sábado, 15 de junho de 2013

EXTREVISTA DIXITAL CON FINA CASALDERREY

Estabamos a agardar polas respostas de Fina Casalderrey ás preguntas xurdidas a raíz da nosa tertulia literaria sobre a lectura de Asústate Merche

E xa chegaron decontadiño desde as terras do Lérez ás de Bergantiños.

Velaquí volas deixamos para partillalas convosco!






·         -En Asústate Merche! A quen quixeches converter realmente en protagonista principal: Auria ou Merche?
Vaia… agradezo unha pregunta que nunca se me fixera e, polo tanto sobre a que nunca houbera dar contas…
Hoxe, reflexionando na distancia que dan os anos que pasaron dende que escribín esa historia, diría que aínda que Auria é a protagonista, a que ten algo que quere contar, en realidade con esa “amiga” que se inventa para poder abrir as súas entrañas, sen prexuízos, sen censuras, esa amiga tan extremadamente fiel que non deixa oco para unha posible traizón, con Merche, o que quixo a “autora” é que Merche fose esa lectora, ese lector paciente, discreto, que sabe escoitar ata o final, sen interrupcións, o que Auria pretende contarlle.
Quizais, xa daquela, no meu subconsciente estaba a importancia que ten o lector, a lectora en todo isto que chamamos Literatura. Italo Calvino dicía “Eu leo, logo el escribe” e eu estou tan de acordo con esta aseveración, teño tan claro que quen le, quen “escoita”, é quen dá sentido ao de publicar que, dende hai xa bastantes anos, na dedicatoria están sempre os lectores e lectoras. Ben sei canto vos debo!
En fin, Merche… sodes vós, Merche é necesaria para que a historia exista fóra de min.
·         De onde xurdiu a idea de desenvolver o relato a través dun diario?
Na historia da Literatura houbo moitos autores e autoras que utilizaron o diario como estratexia, son consciente de que non descubrín a pólvora. Quizais esa viaxe real que fixera o meu fillo, con 16 anos, por Europa e,sobre todo, o regreso… Talmente semellaba que a lingua lle collese rodas, contar, contar, contar… El a min, por suposto non me contou “intimidades que non se lle contan a unha nai”, nin me contou esa historia, pero provocou que nacese en min a idea de aproveitar como pano de fondo esa viaxe real e imaxinar unha historia.
Hei desvelarvos que foi unha historia que escribira con moitas ganas, “completamente” transformada en adolescente. Lembro que estaba, entón, facendo francés na Escola de Idiomas de Pontevedra e deixeino todo por escribir. Despois de ter o primeiro borrador, retomei as clases cunha “mentira piadosa”.
·         Por que lle chamaches Merche ao diario e non outro nome calquera? Ten algún significado especial ese nome?
Iso digo eu… De certo, podería ser outro nome calquera. Non ten máis significado ca que fose un nome de muller, que nun principio fixese dubidar da súa existencia coma unha moza de carne e óso. Ademais… Merche, vén de Mercedes, e Mercedes é un nome fermoso.
·         Identifícaste con algún personaxe do libro?
Non me identifico con ningún individualmente, pero sei que hai un cachiño de min en todos eles, mesmo nos ruíns. Non sería a primeira vez que, alguén que me coñece moito, me di que aínda que lle tapasen o nome da autora a calquera dos meus libros, sería quen de descubrir a autoría porque é quen de recoñecer anaquiños de min ciscados coma pezas soltas dun quebracabezas. Non sei se tanto…, pero si.

·         final do libro é moi acertado e estou de acordo con que a historia remata aí, pero non che gustaría escribir unha segunda parte na cal nos dixeses se a amiga de Auria vai falar co seu pai ao cárcere ou se a protagonista ten descendencia e lle deixa ler o seu diario ou se lles dá por ter eles un propio? Sería como volver escribir a historia de cero, sería emocionante, non si?
O certo é que non se me ocorreu. De non facelo no momento, a min sempre me pasa que, a medida que os anos pasan para min, tamén pasan para os personaxes dos meus libros. Todo o que eu son quen de “evolucionar”, penso que os meus personaxes evolucionarían canda min, xa non serían os mesmos. Polo de agora —porque nunca se pode dicir— só sucumbín a esa tentación —e porque mo pediran moito— con O misterio de cemiterio vello, onde aparecen os mesmos personaxes que en O misterio dos fillos de Lúa, que han de resolver outro “misterio” diferente.
E falando de finais, non creades que non tiña outros… Foi desas veces que “me sobraban”. Explícome: dubidaba entre facer que Paio tivese un accidente fatal cando ía ao encontro de Auria e ela, á fin, poder “chorar” libremente; ou deixar que pasase o tempo e ese amor adolescente quedase no recordo cunha mirada distinta, xa sen drama… Pero quixen deixarme guiar por aquela primeira arroutada adolescente, aínda a risco de que ese final puidese tinxilo todo dun ton “rosa”.

·         Tes algún sitio en particular para escribir?
Teño, si. Teño un “cuarto para min soa”, mais non o tiña cando comecei con todo isto e iso non era un atranco que fose máis alá de incomodidades que non tivesen remedio, ou que coutasen a miña imaxinación. Mesmo, de cando en vez, preciso “fuxir” do sitio habitual e facer unha sorte de mudanza que me axude, asemade a mudar o ánimo.
Teño un cuarto cunha ventá grande, dende onde podo mirar ao lonxe. Sei que está moi preto o río Lérez, pero non podo ver, só intuír…

·         Poderíasnos recomendar dúas lecturas para o verán? Unha túa e outra de calquera outro autor ou autora.
Pois… A Pomba e o Degolado, dos meus. Hai unha editorial na que queren traducilo ao inglés e, tendo en conta que me chamaron sen ter eu axente literario, agradoume. Polo visto, gustoulles moito. Oxalá que a vós, tamén.
Logo diríavos, por exemplo… El baile de Irène
Némirovsky, porque é sinxelo, “delgadiño” para que vos deixe tempo para outras cousas e … e porque é un deses libros bos, que pagan a pena.

Que teñades un bo verán. Sede felices, fabricando a felicidade. Pode que alguna desas lecturas vos axude… oxalá. Apertas coma ríos.



Sem comentários:

Enviar um comentário