O vindeiro mércores 8 de febreiro reunirase novamente a tertulia literaria de 1º e 2º de ESO.
Vémonos na biblioteca! E preparádevos porque imos coñecer de primeira man algunhas historias verdadeiras protagonizadas polos lobos!!!
Polo de agora, ímoslle botar un conto que se titula:
O gaiteiro e os lobos
Era unha vez un gaiteiro que viña xa de tarde pola fraga dispois dunha parranda, e como tiña moito sono deitouse nunha pila de folla. Durmiuse, e estando durmido veu o lobo, oliscouno, e tapouno un pouco cas follas pensando quizais en voltar deica logo cos compañeiros.O noso homiño, que se despertara ao sentir vir os lobos, subiuse a un carballo.
Viñeron os lobos e empezaron a fozar na folla, pero como non no atoparon, empezaron a pelexar co que os chamara.
Nesto que o noso gaiteiriño vendo a pelexa que tiña os seus pes, empezou a acerretar pra que lle seguiran zoupando o lobo que o descobriu, pero velaí que cando se dan de conta que o carallo da cea estaba no carballo, deixaron a pelexa e empezaron a roelo carballo. Mais cando o carballo xa ía a cair, o gaiteiriño pasou polas gallas a outro carballo.
Empezaron os lobos con mais fame aínda a roelo tamén. Pero agora xa non había outro pra facer o mesmo de antes. Ao darse conta, o homiño disto dixo.
- Me cago no mundo, si hei de morrer... que sexa tocando.
E empezou a tocar na gaita. Non se sabe como, pero en canto a gaita empezou a berrar, fuxiron os lobos coma se oisen as galochas do demo. O noso gaiteiro baixouse do carballo sen deixar de tocar a gaita, e tocando sen parar nin un momento chegou á aldea.
Dende entón os desta parroquia cando teñen que ir polo monte e non teñen armas levan a gaita.
Sem comentários:
Enviar um comentário