quinta-feira, 20 de janeiro de 2011

50 ANOS LENDO AS MEMORIAS DUN NENO LABREGO!


O 5 de xaneiro de 1961 saían do prelo as Memorias dun neno labrego que escribiu o prolífico autor Xosé Neira Vilas. Unha obra que xa é cualificada best-seller da literatura galega, pois son centos de miles os lectores e lectoras que teñen rido e chorado coas experiencias de Balbino, o neno protagonista, no que tantas xeracións de galegas e galegos habitantes do mundo rural se teñen visto reflectidos. Iremos falando ao longo do curso desta lectura que celebra os seus primeiros 50 anos de vida e que, desde xa, vos recomendamos.

Mentres, para abrirmos o curioso padal, velaquí vos deixamos as súas primeiras liñas:

EU SON...

BALBINO. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No verán ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. sede, sol, moxardos.

Sem comentários:

Enviar um comentário