terça-feira, 23 de fevereiro de 2010

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Un dos escritores máis prolíficos e máis recoñecidos da Literatura Galega é Agustín Fernández Paz, autor do libro escollido para inaugurarmos o Coristranca de primeiro ciclo: Cartas de inverno.
A novela é todo un fenómeno de masas en Galiza e no Estado español, cun volume de vendas de máis de 65.000 exemplares, o que a converte nun auténtico fito da Literatura Galega.
Reproducimos a seguir unha noticia publicada no xornal Galicia-Hoxe falando deste tema co propio Agustín:




Con máis de 65.000 exemplares vendidos e vinte edicións en galego, a novela Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, estase a converter nun fito da industria editorial de Galicia, comparable polas súas cifras ao fenómeno de Manuel Rivas ou ao histórico Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas. O propio Fernández Paz é o primeiro sorprendido polo esmagante éxito dunha obra que, en principio, non era das súas favoritas e que naceu "como unha sinxela homenaxe ás novelas de medo, en especial as de Lovecraft".

Pero Cartas de inverno non arrasa só en Galicia senón que se converteu nun auténtico supervendas a escala do estado. En castelán leva xa 12 edicións e 16 en catalán, lingua na que no último ano vendeu oito mil exemplares. Ningún outro libro lle proporcionou ao autor tantas satisfacións e aínda hoxe lle chegan cartas e correos electrónicos nos que os lectores lle amosan o seu entusiasmo coa obra. "O segredo", asegura Fernández Paz, "debe estar na estrutura, máis que no seu argumento. Cartas de inverno posúe unha forma moi meditada de bonecas rusas, unha dentro da outra, como se os protagonistas estivesen en estado angustioso".

Con todo, considera que a clave do éxito é "o enganche dos lectores", porque "todos os que comezan o libro non poden soltalo. Algo diso debe haber para que un mozo ou unha moza me escriban unha carta despois de lelo. Non é nada habitual".

Publicado inicialmente en 1995, o libro vén tendo unha media de dúas ou tres edicións por ano, sen perder en ningún momento o seu engado para os lectores. Fernández Paz cre que, neste sentido, se demostra que é unha novela intemporal, por riba do tempo cronolóxico no que foi escrita, 1994, cando non había correo electrónico, por exemplo. "O máis importante", engade, "é que o que se conta é inalterable por riba dos séculos e os secúlos, se o cambio de clima non lle pon fin: as persoas temos medo, un medo irracional que nos vai seguir acompñando como especie. Pode ser o medo ao mamut, o medo a unha pantasma ou a un virus mutante. Tanto ten: non nos separaremos deles".

Para o autor -o máis premiado do xénero infantil-xuvenil en Galicia e o rei das vendas a escala xeral-, outro dos méritos de Cartas de inverno é que pode lerse por adultos e gozalo igual. "A sorte que temos en Galicia", subliña, "é que os nosos editores, baixo o paraugas da Literatura infantil e xuvenil, publican unha literatura francamente interesante".

Sem comentários:

Enviar um comentário