sábado, 28 de junho de 2014

O CLUB DAS EX- RECOMENDA (V)

Laura Mariño Taibo lembra a súa estadía no noso centro a través das lecturas que a marcaron.

Moitas grazas, Laura, por compartírelas connosco nesta casa común dixital para o reencontro e a boa conversa!!!



Cando boto a ollada atrás e lembro os tempos no Xosé Pichel, un dos recordos  que máis fixados teño na memoria ten a ver cos libros. Lembro perfectamente os recreos nos que estaba de “encargada” da biblioteca, as artimañas ás que recorriamos para, ás agochadas, subir para a biblioteca despois do comedor (malia saber que non se podía), os traxectos no bus sempre cun libro na man, aquelas historias e aqueles personaxes que te mantiñan esperta ata as tantas da noite (Matilda, O buzón dos nenos, Charlie e a fábrica de chocolate, Trece anos de Branca...).

Poder participar neste blog é unha oportunidade para recordar con melancolía aqueles tempos. O certo é que a medida que unha vai cumprindo anos, dáse de conta de que, tal e como xa sinalaron escritores como Baudelaire ou Delibes, a infancia é a verdadeira patria do home. E orgullosa podo dicir que a miña infancia estivo chea dos libros da biblioteca do CPI Alcalde Xosé Pichel.

Vouvos facer tres recomendacións moi diferentes, como ides poder ver, pero cada unha responde a un recordo, a unha emoción ou a un sentimento.



Reválida de sexto
Segunda obra do coristanqués, máis concretamente de Seavia, José Antonio Andrade. Despois do éxito de Seavia é nome de parroquia, este avogado convertido en escritor, valéndose da técnica do manuscrito atopado, trasládase aos anos setenta para lembrar a súa propia época escolar na “Academia Zeus” (trasunto do colexio Leus de Carballo) e a vida carballesa do momento. Unha boa obra para coñecer o sistema escolar de finais da ditadura e saber un pouco máis da mocidade dese momento, é dicir, da mocidade dos nosos pais e nais.




Os escaravellos voan á tardiña
Publicado orixinariamente en 1978 en Suecia, é este un libro que segue sen pasar de moda. Lembro aquelas noites de verán, devorando as follas ata que o sono podía comigo! Durante un verán, tres amigos coidan as plantas na casa dunha veciña que está de viaxe, o que eles non sospeitaban é que, grazas a unha misteriosa planta que parecía coñecer a xente, atoparían no faiado unhas cartas do século XVIII a través das que  descubrirán unha historia de amor chea de atrancos, unha estatua maldita e múltiples enigmas que van resolvendo polas pistas que a planta lles vai ofrecendo.  É unha desas historisa que non poderedes parar de ler ata que atopedes todas as respostas!!



Do descoñecido ao descoñecido
Antoloxía da obra poética de Manuel Rivas, cuxa exitosa obra narrativa eclipsa unha faceta poética de gran calidade.  Características desta lírica son a linguaxe aparentemente sinxela, a ironía, o espíritu de rebeldía, o humanismo, personaxes aventureiros e marxinais, nostalxia da nenez e, sobre todo, a aparición do mundo urbano en loita co rural, que aparece como un mundo próximo á extinción. 


 Velaquí dous dos poemas que máis me transmiten: 


A NEGRA TERRA

De falar, falarei coa terra.
A terra verdadeira,
A negra terra
Onde prede a raiz.
A terra que se pisa.
A terra que se queima e que se crava.
Ese enorme lenzo onde o home debuxa o  seu
                                                                      capricho.
Onde o home se perde e se revolve en sombras.
A negra terra,
ese corpo de puta vella con dentes amarelos de
                                                                         tabaco,
con  olleiras negras de tan azuis.
De falar, só con ela falarei
e falarei coas mans,
docemente coas unllas,
coa paixón dun amante,
como falan, cando albiscan a morte, os
                                                                   xabarins feridos.
Coa terra, con esa negra terra
que cuspe, como sangue do peito, primaveras.


VIAXE

Disme que temos que levantar o voo,
cambiar de aires,
fuxir,
pero onde vaiamos, iremos ti e máis eu
e quen sabe se todo isto non virá tamén.



Bo verán e boas lecturas!


quarta-feira, 25 de junho de 2014

O CLUB DAS EX- RECOMENDA (IV)


Adriana Velo recomenda para este verán a lectura de Palabras envelenadas de Maite Carranza, unha novela que nos presenta con estas súas palabras emocionadas.


Foi, sen dúbida, unha das historia máis impactantes que lin. 

O feito de que o lector acompañe aos investigadores na súa loita por descubrir a verdade fai que sexa un libro moi interactivo e envolvente..


Dende o primeiro momento ata o final mantivo a miña curiosidade totalmente aberta e fíxome sentir emocións do máis variadas: pena, noxo, compaixón, alivio... as cales se fan máis fortes sabendo que nalgures algo semellante está a ocorrer na realidade.

sábado, 21 de junho de 2014

O CLUB DAS EX- RECOMENDA (III)

Tócalle quenda agora a Sara Olmedo que, ademais de se dirixir a nós cun inicial saúdo lector, vainos transportar ás intimidades dalgunhas das súas lecturas favoritas a través das citas literais.

Con Sara vos deixamos...

Boas a todos os compañeiros do club de lectura! Eu son Sara Olmedo, unha ex-alumna que tan só aproveita para darvos uns consellos:
 
Para algúns este ano vai ser o derradeiro neste instituto e para outros este só foi o primeiro. Eu, coma vos, hai tan só dous anos estaba aí, nese magnífico centro, que, coma a moitos, lles deixou unha gran pegada no corazón. Aos máis novos estrañaralles iso que acabo de dicir, pero aos máis vellos xa lles soa un pouco mái,s xa que están nas portas de saída. Soamente quería pedirvos que neste club de lectura disfrutedes de cada liña, de cada palabra e cada letra que leades, de cada cousa nova que descubrades, de cada personaxe e de cada historia. Que oxalá os libros vos abran a mente e vos inciten a descubrir novos mundos e a ter unha propia visión do voso. Que todos levamos un soñador e unha alma libre que pode conseguir cousas extraordinarias, e que vós tamén podedes facer soñar como algúns dos meus compañeiros xa fan. Aproveitade os momentos e todas as persoas que pasan pola vosa vida como os aproveitan os personaxes dos libros. Dádelle as grazas a cada profesor que pasa pola vosa vida como eu fago, posto que cada un deles formará máis adiante parte do voso pensamento. Loitade por aquilo no que credes. Sede vós e que ninguén vos incapacite para nada. Cada un de vós sodes únicos e nesta etapa descubrirédelo.
Como xa dixen, eu volvo a darlles as grazas a todos os personaxes, libros, frases, palabras e profesores que pasaron pola miña vida. Apertas, e disfrutade dun verán ben merecido.
 
Un bico, a orgullosa ex-alumna, Sara.

PROPOSTAS LECTORAS
 
 
As viaxes do príncipe azul. Darío Xohan Cabana
“-Si, non hai mellor vida ca esa. E ti aínda tes sorte, que che toca facer de bo, pero eu… Mira, todo podía pasar, agora que esa teima de deixarme mozas atadas a un carballo, para que as coma ou sabe o demo qué ... eso moito me amola. Eu sonche un humanista, sabes, e radicalmente contrario ao homicidio.
- É mellor que botes outro bramido. Deixámonos levar polo pracer da conversa e esquecémonos de darlle verosimilitude á nosa épica batalla.
-Case vou dar tamén unhas xostregadas co rabo polas paredes. Son de moito efecto.
Sentiuse un horrísono ruído de metal contra a pedra.
-Tampouco hai que pasarse, Pepe. Van pensar que me venciches, e non era ese o trato!.”


A cidade maldita. Xelucho Abella
“O interpelado, antes de contestar, mirou aos ollos do druída. Creu ver neles sinceridade e confianza. Así que non dubidou en responder:
-Estou disposto.
A primeira proba era de celebrar alí mesmo na praza. No centro había un xardinciño circular, co céspede ben coidado, rodeado dunha reixa de ferro para protexelo dos cans e os rapaces (…). Seguindo as indicacións do Druída, Cibrán pisou por riba do xardín, pousou un pé en Cor e outro en Lab, pero nada sucedeu.
-Xa mo decía a alma!- rosmou a da úlcera.
-Isto si que foi ir á corte e matalas todas!- Pensou para si Cairbar”


Os megatoxos e os templarios da luz. Anxo Fariña
“ Ninfa observou como durmía o resto da improvisada tripulación do navío. A plácida escuridade que reinaba no fondo do océano, e a respiración do submarino constante e monótona, incitaba a deixarse levar pero, aínda que lle gustaría relaxarse e durmir, non era quen.
Como o resto do gupo, ela pasara as primeiras horas de viaxe impresionada coa vista, mirando a fauna submarina polas claraboias. Resultara un tempo agradábel no que as preocupacións parecían esvaecer coa maxia das correntes do mar. (…)
Dúas horas máis tarde o submarino chegaba á desembocadura do Río Sena. A partir de alí, abandonarían o mar para iniciar o ascenso polo curso do río ate chegar á Cidade das Luces, París.”


Cartas de Inverno. Agustín Fernández Paz
“Cando tiven o gravado diante dos meus ollos, unha suor fría inunduome o corpo enteiro, mesmo se me nubrou a vista uns instantes. Porque alí, naquela imaxes, aparecía o mesmo cuarto e a mesma rapaza. Pero a rapaza cambiara de posición e estaba agora apoiada contra a fiestra, cos ollos fixos en min, e cunha expresión que a primeira vista parecía suplicante, pero na que crin percibir un aquel de maldade. Pechei o libro de golpe e tireino ao chan da cociña. Horrorizábame tocalo, arrepiábame estar no mesmo cuarto que ese libro maldito.
(…) Carta: Non me busques máis, porque eu xa estou perdido. Se me vises agora, escaparías de min. Para entendelo, terías que ver o que eu vin, terías que saber o que hai aquí abaixo. Se atopase palabras para dicirche o que existe na cripta, para dicirche en que me convertín, poderías tolear para sempre. Vaite ti que aínda estás a tempo! Vaite e abandona esta casa e o que aínda queda de min!”


O único que queda é o amor. Agustín Fernández Paz
“Ao chegar á súa casa, contemplou con pesar as tarxetas que preparara para colocar en días vindeiros. Agora ficaban esparexidas encol da mesa, como cartas de amor dirixidas a ninguén, papeis que un día foran marabillosos e que aparecían arestora cargados de tristeza. Decidiu queimalas, non era preciso que pasasen máis días para ter a certeza de que Sara nunca volvería. Buscou unha bandexa metálica e depositou nela as tarxetas. Despois prendeu un misto e prendeulles lume. E ficou alí, inmóbil, mentres lía algúns dos versos soltos que se retorcían entre as chamas, nun intento inútil de evitar a súa combustión; os mesmos versos que el seleccionara pacientemente nalgúns dos seus libros máis queridos, na procura de palabras que tamén puidesen ser súas:
 
A túa voz é delgada coma un bico.
Fago sinais vermellos sobre os teus ollos ausentes.
Non quero máis que estar sobre o teu corpo como lagarto ao sol os días de tristeza.
A curva dos teus ollos rodea o meu corazón
Quero facer contigo o que fai a primavera coas cerdeiras.”


Ollos de auga. Domingo Villar
Leo Caldas chegou á casa cando xa pasaba das dúas da mañá. Deitouse na cama e, mirando para o teito, tratou sen éxito de apagar a luciña que, dende o día anterior, escintilaba na súa mente lembrándolle que algo pasara por alto na inspección da casa da vítima.
Cando quedou durmido esqueceu aquela luz.
Solou con mans pálidas e teclas de piano.”


O misterio das badaladas. Xabier P. DoCampo
“Por ese sistema chegou a cada casa un exemplar que cada rapaz leu con atención. Ningún deixou nin unha soa liña sen ler, e ningún atopou naquel xornal ningunha nova pista do misterioso tocador da campá”


O CLUB DAS EX- RECOMENDA (II)

A recomendación de hoxe vén da man de Ylenia García que nos propón descubrir a narrativa de Carlos Ruiz Zafón.

Carlos Ruíz Zafón é un dos referentes da narrativa actual castelá, xunto con autores como María Dueñas ou Julia Navarro. Ademais, este autor nas súas obras ten como lazo común a intriga, o escuro, a fantasía, o amor verdadeiro e, por outra banda, aquel amor que sempre acaba mal. Os feitos sempre suceden nunha zona de Barcelona onde se desenvolve a investigación dun feito que no pasado non tivo solución e se lle atopa no presente.

Deste autor eu lin dúas obras, Marina e La Sombra del viento, grazas á recomendación dunha persoa moi especial que me insistiu moito nestas lecturas; estes libros fixeron que nun futuro, non moi lonxano, eu visite Barcelona, pois relata lugar por lugar e faite querer estar alí para comprobalo.
 
 

A primeira obra que lin foi Marina, unha obra cunha carga fantasiosa fóra do común, que nos relata a fuga dun rapaz dun internado ata que atopa unha casa na zona onde antigamente vivían as familias acomodadas e hoxe viven uns cantos nas súas maxestuosas casas en ruínas. Alí coñece a Marina, unha xove enferma, unha beleza que vive co seu pai viúvo. Un día caen nunha investigación bastante escura que nos fan volver pasos atrás e nos mergullan nun mundo de fantasía que máis tarde se cruzará coa realidade máis triste.

A segunda obra foi La sombra del viento; neste caso, o protagonista será Daniel Sampere, un xove fillo dun libreiro que visita o cemiterio dos libros, un lugar secreto ao que o leva seu pai e no que lle fan elexir un libro entre millóns, un libro que para o mundo real, non existe. Daniel consegue o libro La Sombra del viento de Julián Carax, e  ao lelo quere mergullarse en máis obras do autor, pero tras recorrer a todos os medios que el ten ao seu alcance, non atopa nin unha soa referencia literaria do autor, ninguén o recoñece ata que un día descobre toda a súa vida e pouco a pouco entremétese nunha encrucillada chea de misterio, que enlaza cunha historia de amor con unha moza chamada Bea. Daniel vivirá unha situación paralela a vida de Julián Carax. 

Para min o mellor libro que lin ata a data de hoxe.

sexta-feira, 20 de junho de 2014

O CLUB DAS EX- RECOMENDA (I)

Iniciamos aquí, e ao longo dos próximos días, unha sesión de recomendacións literarias para este verán que xa peta na porta coa forza das raiolas do sol.

Nesta ocasión serán as compañeiras do noso CLUB DAS EX- quen nos conviden a descubrir as súas últimas lecturas.

Inaugura sección a exalumna e agora recoñecida filóloga e poeta Rosalía Fernández Rial, que nos acompañou moi pertiño nesta pantalla principal nos últimos meses.

Cedémoslle a palabra:



“Poesía e rebelión!” é o título que o escritor Fran Alonso elixiu para a portada do seu último Poetízate (ed. Xerais, 2011); en formato graffiti e sobre un muro de cemento urbano.

 “Poesía e rebelión!”, así, con exclamación! Berrando, cuspindo e con espírito irreverente prologan Alonso e Carlos Negro unha antoloxía de textos subversivos, atrevidos, rebuldeiros, eróticos, festivos, de denuncia, mal falados, sorprendentes…. Unhas composicións, que a pesar de todo, “non morden”, tal e como advirten ambos autores. 



Un libro, en definitiva, para xente moza e inconformista, para recitarlle á orella aos ligues do verán e soltar versos mentres nos tiramos na bici polas pistas de Bergantiños e as praias Costa da Morte… Atréveste? 

Apertas con morriña dese Coristanco no que tanto aprendín! E grazas a Mercedes Queixas, por ser unha desas profesoras que ensinan a berrar: POESÍA E REBELIÓN! POETÍZATE! 

Rosalía Fernández Rial."

UN NOVO PREMIO PARA LEDICIA COSTAS


Escarlatina. A cociñeira defunta é o título da próxima novela de Ledicia Costas, a nosa autora preferida este curso pola sección do club de lectura de 2º ESO.

Nos vindeiros meses verá a luz esta novela que o xurado do Premio Merlín, recentemente fallado, decidiu como a gañadora desta convocatoria. 

Imos dar, mentres tanto, unha ollada a esta entrevista realizada polo crítico Ramón Nicolás no seu blog de actualidade literaria, onde descubriremos un adianto desta novela en palabras da propia autora.

Parabéns para Ledicia Costas que tan perto de nós sentimos este curso!!!!

segunda-feira, 2 de junho de 2014

NOVO POEMARIO DE DORES TEMBRÁS


Aínda podemos lembrar o obradoiro de expresión escrita que hai o curso pasado realizamos coa poeta coruñesa Dores Tembrás.

Hoxe traémola para este noso mundo creativo lector virtual a raíz da recente publicación do seu novo poemario Cronoloxía da urxencia, que foi Premio do Certame de  Poesía do Concello de Carral.

Antes de entrar na lectura de tan fermosos e suxerentes poemas, imos coñecelo en formato audiovisual con esta peza de imaxe silenciosa...