terça-feira, 28 de novembro de 2017

UN CLUB A MEDRAR...

Xa estamos funcionando a pleno rendemento, mais tiñamos unha débeda pendente: presentar o noso club de lectura ao alumnado que se acaba de estrear no centro en 1º ESO.

Por fin chegou ese día de facermos as presentacións e podemos verificar que a recepción foi do máis positiva.

Estamos seguras de que en breve un novo equipo lector dará moito que falar en Coristranca e que ler...

De quen será o mérito principal? Pois de Carla, Uxía, María e Aarón, expertos lectores de 4º ESO.


quarta-feira, 22 de novembro de 2017

CORISTRANCA NAS ONDAS


Este martes 21 de novembro inauguramos unha nova tempada radiofónica en Radio CUAC FM para falar de libros e lectura, dentro do programa "A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Moitas páxinas de contidos e seccións literarias. Non imos desvelar moito para quen non nos puido escoitar ao vivo e está a agardar polo enlace on line, así que só vos adiantamos algúns nomes que no programa soaron: María Reimóndez, Antonio García Teijeiro, María Solar, Jordi Sierra i Fabra...

Atención, atención, radiooíntes... se non nos escoitastes ao vivo, deixámosvos por aquí o enlace ao programa para que recunquedes na escoita deste fabuloso programa guionizado e locutado por María, Carla e Uxía!!!

MÁIS NOVAS DESDE O CLUB D@S EX-


Seguimos a recibir propostas lectoras do Club d@s Ex- con esta nova reseña de María Rodríguez sobre unha novela que nunca nos deixa sen o necesario pouso reflexivo, sempre e cada día do ano, máis aínda nestas vésperas dun novo 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

Grazas, María, por partillares a túa lectura e valoración crítica sobre A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre.

A Cabeza de Medusa é un libro incrible, que todo o mundo debería ler, pero sobre todo, os adolescentes.
Nestes momentos, como todos sabemos, as rapazas estamos máis expostas que os rapaces a que nos suceda calquera cousa se camiñamos soas pola rúa un día pola noite; pode ser que nos rouben, que nos violen, e incluso que nos maten, e como non, a culpa sempre recaerá sobre nós. Cuestionarase como iamos vestidas, que faciamos a esa hora SOAS pola rúa, por que non nos acompaña un amigo... e neste libro sucede algo así.
Unha noite na que dúas amigas saen de festa e que podía ser estupenda, remata con dúas violacións. As rapazas violadas, Sofía e Lupe, atrévense a denunciar o sucedido, pero a presión social, o mal compañeirismo e a preocupación polo 'que dirán' provocan que se sintan culpables e unha delas acabe retirando a denuncia.
Nesta lectura atopámonos con todo tipo de persoas, pero, como case sempre, aparecerá alguén que evite que non penses no sucedido e que, pouco a pouco, volvas á túa vida normal sen que ninguén te xulgue e que, se o fan, non che afecte o máis mínimo.

Agardo que desfrutedes da lectura igual, ou incluso máis, ca min e que sigades lendo moito tempo máis, porque os libros son vida.
 


sábado, 18 de novembro de 2017

E QUE CONTAN POLO CLUB D@S EX-?


Desta volta é a nosa excompañeira do club Patricia Bardanca quen volve onda nós para compartir o seu novo percorrido lector.

Lourenço Xograr é o título da novela de Manuel Portas que ela nos recomenda con esta ben suxestiva reseña.

Moitas grazas, Patri!!!


A última lectura que fixen foi a de Lourenço Xograr, unha historia ambientada no século XIII, na Idade Media, que nos transporta a outra sociedade, a  outros pensamentos e á nosa lírica medieval. Poderemos contemplar esta época vista dende diferentes perspectivas.

 Lourenço é o gran protagonista desta novela, na que haberá múltiples aportacións históricas e políticas reais desa mesma época. 

A novela divídese en dúas partes, a primeira cun narrador omnisciente que narra a vida de Lourenço e a segunda con diferentes narradores, todos personaxes da novela, que nos irán contando a historia dende a súa perspectiva. Nalgún caso mesmo farán denuncias sociais, como consecuencia de numerosos comportamentos que se daban. 

Recomendo esta lectura porque nos traslada a unha historia ficticia dunha época pasada da nosa Galicia, pero con intervención de personaxes que si existiron, como María a Balteira, e con acontecementos históricos e políticos que tamén foron reais. Unha historia na que comprenderemos moitos pensamentos e situacións que se viviron anteriormente e que a miúdo nos custa crer.

sexta-feira, 17 de novembro de 2017

NOVA TEMPADA TERTULIANA


O tempo de outono semella que non quere chegar, mais o das tertulias non o deixamos escapar. Así que aquí estamos de novo a voltas coas nosas lecturas.

Nesta ocasión inauguramos o equipo de 3º e 4º de ESO con dúas novelas de María Reimóndez, A dúbida e Corredora.

Non sabemos cal das dúas vos recomendar en primeiro lugar porque non somos quen de escoller nin de prescindir de ningunha!!!



Se cadra imos deixándovos por aquí nos próximos días algunhas ideas e pistas para que vaiades creando opinión e vos lancedes ao mergullo destas páxinas que non vos deixarán indiferentes.

domingo, 12 de novembro de 2017

VOLVE O CLUB D@S EX-


Xa nos tardaban as colaboracións do noso ilustrísimo Club d@s Ex, mais comezan a petar na porta e abrímoslla inmediatamente para saber que andan a ler e que pistas nos deixan por aquí.

Este curso inaugura a rolda de intercambio literario Antía Varela que por primeira vez en varios cursos xa non nos acompaña nas aulas, nin nas tertulias nin nas actividades extra... E canto a estrañamos!!!!

Menos mal que  non perde ocasión de compartir connosco a súa última lectura, O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas. A ver quen é a próxima en lelo?


Teño que dicir que me pareceu unha lectura bastante difícil, tiven que volver atrás moitas veces porque me perdía continuamente, xa que consta de varios enfoques diferentes que se producen de forma brusca.

Son consciente de que se me escaparon moitos detalles importantes e de que, por suposto, precisa unha segunda lectura que pronto será realizada.

Esta novela trata sobre a estancia do doutor Daniel Da Barca no cárcere de Santiago de Compostela. A historia é contada maioritariamente por Herbal, un dos gardas, a sombra do doutor durante o tempo que estivo encadeado, mesmo foi con el a todos os sitios aos que o trasladaron.

Estes dous personaxes, tan diferentes entre eles, estaban unidos polo amor que sentian cara Marisa Mallo, a parella do médico. A historia entre Da Barca e Marisa deixa claro que o amor non entende de fronteiras, mantiveron a súa relación a pesar de todas as dificultades que se lles presentaron.

Non vou destacar moito máis desta primeira lectura pero preciso rematar esta reseña nomeando a frase que máis me marcou do libro; o momento no que a un inspector lle cae a pistola da funda e o doutor di: "Caeulle o corazón ao chan, colega."