Estabamos á espera das respostas de Agustín Fernández Paz ás nosas preguntas e chegaron de contadiño.
Velaquí están, recén tiradiñas do forno da conversa dixital.
Dámoslle as grazas a Agustín, o escritor que nos acompañou nesta primeira estación onde o club fixo parada lectora.
Agustín na súa mesa de traballo |
P.
A diferenza doutras obras túas que temos lidas, neste caso encontrámonos cun
conxunto de relatos breves e non con novelas de maior ou menor extensión. En
que rexistro te encontras máis cómodo?
R.
Escribir contos gústame moito, é diferente de escribir unha novela. A novela
esixe unha dedicación plena durante varios meses, meterte nun mundo que tes que
ir creando. O conto, pola contra, é coma unha carreira de velocidade: predomina
a intensidade sobre a extensión.
Atópome
cómodo nos dous rexistros; eu creo que cada historia pide a súa extensión, e
mesmo un estado de ánimo distinto.
P.
Calquera dos relatos do libro podería ter un desenvolvemento maior, é dicir,
podería chegar a ser unha novela?
R.
Se cadra, algún si, pero outros non. “A porta do Alén” e “O pozo”, de querermos
amplialos, seguro que daban máis de si, habería que crear outras subtramas.
Pero concibinos como contos, así que iso obriga a unha concisión maior.
P.
Sorprendeunos a importante documentación que achega o relato "A Porta do
Alén". Como foi o proceso de documentación para ambientar o relato?
R.
Todas as historias que escribo teñen unha documentación detrás. Iso é moi
importante, porque axuda a escribir con seguridade o relato e que esa
seguridade se transmita aos lectores. Neste caso, mergulleime na tradición
celta sobre o Alén e a noite do Samaín, cando se abren as fronteiras entre os
dous mundos. E tamén me metín no esoterismo, todo o relacionado co pentáculo de
Salomón, sobre o que hai moito escrito. Sobre megálitos non me fixo falta,
porque xa sei moito dese tema.
P.
Tamén nos chamou moito a atención "A mirada de K". Cal foi o elemento
inspirador que deu pé a esta historia?
R.
O elemento inspirador saíu desa reunión en Boloña á que fago referencia na
dedicatoria. O influxo que podía exercer unha caveira. A partir de aí, fun
trenzando o relato (tamén me tiven que documentar sobre o Tarot!)
P.
Existe a casa e, sobre todo, o pozo de Pontedeume do relato O Pozo?
R.
Non, non existen. Elixín Pontedeume porque é unha vila que coñezo ben,
cadrábame para a historia. E, en canto ao pozo, tiña na memoria outros pozos
semellantes en Vilalba, na miña infancia. De calquera xeito, tamén busquei
documentación sobre pozos e sobre outros detalles arquitectónicos.
P.
Ao igual que noutros libros teus, tamén este nos achegou información
extraliteraria, como é o paseo pola pintura de Magritte. Por que escolliches
este autor para o relato?
R.
Gústame introducir outras informacións, sobre todo se encaixan ben co que quero
contar. E a Magritte xa tiña ganas de metelo desde hai tempo, porque os seus
cadros parécenme moi narrativos e dunha grande creatividade. Recoméndovos que
lles deades unha ollada, ides quedar abraiadas/os. Ademais, atopei un cadro que
tiña o título axeitado para a historia que estaba a contar.
P.
O relato "Os fillos de Hamlet" fixo revivir, especialmente, nas
profesoras medos da súa adolescencia, como os perigos de facer autostop e as
advertencias dos seus pais e nais. As alumnas, pola contra, non o sentimos da
mesma maneira. Quere isto dicir que os medos mudan co paso do tempo?
R.
Non só mudan co paso do tempo, senón que cada persoa ten os seus específicos.
Algo que a min me dá medo, pode non darlle ningún a outra persoa, é viceversa.
Malo será que, se fas autostop, teñas tan mala sorte coma os pobres actores!
P.
Este libro nace como unha homenaxe a Lovecraft; é o teu escritor de medo
favorito? Dentro deste subxénero literario, tes algún outro?
R.
Concibín o libro como un conxunto de contos de medo. A medida que o escribía,
foi madurando a idea de que Lovecraft tivese presenza importante. En relatos
como “O pozo” ou “Os fillos de Hamlet” é onde máis se nota a súa influencia.
Ademais deste home, gústanme especialmente Edgar Allan Poe e un inglés chamado
M. R. James.
P.
Que lectura nos recomendarías deses autores?
R. De
Poe, recomendaríavos unha selección dos seus contos (hai varias en galego, O escaravello de ouro está ben) e a súa
novela Narración de Arthur Gordon Pym,
que tamén temos en galego.
De
Lovecraft, os de Urco Editorial editaron ultimamente algúns dos libros deste
autor. En Xerais hai unha selección de contos, poden servir de aperitivo. Pero
ten relatos longos e novelas que son do mellor: O caso de Charles Dexter Ward, O
horror de Dunwich, A sombra sobre
Insmouth...
P.
Hai unhas semanas traballamos en clase co texto "Teño medo..." co que
Xabier P. Docampo se despide no seu libro Cando petan na porta pola noite.
Lembras os teus medos de adolescente?
R.
Quen non tivo medos? Quen nos os ten aínda hoxe? Varían cos anos. Os da
adolescencia quédanme lonxe, creo que non vos diría máis ca tópicos (medo a non
ter amigos, medo a perder os seres queridos... En todo caso, contéstovos cuns
versos de Rosalía: “Teño medo á desgracia traidora / que vén e non se sabe de
onde vén”.
É un luxo ter " enchufe" co autor do libro que vimos de ler!Gustoume moito comprobar que, como non pode ser doutro xeito, detrás de toda obra remarcable hai un gran traballo de documentación, de coñecementos, de cultura e de bagaxe de vida. Quizais os nenos saiban así que nada é por casualidade e que todo require do noso esforzo. Celebro que este libro invite a ler outros libros, as recomendacións literarias do autor, as invitacións pictóricas.
ResponderEliminarParabéns á entrevistadora e grazas ó entrevistado.
Alégrome moito de que respondera as nosas preguntas, e tan axiña!
ResponderEliminarEu non rematara de leer o libro de ''As fronteiras do medo'' cando tivemos a reunión do Club de Lectura, pero agora xa sí, e podo decir que estivo moi ben, aínda que algúns relatos gustáronme máis que outros.
E por último só decirlle que Grazas por responder as nosas preguntas.
Un saúdo.