terça-feira, 27 de março de 2018

RESEÑEANDO... ENGURRAS

Esperanza Muñiz non nos puido acompañar na última tertulia, mais envíanos a súa impresión lectora sobre Engurras para compartir connosco desde as súas experiencias vitais coa avoa Martisa. Que sorpresa!!!!



Como me gustaría estar con vós na xuntanza do club para falar deste libro!

Queríavos contar que coñecín unha señora á que lle chamabamos "avoa Martisa". Vivía soa con 90 anos, sempre foi unha muller con forte carácter e nunca quixo axuda de ninguén, nin sequera dos servizos sociais.

A avoa Martisa esqueceu como se cociñaba, pero sabía que o mellor aceite era o "Carbonell" e o mellor viño o "Campo Viejo".



A avoa Martisa esqueceu que para ouriñar de noite había que ir ao baño e facíao directamente na alfombra e, pola mañá, ao poñer os pés nela e atopala fría coma a lama, choraba porque algún mal cristián lla fora mollar.

A avoa Martisa esqueceu que para ver precisaba lentes, pero ela recitaba sen tatexar:

Se me dás o que che pido
non che hei de pedir a vida, 
da cintura para abaixo,
da rodilla para arriba.

Unha noite a avoa Martisa escoitou voces e subiu buscar quen lle falaba... co risco de perderse ou morrer de frío. 

Tamén acabou nunha residencia coma Emilio. Soa.

quarta-feira, 21 de março de 2018

PALABRAS NADA ENRUGADAS

O club de lectura de 1º ESO renovou o tempo de xuntanzas de comezo da primavera. Nesta ocasión foi protagonista a lectura de Engurras, unha historia en banda deseñada que non nos deixou indiferentes.


segunda-feira, 12 de março de 2018

E VEÑAN MÁIS PALABRAS AO CLUB D@S EX!

Recibimos unha nova compañeira de viaxe virtual agora que xa non a temos connosco no centro: Nerea Fernández. Benvida!!!

Para esta primeira colaboración, Nerea preséntanos unha obra ben coñecida, escrita por Xabier P. Docampo, O misterio das badaladas.

Ollade para as súas impresións lectoras que son porta para abrir á descuberta dunha historia ben misteriosa e curiosa...



Gustoume moito a idea de que as ex-alumnas seguisen participando no Club. Como eu tamén son unha delas, aquí vos deixo un libro magnífico de Xabier P. Docampo titulado O misterio das badaladas

Como o propio título di, esta historia trata dun reloxo que se acaba de poñer en marcha e as súas badaladas son exactas, doce badaladas, pero ás doce da noite dá trece! 

Como pode ser posible? 

Se queredes axudar aos rapaces a descubrir o misterio, tédelo que ler. 

Dende logo é un libro que te mete de cheo na historia que conta, xa que te fai pensar como é posible que dea unha badalada de máis e sobre todo ás doce da noite.

quinta-feira, 1 de março de 2018

CORISTRANCA DE NOVO NA ONDA


O pasado martes 20 de febreiro visitamos na Coruña novamente o estudo "José Couso" de Radio CUAC FM para emitir un novo programa " A fume de carozo", promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña.

Nesta ocasión o equipo de guionización e locutación correu a cargo de membros do club de lectura de 4º ESO e por se non chegastes a tempo de os escoitar ao vivo ou queredes recuncar- agora é o momento estupendo desde este enlace que vos ofrecemos. 








Neste programa quixemos prestar atención especial á inmediata celebración do Día de Rosalía e descubir a María Victoria Moreno, autora destacada este ano na celebración do Día das Letras galegas ou a Eli Ríos, a autora que se esconde tras a intensa novela que acabamos de ler, Luns, publicada pola editorial Xerais.

Ogallá vos preste tanto escoitarnos como nós aprendemos preparándoo!

Até o próximo programa!