertara ao sentir vir os lobos, subiuse a un carballo.
Viñeron os lobos e empezaron a fozar na folla, pero como non no atoparon, empezaron a pelexar co que os chamara.
Nesto que o noso gaiteiriño vendo a pelexa que tiña os seus pes, empezou a acerretar pra que lle seguiran zoupando o lobo que o descobriu, pero velaí que cando se dan de conta que o carallo da cea estaba no carballo, deixaron a pelexa e empezaron a roelo carballo. Mais cando o carballo xa ía a cair, o gaiteiriño pasou polas gallas a outro carballo.

Empezaron os lobos con mais fame aínda a roelo tamén. Pero agora xa non había outro pra facer o mesmo de antes. Ao darse conta, o homiño disto dixo.

- Me cago no mundo, si hei de morrer... que sexa tocando.

E empezou a tocar na gaita. Non se sabe como, pero en canto a gaita empezou a berrar, fuxiron os lobos coma se oisen as galochas do demo. O noso gaiteiro baixouse do carballo sen deixar de tocar a gaita, e tocando sen parar nin un momento chegou á aldea.

Dende entón os desta parroquia cando teñen que ir polo monte e non teñen armas levan a gaita.

quinta-feira, 2 de fevereiro de 2012

TERTULIA LITERARIA ENTRE LOBOS

Si, si, ledes ben, os lobos acompañáronnos na lectura de Pel de lobo, mais tamén na nosa tertulia do segundo ciclo, grazas ás lembranzas que a profesora Rosa Rial garda da súa infancia de testemuños vivos de xente que viu o lobo. Quedamos moi sorprendidos sobre a súa capacidade de resistencia e intelixencia para traballar a xente, como se di popularmente.


E vós que contades? Vistes o lobo? Viuvos o lobo?