quarta-feira, 28 de janeiro de 2015

ESTREA DO CLUB DE 1º ESO

Recibimos neste Planeta Coristranca con grande alegría a nova sección do club de 1º de ESO que a partir de agora xa realizará lecturas autonomamente e que comentaremos tal e como fan as seccións tertulianas maiores, isto é, unha tarde en horario extraescolar.



Cal foi a lectura común escollida? Xa o adiviñastes? Puxémolo doado, non si?

Se queredes descubrir canda nós quen é Usha, deberiades seguirnos por esta rede, xa que iremos dando pistas...


domingo, 25 de janeiro de 2015

TOMAMOS A PALABRA II

E seguimos coa rolda de pequenas reseñas sobre as lecturas que imos descubrindo. Nesta ocasión, cedémoslle o paso ao comentario crítico de Ana Rodríguez Rodríguez (3º A) sobre a novela Futuro imperfecto, de Xulia Alonso.

O amor e o olvido, a vida e a morte.

Estas catro verbas son a clave a partir da cal nace Futuro imperfecto, unha historia totalmente real, contada pola persoa que foi quen de vivila máis de cerca, a escritora e protagonista Xulia Alonso.

Esta autobiografía cóntanos a experiencia de Xulia, desde os seus dezasete anos, como estudante universitaria en Santiago, onde atopa a peor época para ser unha moza en busca dunha liberdade, o que a levará a parar ao mundo das drogas, como a moitas persoas adolescentes da súa xeración.

A súa loita contra o VIH e a que tamén sufriu o seu compañeiro, Nico, unha das persoas máis importantes da súa vida, pai da súa filla, e a quen axudou a saír adiante todo o posíbel cando nin ela mesma podía. Importantísima tamén a súa filla, pois grazas ao amor de nai, puido seguir coa súa vida despois da perda de Nico.

Unha historia fascinante, que será imposible ler sen que o corpo do lector sufra algún calafrío.

TOMAMOS A PALABRA

Algunhas das lectoras da sección do club de 2º ESO toman a palabra e escriben sobre a última lectura que fixeron, Unha estrela no vento, de Ledicia Costas.

Guiádevos por elas...

A min o que máis me gustou deste libro e o que máis me impresionou foi o personaxe de Abel. Encantoume cando na parte final lle di a Miguel, seu curmán, que se ía á pelexa que estaba convocada tería que coidalo e así non pelexaría. Esa parte foi preciosa, dadas as características tan peculiares de Abel. Creo que foi un dos mellores libros que lin.

Lucía Veiga Veres

Ledicia Costas no libro Unha estrela no vento fai que te metas de cheo na historia e que ao final sintas tristeza por Abel e incluso chegues a chorar.
Ten un final moi curioso, xa que case todos os libros che pintan a vida coma se fose de cor rosa cando o certo é quea vida ten momentos grises e o final pode ser malo.
Neste libro podemos ver algo que agora é moi común como é a falsidade dos amigos.
Gústame que Ledicia escribise o libro cando era nova porque é un punto de vista que eu podo compartir.
Un libro moi recomendable!
Lucía Olmedo Velo

 
A miña opinión sobre Unha estrela no vento é de 10!
É un libro fantástico xa que te introduces nel, na súa trama, como se che estivese a pasar a ti.
Foi unha lectura triste, emocionante, divertida e sinxela. Cada capítulo engánchaba máis e máis.
É un libro fabuloso!
María Rodríguez Fernández


A min pareceume unha historia moi entretida. Parece real!
Enganchoume moito, encantoume. Mais gustaríame que houbese un segundo libro onde Reina e Miguel casaran e tiveran un fillo ao que lle chamaran Abel en recordo do seu primo falecido.
O Bruto é un dos peores personaxes do libro, xunto co pai de Miguel. O Maqui é, en palabras non moi afinadas, un "cabrón", por non lle chamar outras cousas.
Xoan é un moi bo amigo, xunto con Martiño e Bernabé, que me parece un excelente barman; Reina é perfecta, unha moza moi agradable que, queda claro, non ter por que ser mala persoa polo feito de ser xitana.
Á fin, este libro pareceume máis que marabilloso!

PD: A profesora de literatura era unha augafestas e tiña un certo parecido con María :-)

Julián Fuentes Cancela

sexta-feira, 16 de janeiro de 2015

EXTRA! EXTRA!

Acabamos de coñecer o resultado dos primeiros premios literarios do ano 2014.

Trátase dos premios aos mellores libros, autores, editoriais, proxectos culturais, etc. do ano que convoca a plataforma de literatura galega na web




A gran sorpresa é que resultaron premiados dous libros que na actualidade temos entre mans:  

A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, na sección do club de 4º ESO, e Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas, na de 1º ESO.








Dámoslle os parabéns a Agustín e a Ledicia ao tempo que nós voltamos a gozar das súas páxinas.

TERTULIANEANDO

Este xoves estreamos o ciclo de tertulianos deste ano novo.

A novela que nos convocou foi aplaudidísima: Unha estrela no vento, de Ledicia Costas. E moito nos deu para falar, tanto que había que pedir a palabra...



... para escoitar con moooooooita atención tantas emocións como esta lectura fixo acordar en nós...



... mais tamén cantas ocorrencias quedan en segredo connosco e que non imos desvelar...


Rematamos coa lectura dunha entrevista que o curso pasado lle fixeran á autora outros compañeiros do club de lectura e descubrimos todo o que non imaxinabamos que está detrás da escrita desta novela tan impactante.



Non deixedes de procurala por vós mesmas neste noso blog, xa que está accesíbel a todas vós!!!

segunda-feira, 12 de janeiro de 2015

PENÚLTIMAS TENDENCIAS


Operación Triúnfo

Nin de bromas digas que son divina.
Non teño a mellor voz do universo.
Non collo nese talle supersexy.
Non uso o escote como escaparate.
Non quero nin dez minutos de gloria.
Só quero un curso intensivo de bicos,
dúas ou tres frases que soen sinceras
e cinco segundos para decidir se acepto
ou se te envío á papeleira de reciclaxe.

Este é un dos poemas de Penúltimas tendencias, o último libro de Carlos Negro, un libro de versos que nos expoñen ante o espello dunha realidade que teima en nos seguir a converter en princesas rosas.

Mais sabemos que non todo se reduce ao mundo fashion, cool, chic e sexy. Temos unha voz propia e queremos expresala máis aló de campañas mediáticas e anuncios guais onde os corpos semellan funcionar sen pensamento crítico guía.

Ninguén mellor que as palabras do propio autor para dar conta da súa intención ao escribir estes poemas e mais do proceso creativo do que avanzamos un anaquiño:

Como te documentaches para o proceso de creación?
Estiven unha temporada vendo series de televisión que, pola miña experiencia docente, sei que seguen as mozas, vin vídeos na rede, películas e lin revistas de beleza, atendendo á publicidade comercial que estas trasladan do mundo da moda e da imaxe: a Superpop, a Bravo, etc. Trátase dun mercado publicitario ao que as nosas mozas están expostas e que está especializado por idade e por sexo.


segunda-feira, 5 de janeiro de 2015

E EN QUE VEÑEN OS REIS?


Será certo que os Reis Magos sempre veñen en camelos a este país occidental de friaxes, xeadas, chuvias e humidades?

A ver o que conta esta panxoliña do grupo Mamá Cabra no seu libro-disco Xa me tardan estes Reis.



domingo, 4 de janeiro de 2015

FELIZ DÍA DE REIS



Na véspera do Día de Reis, deséxovos un día grande de sorpresas que chegan de quen máis vos quere.

E por se alguén quere saber o que pensan e falan os Reis Magos, podedes pasearvos polos múltiples relatos breves do seu gran libro. 

Con certeza, temos alguén ao redor a quen lle gustaría que o agasallásamos con palabras máxicas reais... ou non?

Velaquí o Libros dos Reis Magos!

quinta-feira, 1 de janeiro de 2015

ANO NOVO... ACTIVIDADE NOVA!

A mellor maneira de inaugurar tempo novo é remudando hábitos e abríndose a novas experiencias, non si?

E canto antes... mellor!!!

Calquera lugar é bo para ler, calquera postura tamén, incluso hai quen as ten favoritas. Ímolo descubrir! 



Velaquí a convocatoria do primeiro concurso deste 2015 organizado polo Planeta Coristranca.

Será un concurso fotográfico que ilustre esa imaxe auténtica, fresca, novidosa, orixinal ou sorprendente ao redor dos libros e da lectura que sabemos que gardades convosco e quixeramos compartir.

O envío das vosas imaxes comeza xa e o prazo límite será o 2 de febreiro para celebrar o Día da Candeloria, o día da festa do amor en que casan os paxariños e mais porque, como di o refrán...

“Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, a metade do inverno está por pasar”.